venres, 13 de abril de 2012

facendo os soños realidade






Hoxe tivemos o inmenso pracer de facer unha multisesión adicada ao audiovisual galego no Uruguai. Improvisamos un patio de butacas na biblioteca e alá fomos cos de 1º e 3º  falar e ver en pantalla grande como pouco a pouco vai callando un audiovisual galaico no que, sen dúbida, todos temos un pequeno gran de area que aportar. 

Os nosos invitados foron nada máis e nada menos que o director e os actores e actriz principal do último traballo cinematográfico estreado na nosa terra: Vilamor. Neste filme recréase a apaixoante historia duns mozos e mozas que decidiron alá polo principio dos oitenta montar unha comuna nunha aldea abandonada do Caurel. O filme estreouse con éxito onte en Vigo e xa se pode ver en tres salas da cidade. Hai que ir alá. Estreas en galego son unha auténtica rareza que non imos desaproveitar. Ademais,  quedamos todos invitados a participar nun concurso de vídeo que fomente o noso cinema.

Como nos deu tempo, os pequenos amosaron aos de 3º os seus traballos lexicográficos en vídeo e os de 3º amosaron aos pequenos os seus. Foi moi divertido escoitar as peticións de revisionado de vídeos e os aplausos entusiastas do público. A temperatura na biblioteca subiu considerablemente cando demos cun vídeoclip de Toñito de Poi na nova páxina web do audivisual en Galiza que tenta tapar o gran furado que deixou Flocostv. 

Boa fin de semana a toda a comunidade educativa do Uruguai e que sigan agromando ideas gloriosas para que todos os nosos soños callen en fermosas realidades.

Algúns enlaces sobre a película:

1. Páxina web de Vilamor. Material fotográfico, tráilers, equipo, etc.
2. Blog de Vilamor onde aparecen as bases do concurso de vídeo e todo tipo de información sobre a súa estrea.
3. Críticas na prensa





Ningún comentario: