xoves, 7 de abril de 2011

NAVY BAR / Manoel Antonio




NAVY BAR


Este bar ten balances

E tamén está listo

para se facer á vela


Enchéronnos o vaso

con toda a auga do mar

para compór un cock-tail de horizontes


Pendurados das horas

atlas xeográficos de esperantos

están sen tradución

E tatexan as pipas

co ademán políglota das bandeiras.


Ese cantar improvisado

é o mesmo

que xa se improvisou nalgures


Quen chegou avisándonos

desa cita nocturna que temos

co vento ao N.E.

na encrucillada das estrelas apagadas?


Aquí de incógnito

o Mariñeiro Descoñecido

-sen xeografía nin literatura_

A noite dos naufraxios

co seu brazo salvavidas

aferrará connosco unha vela de chubascos


O vaso derradeiro

estaba cheo de despedidas


Polas rúas dispersas

iámonos fechando

cada un dentro da súa alta mar


No repouso dalgún vaso

tódalas noites naufraga o Bar


Manoel Antonio: De catro a catro, Editorial Nós, 1928