xoves, 11 de decembro de 2014

OS EUROPEOS EN ABRANTES


OS EUROPEOS EN ABRANTES
(EPOPEA EN PROSA)
I
ABRANTES, ANTES DA INMIGRACIÓN EUROPEA
Ahistoria esta non é a da colonización de Abrantes, aínda que pareza que leva ese camiño. Dende a súa fundación, Abrantes tiña estación do camiño de ferro, Casa‐cuartel da Garda Civil e mais estanco. Non é o Poble Gris de Santiago Rusiñol, porque é moito máis pequeno. Nin é aldea, nin é vila, nin é cidade. Non ten historia nin falta que lle fai; mellor dito, a verdadeira historia de Abrantes é a que imos contar.
Procedamos con orde: Abrantes achase separada do río Miño polos seguintes valados: un gran coiñal, queimado polo sol; unhas veigas de millo resequido e poirento; o camino de ferro co seu leito de coio partido, e maila estación. O lugar componse de case que unha ducia de casas, ao longo dunha estrada poirenta, chantada de acacias de bóla. Por frente ao río, érguese un monte pelado e negro, polo que rubirían as cabras, se as houbera. A flora é pouco variada, agás as acacias de bóla e o millo medran na aba do monte fentos e carpazas, e arredor da estación e das casas danse as ortigas. A fauna componse dalgunhas pitas, unha vaca, un porco e unha borrica; ademais, en cada casa hai uns cantos cans; en cada cama, unha chea de chinches, e en todas partes unha infinidade de moscas. Tocante á poboación humana, aínda que axiña coñece un a todos non se pode calcular ben o número de almas.
Socialmente, a poboación divídese en tres clases: a alta é o médico; a media o xefe de estación e o cabo da Garda Civil e a baixa todos os demais. Esta división tripartita fúndase na consideración social, mais pódese facer outra entre o elemento militar e o civil, outra entre a clase industrial e a clase agraria, etc., porque Abrantes é un mundo en pequeno. En Abrantes non hai costumes... Os homes xúntanse na tenda, onde venden viño e gaseosas. O viño, cando hai colleita no país, é agre; cando non a hai, é composto. As gaseosas teñen a temperatura do tempo: quentes no verán e frías no inverno. As mulleres xúntanse nas portas. Os nenos e os cans xúntanse en todas partes.
Coma as gaseosas, así é o clima de Abrantes: no inverno é un glaciar, no verán é un inferno. O verán de Abrantes é bíblico; é unha praga, é as dez pragas de Exipto... Entón o río descobre outro tanto coiñal que fumega ao sol: aquela é a concha de Abrantes. As moscas veñen en nubes negras coma a langosta a pegárense na porta da tenda, nas caras dos abranteses, no pescozo da vaca e da burra, nas paredes, nas mesas, nas gaseosas, no caldo e no viño... Cada 2
un que pasa ‐ case só nenos e cans ‐ vai envolto nunha polvoriña que o fai invisible. Os abranteses, non podendo facer outra cousa, súan. Se outro exercicio fan, morren.
Auga non hai máis que a do río. Alá van apañala as mulleres, dando un rodeo de dous quilómetros, para non pisaren os coios ardendo; cando chegan á casa a metade da auga secou, e a outra ferve, de xeito que case que non compre acender o lume para o caldo. Madia levan, porque como non hai leña, os abranteses non queiman máis que caixóns de fideos e de tabaco, periódicos vellos e canas de vasoira.
O problema da mantenza en Abrantes resólvese dun xeito ben sinxelo: verduras, non as hai, logo, fóra o réxime vexetariano. Tampouco hai leite, e os ovos véndense para fóra. En troques, un día á semana, pódese mercar carne a legua e media de Abrantes, se un chega a tempo. O pan vén cada tres ou catro días á tenda, onde tamén hai pastas ranciosas para sopa, e latas de sardiñas prehistóricas. En parte este sistema de abastecemento tan sinxelo e tan doado débese ao celo da autoridade municipal, quen tendo como ten unha tenda no lugar cabeza do Axuntamento, nada máis de caixón: os de Abrantes áchanse moralmente, e aínda materialmente obrigados a se surtiren nela, aínda que non fose máis que por respecto ao principio de autoridade.
Mais non vaiades pensar que as condicións económicas, sociais e políticas de Abrantes cambiaron en nada polo feito transcendental que imos referir. Abrantes, despois da inmigración europea seguía sendo así. Non por iso deixou aquel feito de ter fondísimas secuencias históricas; elas han ser deducidas ao seu tempo.
II
O MÉDICO DE ABRANTES
O doutor Andrade era o único funcionario civil de Abrantes. Era o médico municipal, mais vivía ali por apego ao camiño de ferro. Non ía nunca no tren; cando quería ir á capital da provincia montaba nun carricoche cun cabalo, e ía visitar no cabalo só. Mais o camiño de ferro era un adianto, e ademais, el estaba rifado co alcalde... xentes incultas e retrógradas! En troques en Abrantes non había igrexa, nin crego, nin romarías, nin enterros; era un pobo moderno, todo vías de comunicación: estación co seu telégrafo, o coche das gaseosas, a bicicleta do fillo do cabo da Garda Civil, e aínda que non houbera estación telefónica, polo menos víanse pasar os fíos...
O doutor Andrade amaba con peito afervoado a electricidade, o vapor, o magnetismo, a mecánica e a sueroterapia. As demais cousas eran andrómenas, froito da ignorancia das idades bárbaras: Deus era un espantallo para explotar ao pobo: a arte unha brincadeira para 3
os nenos; a Teoloxía, a Astronomía, a Filosofía, latinarios para as vellas e para os cregos, a alma non a atopara endexamais na punta do escalpelo... O Mr. Homais de Flaubert, o doutor Pascal de Zola asustábanse se chegan a falar co doutor Andrade.
O doutor Andrade estaba subscrito á Reuista de Occidente. Non era vulgar. Ademais, dábase con todos, e falar, falaba de raio... Cos empregados da estación, falaba de máquinas e de organizacións societarias; cos labregos, de agrarismo e de abonos químicos, e co cabo discutía o problema nacional.
O doutor Andrade non vivía porén, conforme aos adiantos modernos: tiña unha casa de ladrillo, feita por el, con teitos a tella va, e o mobiliar dun anacoreta. Mais emporiso, hipertrofiáraselle o instinto da propiedade ata chegar a un xeito de enrabechamento e de agresión. Porque un rapaz sacou un guizo dun feixe que tiña no eixido, sacou o médico pola fiestra unha carabina de dous canos... A xente tíñalle medo. E non era para meno s: había que velo chegar montado no seu cabalo e cun salakoff na cabeza, que mesmo puña respecto...
O doutor Andrade era un gran médico. Sabía, tiña bo ollo, operaba ben. E aínda máis: curaba aos enfermos. Mais non os curaba precisamente cos seus remedios; curábaos con palabras técnicas. Expliciballes a doenza que tiñan, as causas, o tratamento; falaba de pulsacións, de curvas térmicas, de leucoitos, de beflaro‐conxuntivite e de suero antiestreptocócico, e o doente embobado, convencíase e sanaba. Sen se decatar, o doutor Andrade curaba por medio de ensalmos e conxuros; máis ben que médico era exorcista... O que máis sona lle deu era o que facía cando pasaba por un lugar de moita présa; sen baixar do cabalo que montaba facía que lle sacasen o doente á porta da chouza, e tomáballe o pulso coa punta da fusta... Deste xeito sanou a moitos. Era unha medicina futurista.
O certo ‐ e aquí ven o verdadeiro esotérico da ciencia do doutor Andrade ‐ é que este tiña unha idea moito máis alta dos destinos da clase médica. No facer non. Entre aquelas xentes rústicas e ignorantes o médico tiña que seguir senda o sucesor máis ou menos científico do vulgar menciñeiro. Mais mas cidades, o Protomedicato estaba destinado a tirarlle á Igrexa a dirección das conciencias, a se facer o dono da sociedade moderna como o clero o foi da antiga, e impor o xugo da ciencia a estas xeracións de aprensivos e neurasténicos, como as vellas xeracións de timoratos sufriran o do dogma, e substitur lo prexuízo relixioso polo prexuízo hiperbólico. A revolución principiara xa; xa se vían emerxer as construcións suntuosas das clínicas dos sanatorios, dos laboratorios, as mans mortas da ciencia, consumindo os cartos que antes acaparaban os mosteiros. Xa o médico se metía en lugar do xesuíta no consello privado das señoras da boa sociedade; xa se daba máis importancia á consulta que non á confesión; xa case ninguén cría no demo, e todos crían nos microbios... Xa 4
se achaba preto o triunfo da futura relixión da Hixiene, o reinado glorioso da asepsia, a antisepsia e a profilaxia, que ao fin han salvar á Humanidade da doenza e da ignorancia, e aseguraren a supremacía social do médico, concluíndo dunha vez para sempre coa tiranía ominosa do sacerdote...
E el? Don Severino de Andrade e Teixeiro, doutor en Medicina e Cirurxia, ex‐alumno interno do Hospital de Santiago, do Instituto Rubio e da Clínica do doutor Azúa, el estaría destinado a ver o triunfo da Ciencia dende lonxe, dende Abrantes, estación do camiño de ferro da liña de Oria á costa galega, sen fundar un Sanatorio, sen publicar unha memoria, dar un curso de conferencias?... Velaquí a traxedia secreta do doutor Andrade.
III
O CABALO DO MÉDICO DE ABRANTES
Non puxemos a este ser portentoso e incrible, nin entre a flora, nin entre a fauna, nin entre a cristiandade de Abrantes, porque este que a xente chamaba cabalo, aínda que vivía, de milagre non pertencía en rigor ao mundo dos vivos, senón máis ben ao dos espíritos. Era un personaxe de mesa xiratoria que nin catalogou Paracelso, nin intuíu Swedemborg, nin sospeitou Allan Kardec. Era o único estraño, o único anormal, o único que en Abrantes estaba libre de toda vulgaridade, o único realmente espiritual que alí había.
Lembrade o espectro hípico no que vai montada a Gadañadora, no Triunfo da Morte de Breughel o Vello, e daravos unha idea daquel esquelete de cabalo que levaba unha pelexa pelada, comesta da polilla, adaptada coma unha funda aos ósos limpos... Semellaba un cabalo de aramio, un saltón sen ás nin ventre, unha bicicleta que tivese patas en lugar de rodas. Era un cabalo sumarísimo, sen máis órganos que os estritamente indispensabeis para a locomoción, sen ningún de nutrición, que sen dúbida perdera por lle non seren útiles, por seren se cadra indignos do cabalo perfecto, que nin debe comer, nin beber, nin arder, senón soamente correr: un cabalo reducido a unha soa función, un cabalo rigorosamente científico.
Era un cabalo pantasma, tan lixeirísimo na súa masa, coma nos seus movementos. Sostíñase nas súas catro patas por un verdadeiro milagre de levitación, e tan pouco pesaba que non
deixaba na terra a marca das pisadas. Esvaraba coma as fadas e coma os nubeiros. Era a sombra indecisa dun faco inverosímil, mais a pesar da suprema tuberculose, da afonía mortal da que era acabado emblema, o cabalo do médico de Abrantes traballaba. En troques de ser unha bata de campa e de luxo, servía para silla e mais para tiro. Voaba coma unha palla no vento... De onde senón da súa falta absoluta de peso podía sacar forzas para correr co médico a carranchaperna, e mais para turrar a un ternpo polo coche e o médico? De certo non se sabe 5
ao se era insecto ou cuadrúpedo, e soamente os veciños de Abrantes, non moi agudos de entendemento, podían asegurar, porque o crían pola fe, que era aquel un cabalo.
Moralmente era un asceta o cabalo do médico de Abrantes. Pode que antes tivese pecado moito, mais de todos os xeitos Abnntes foi para el unha Tebaida espiatoria e santa que das súas virtudes se abriron coma ledas flores de penitencia. Facer, fixo méritos de abondo para conquerir un ceo, ou polo menos un limbo axeitado á súa alma de besta padecente. Era un faquir, era o Pappus da súa especie, que vivía do xexún, única mantenza que lle daba a Providencia, que o que é o médico non lle daba senón traballo. Era o hipocamaleón, era unha ilusión, era un soño feito ósos...
Aquela besta heroica viviu en Abrantes a epopea da fame, sen protesta, sen unha queixa, sen relincho nin couce... Ninguén soubo apreciar as virtudes excelsas daquel ser singular. El tampouco dixo a ninguén o poema secrego dos seus soños, nos que sen dúbida a memoria da especie lembraba as lameiras, as touzas, as gándaras sen fin por onde brincaban as eguadas ancestrais... porque el non coñecía os piensos racionais, nin os establos modelo, nin nada: non lera o tratado que tiña en prensa o señor don Horacio Bonet, catedrático de Agricultura do Instituto xeral e técnico de Oria, chamado a ser a Biblia da Zootecnia futura.
É ademais o único personaxe desta narración que tivo un fado tráxico e un épico final, na ocasión memorábel en que Abrantes estivo a piques de figurar na Historia...
A posteridade faralle xustiza.
IV
O ATENEO DE ORIA
Xa se sabe qiie Europa linda polo Norte co Océano Glaciar Ártico, polo Leste co río Kara, os Montes Urais, o río Ural e o Mar Caspio; polo Oeste co Océano Atlántico, e polo Sur co Cáucaso, o Mediterráneo e os Pirineos. O apéndice chamado Península Ibérica, arredado de Europa por cinco séculos de cultura, pertence espiritualmente ao Sahara.
Non obstante, neste deserto hai algúns oasis, e un destes oasis é o Ateneo de Oria. No Ateneo de Oria penetrou a corrente central do pensamento europeo.
Hai anos, xuntábanse nun curruncho do fumoir do Casino de Oria, lonxe do tresillo, das carambolas e do chamelo, media ducia de catedráticos do Instituto. Alí falábase de cousas transcendentais, serias e ergueitas: os Tribunais de oposición, o escalafón ou os quinquenios, as permutas, as Reais Ordes, a teoría de Darwin... A xente deu en chamar a aquel corrunchiño o Ateneo. 6
Falar nalgunhas vilas do Ateneo é coma quen fala a un tempo do Olimpo e do Parnaso. Nin un Congreso Pedagóxico, nin uns Xogos Florais teñen tanto prestixio. O Ateneo é o connubio augusto da Ciencia coa Elocuencia, adornado por todos os síntomas forzosos da seriedade.
Aquel alcume respectuoso foi a idea‐forza que deu pulo ao verdadeiro Ateneo de Oria. O Rexente da Escola Normal que profesaba o culto da atildada frase, expuxo a idea en El Porvenir de Oria. El propuña que se organizasen sabatinas, ou sexa xuntanzas semanais, os sábados, e nelas cada un disertase sobre dun tema determinado. De todos os xeitos, a idea obrou. Os europeos de Oria dignáronse tomala en consideración. Agora ben, a cousa cumpría meditala. Porque se no elemento antigo atopaba partidarios a idea das sabatinas, o elemento moderno, dirixido polo Inspector de Escolas, procedente da Superior do Maxisterio, quería máis ben, un labor de transcendencia social. O mellor era unha Universidade Popular, con clases para obreiros e unha Biblioteca Circulante, onde cada un atopase os coñecementos de máis aplicacións ao seu oficio: o agricultor, ao cultivo das vides americanas; o carpinteiro, á composición de vernices; o tendeiro, aos medios de recoñecer a triquina na carne de porco; o
industrial ao emprego dos motores de gas pobre. etc., etc. Nada de teorías, senón coñecementos prácticos. Logo, nas conferencias semanais, debía perseguir un fin educativo: esquencer a Arte e maila Arqueoloxía, e falar da célula, dos glóbulos roxos, do hidróxeno, do carbono...
Por fin chegouse a un acordo, grazas a unha gran vontade que interviu, disociou a idea‐forza, deixou ao Rexente a idea e quedándose el coa forza, por ela organizou o Ateneo.
Todos os militares retirados que había en Oria, moitos rapaces do Instituto e algúns membros da Cámara de Comercio fixéronse socios. Procedeuse á organización. Principiaron por se abonaren ás catro Ilustracións (“Española y Americana”, “Francesa”, “Inglesa” e “Italiana”) e mais á revista Ibérica. Logo, entenderonse cun viaxante catalán para encargaren para a biblioteca as obras seguintes:
O Quixote.
A Historia Universal, de César Cantú.
A Historia do Consulado e o Imperio, de Thiers.
A colección dos Manuales Soler.
O Diccionario Saltiat.
Os Episodios Nacionales, de Galdós.
A Guerra de África, de Alarcón.
Houbo algunhas discusións, porque os católicos querían a subscrición á Hormiga de Oro e os radicais á do Motín. Mais todo veu a ben pola abnegación duns e outros a prol da Cultura. 7
Por fin nomearon un Conserxe. Quen dá existencia a unha sociedade, non son os socios, nin o Presidente, nin a Xunta, nin o regulamento; é o Conserxe. Unha sociedade existe de que ten Conserxe, se pode ser, con galóns. En canto nomearon Conseme, quedou constituído o Ateneo de Oria.
V
A TERTULIA DO ATENEO DE OIRA
O Ateneo de Oira inaugurouse cunha serie de cinco conferencias sobre o Sistema Métrico Decimal, e seguiron outras de non menos fonda trascendencia e novidade. Para atraer á xente imaxinaron de mercar un aparato de cinema, e proxectar películas antes e despois de cada conferencia; ademais os socios fundadores comprometéronse solemnemente a levaren decote ás súas familias a aqueles actos de cultura e ilustración. Proxectábanse películas da case Pathé, que representaba a cría do verme da sede, a fabricación de chapeus de palla, o sistema do planchado alemán e outros auntos de instrutivo e honesto entretenemento.
Os días soltos os socios fundadores formaban tertulia arredor do braseiro. O que máis se metía nel era don Feliciano Folgoso, vello avogado cuxos estudos sociais encamiñados a restabelecer a harmonía entre o Capital e o Traballo, obtiveran mención honorífica en moitos certames. Todos o respectaban, porque ademais era o Presidente do Ateneo. Ía tamén o seu amigo de toda a vida, o anticuario don Felisindo Gómez; o Rexente da Normal, don Xacinto Comas; o Notario, don Xacobe da Fontenla que era afeccionado á Física e até tiña inventado un aparello para demostrar a cañida dos graves, que mandara a unha Exposición Nacional, e o director de El porvenir de Oira.
O que nunca se chegaba ao braseiro era o inspector de Escolas.
‐ Vostedes estanse intoxicando co óxido de carbono – dicíalles.
‐ Verá usted mi muy excelente si que también sabio amigo – respostaba don Feliciano Folgoso – ustedes los jçovenes que han sido educados conforme a los principios de la Higiene, han conseguido ya un cierto endurecimiento físico que les permite, por decirlo así, soportar las inclemencias del medio. No así los ancianos... Yo, como poseo tan escasa circulación periférica, los descensos termométricos me afectan con inusitada intensidad, que a ustedes les parecerá hiperbólica.
O Inspector de Escolas era un home de 69 quilos, talla 1,67, talla de busto 0,82, brazo 1,65, índice cefálico 75, perímetro torácico 92, leptonino leptoprosopo, iris medio, cabelo liso, escuro, pel branca, fórmula dentaria 4/4, 1‐1/1‐1, 5‐5/5‐5, temperamento nervioso sanguíneo funcións orgánicas, pulsacións por minuto 68, sen antecedentes hereditarios morbosos, sen historia clínica, 35 anos, solteiro. Observaba un réxime dietético mixto, vexetariano e ovo‐8
láctico; tomaba ducha diaria e baño semanal a 32 graos, practicaba a ximnasia sueca sistema Meyer e masaxe cutánea e abdominal regularizadora da fuunción catabólica do intestino. Vestía en El Águila de Madrid, prendas soltas, sen tirantes, nin cinto, nin outra cosa que comprometese a cabeza, o tronco nin as extremidades, de xeito que deixasen funcionar libremente os órganos e non impedisen a circulación do torrente sanguíneo; camisa con colo e puños de celuloide, botinas de elástico con piso de goma, para facilitar a desinfección cotiá e para impedir a humidade nos tarsos. O seu nome, don Xoán Pérez e García.
Don Feliciano, aínda que non frisaba moito con el, recoñecía que o Inspector de Escolas representaba o espítito novo e era o dono do povir... Don Felisindo, que non sabía as verdadeiras funcións do fígado nin do bazo, non vía ben como se formaban as irmaxes na retina tíñalle medo; tanto traballo como el levara para demostrar que a sepultura do lado da Epístola na igrexa do mosteiro de San Martiño de Balugueiras era a do cabaleiro Pai Feixoo, benefeitor daquel mosteiro, que formaba con outros personaxes o privilexio rodado de don Alfonso IX de León ao dito mosteiro, no ano 1229, e se agora resultaba que todo aquilo non importaba nin valia para nada?... Don Feliciano tranquilizábao asegurándolle que a perfección da Ciencia resultaba del consorcio armónico de la tradición con las adquisiciones del espíritu moderno.
En troques o Notario don Xacobe da Fontenla, que contribuíra co seu modesto óbolo ‐ o aparello para demostrar a caída dos graves presentado a unha Exposición Nacional – ao progreso moderno, que era membro da Asociación Española para el Progreso de las Ciencias, tiña ao inspector por un oráculo, e o director de El Porvenir de Oria tamén era do partido da Renovación. Aínda estaba tentado a publicar no seu boletín unha serie de artigos desenvolvendo a que o señor Pérez García chamaba idea directiva de todo progreso nacional: ʺvivir cientificamenteʺ .
Mais a fórmula esta aceptábana tamén os partidarios do consorcio armónico, principalmente o Rexente da Normal e aínda o propio catedrático de Latín.
Soamente a contradicía de cara un rapaz, estudante de filosofía que coas súas distincións entre o vital e o racional, as súas teorías do fracaso da razón, da continxencia das leis naturais, e outras polo xeito, facía erguer protestas unánimes... Os sabios membros do Ateneo de Oria, non podían transixir con aquelas doutrinas novas que viñan comprometer gravemente as bases inconmovibeis en que descansa o Progreso Moderno.
Mais aló, no fondal segredo da súa alma, o anticuario don Felisindo Gómez acariñaba unha vagarosa esperanza na continxencia das leis naturais.
VI
O PROXECTO DO MÉDICO DE ABRANTES
O máis radical partidario da renovación era o médico de Abrantes. O doutor Andrade ia dúas ou tres veces ao mes á capital, decote visitaba a tertulia do Ateneo.
‐ Estamos de acordo ‐berraba o doutor ‐ en que a perfección consiste en acomodar a nosa vida aos adiantos portentosos da Mecánica, da Electricidade, do Magnetismo, da Termoquímica, da Histoloxía, da Aerostática, da Bacterioloxía, da Psicofísica, da Bioquimica e da Termodinámica: mais para iso cómpre ceibar á Humanidade da ignorancia e do fanatismo que ateigan os miolos das pobres xentes ás que non chegan as portentosas luces da Ciencia Moderna...
‐ Por iso eu quixen ao principio ‐ respondeu o Inspector de Escolas que este Ateneo fose un centro de cultura popular que espallase as luces da Ciencia en todas as clases sociais...
‐ Ese labor ‐replicou o doutor Andrade ‐ é no campo onde hai que facelo. Eu coñezo a vida rutinaria dos labregos...
‐ Si ‐concedeu don Feliciano ‐, cómpre roturar aquel ermo espiritual.
‐ Eu mesmo ‐ xemeu Andrade ‐ atópome alí isolado, arredado da civilización e do progreso... se tan sequera tivese con quen falar destas cousas... Por que non se animan vostedes a vir a Abrantes este verán?
Os maiores acontecementos, os feitos chamados a trocar a face dos pobos e torcer a marcha da Historia, penden ao mellor dunha ocorrencia así. Quen ía pensar as secuencias incalculabeis daquela súpeta inspiración do doutor Andrade? Deuse el conta da transcendencia daquela idea que ceibou respondendo a unha vaga cobiza, segundo o que el pensaba, mais, en realidade, empuxado polas leis eternas que rexen a fatalidade histórica?
O caso foi que aquelas verbas tan sinxelas puxeron en todos os espíritos, sen que disto se decatasen ben os señores ateneístas, o tremor de presentimento e de agoiro que precede ás grandes resolucións. Un silenzo solemne fíxose na docta asemblea...
Ao cabo, o Inspector de Escolas, pillou o queixo con dous dedos da man dereita, e dixo:
‐ Pois sabe que non estaría mal?
O doutor Andrade expuxo entón como Abrantes xuntaba as máis doadas condicións para veranearen persoas cultas: ao pé do río para se bañaren; tres trens diarios, alimentos sans, estrada con acacias, etc. etc. Uns meses de descanso, de convivencia coa natureza, virían ben a todos: irían todos os presentes, e mailo catedrático de Latín, que non estaba, coas súas familias, e coa liberdade que o campo permite, vivirían nun culto e tolerábel consumismo.
Conformes ‐ dixo o Inspector de Escolas ‐, faremos unha sorte de Colonia Escolar de Adultos. 10
Todos asentiron entusiasmados.
Don Feliciano Folgoso non falara aínda.
Obrigárono.
‐El estado de mi salud me hace ambicionar un cambio de ambiente ‐ manifestou o Presidente ‐. A consecuencia de la injección gripal que padecí el pasado otoñio, nze quedó una afección gastro‐intestinal, con un dolor que, localizándose en el intestino delgado, ejerce presión sobre la vejiga y estimula secreción urinaria. Es posible que la permanencia en Abrantes me proporcione alivio. Iré, pues, con ustedes.
Ficou acordado: lº. Rematados os exames de ensino libre, ou sexa, na segunda quincena do mes de San Xoán, estableceríase en Abrantes a Colonia de Vacacións do Ateneo de Oria. 2º. Sería Director da Colonia don Xoán Pérez e Garcia, Inspector de Escolas da provincia, quen redactaría o regulamento polo que a Colonia tería que rexerse. 3º. O doutor Andrade encargariasc de apousentar aos veraneantes e mais do abastecemento da Coloniá.
E sendo a hora de cear, levantouse a sesión.
VII
REGULAMENTO DA COLONIA DE VACACIÓNS DO ATENEO OIRA
Artículo 1º. A Colonia de vacacións do Ateneo Científico de Oria ten por fin a educación física, intelectual e moral dos señores socios que a compoñen: a primeira por medio do maior aproveitarnento do osíxeno do aire para a función respiratoria, permitindo unha mellor é máis completa oxidación do sangue, e unha maior riqueza dela en óxido de ferro: dos beneficiosos efectos dos raios solares no organismo, ben sexa pola súa acción tónica e estimulante sobre o torrente circulatorio, ben pola activación das glándulas sudoríparas, permitindo a eliminación das toxinas que infectan a economía; do moderado exercicio ximnástico regulador das funcións orgánicas, e mais da acción sedante da coloración verdecente da campía sobre o sistema sensorial e nervioso.
A segunda pola observación experimental directa sobre a terra mesma dos fenómenos físicos, químicos, biolóxicos, psiquicos e sociais, das formas xeométricas, das mensuras e dos cálculos, pois os colonos non han ver nos fenómenos da natureza máis que a ciencia realizada e omnipresente.
A terceira polo estreitamento dos vencellos sociais que se crean na íntima convivencia e axuda mutua dos colonos en loita coa natureza libre. 11
Articulo 2º. A dirección e goberno da Colonia fica encomendada a un Director‐técnico especializado nas disciplinas pedagóxicas, o cal estará asistido dun subdirector económico, especializado na Ciencia das finanzas, e mais dun Asesor Médico.
Artículo 3º. Antes de porse en camiño a Colonia, cada un dos señores e señoras que a compoñen, sufrirá un detido exame médico‐pedagóxico, co resultado do cal se encherá unha folla que levará os seguintes extremos.
a) Talla, peso, perímetro torácico e demais mensuras antropométricas, das que se sacará o índice de robustez.
b) Capacidade respiratoria, apreciada polo espirómetro.
c) Forza muscular, apreciada polo dinamómetro.
d) Tanto por cento de hemoglobina, apreciado por análise química.
e) Ritmo cardíaco.
f) Agudeza dos sensos externos.
g) Capacidade de atención, de asociación de ideas, índice de fatiga e demais probas mentais, verificadas mediante os test de Binet.
Á volta repetirase para cada un o exame do mesmo xeito para poder apreciar os progresos obtidos na estadía en Abrantes.
Artículo 4º. O réxime alimenticio da colonia será, salvo excepción decretada polo Asesor médico, o vexetariano, dando decote prefencia aos productos científicamente elaborados, principalmente ao caldo de cereais e ao pan integral. A bebida será unicamente auga fervida e aireada, podéndolle engadir litinoides en cantidade moderada.
Artículo 5º. As habitacións que vaian ocupar os señores colonos, han ser previamente e minuciosamente desinfectadas, caleadas e pintadas, baixo a dirección do Asesor médico, para o cal, quince días antes, se mandará á futura residencia da colonia a estufa de desinfección, e as cantidades precisas de ácido bórico, zotal e solución de bicloruro de mercurio.
Durante a estadía dos colonos, as habitacións han ser mantidas nun perfecto estado de asepsia, sen que se permitan nelas alfombras, cortinaxes nin outra cousa que poida en si aloxar e dar achego a bacterias, microorganismos e toda caste de xermes patóxenos.
Articulo 6º. A vida dos colonos ha ser a seguinte:
.‐ Ás sete da mañá: cinco minutos de ximnasia sueca, con flexións das extremidades torácidas e abdominais, ducha e almorzo.
.‐ Ás oito e trinta, baño en común, no río, con exercicios de natación. Ao saír, masaxe e frición con toalla seca.
.‐ Ás doce, descanso. 12
.‐ Ás doce e corenta e cinco, xantar.
.‐ Ás trece e trinta, os pletóricos deben pasear na casa; os asténicos deben estar deitados sen durmiren deica as catorce e trinta.
.‐ Ás catorce e trinta, xuntanza e recreo.
.‐ Ás dezasete, xuntanza instrutiva ou excursión.
.‐ Ás vinte, cea.
.‐ Ás vinteunha, xuntanza instrutiva.
.‐ Ás vintetrés, cinco minutos de ximnasia sueca, dous minutos de frición cunha toalla seca e deitarse.
Artículo 7º. As excursións faranse nos días e nas circunstancias que determine o director, previa consulta do asesor médico.
Articulo 8º. Os colonos procurarán manter sempre un ánimo alegre e divertido sen esaxeración, axudando cada un aos demais para elo, por medio de chistes cultos e ocorrencias inxeniosas, problemas fáciles, xogos de prendas ou de mans, fábulas, charadas, logogrifos e demais esparcimentos honestos.
Artículo 9º. A colonia sosterase coas subvencións que lle sexan concedidas pola Excelentísima Deputación Provincial, polo Ilustre Concello de Oria, e mais pola Caixa do Ateneo.
Artículo 10º. Redactarase unha Memoria da Colonia, que será publicada polo Ateneo, e repartida entre as autoridades e os socios.
VIII
PREPARATIVOS
Como todos os seráns a cotío había dez anos, o señor don Felisindo Gómez púxose o chapeu brando negro, pillou o caxato de ébano con caiada de prata e foi en procura de don Feliciano Folgoso, para iren os dous pé ante pé ao Ateneo. Chamou, e a porta aberta, don Felisindo sen quitar o chapeu, encamiñouse para o despacho do seu amigo. Non estaba. Don Felisindo deu volta e foise para o comedor. Pola porta entornada, enxergou un cadro insolito: don Feliciano en mangas de camisa, estaba debruzado riba da mesa, pernas e brazos no aire e imitaba compasadamente os movementos dunha ra...
Sen descomporse, don Felisindo empuxou a porta. Don Feliciano véndose collido, brincou con estrépito da mesa embaixo e correu a pillar a chaqueta.
‐ E logo, adicase á ximnasia sueca? ‐ preguntou don Felisindo coma se nada.
Feliciano achábase confuso coma unha doncela collida en camisa. 13
‐ Claro ‐ dixo póndose colorado ‐, non lle dixera nada... mais... queríalle dar unha sorpresa... Non é ximnasia.
‐ Pois se non é ximnasia, non me explico o que estaba facendo.
Don Feliciano púxose confidencial:
‐ Amigo Gómez, vostede sabe o que imos facer en Abrantes? Vostede sabe que aló en Abrantes, teremos que nadar?
‐ Home, iso din.
‐ Ben, e vostede sabe nadar?
‐ Non señor.
‐ Pois eu... estou aprendendo.
‐ Vamos ‐ comentou don Felisindo pensatibel ‐, xa caio. Vostede está aprendendo a nadar en seco.
‐ Hai que principiar por aí! ‐ replicou don Feliciano botando lume ‐ Eu aprendo a nadar por un método científico, rigorosamente científico, non empírico, e se non o cre vaino ver.
E colleu un libro e púxollo diante do nariz.
Na coberta dicía: C. de Joegersen. Tratado teórico‐practico de natación. A portada tina un atleta en traxe de baño.
Don Felisindo, bibliófilo experimentado, foi axiña en procura do índice. Este principiaba:
Prólogo do autor.
Prólogo da edición sueca.
Prólogo da edición francesa.
Introdución. Cap. 1. Razón do plan.
Cap. II. Obxecto e fin da natación.
Cap. III A natación como ciencia e como arte.
Cap. IV. Relacións da natación coas demais ciencias.
Cap. V Bibliografía da natación.
Breve reseña histórica da natación.
Cap. I. A natación dos tempos primitivos.
Cap. II. A natación nos pobos do Oriente.
Cap, III. A natación en Grecia.
Cap. IV. A natación en Roma.
Ao chegar aquí xa estaba convencido don Felisindo de que a natación constituía unha das ramas máis importantes da ciencia moderna, e don Feliciano sorría satisfeito.
‐ De certo que é cousa curiosa ‐ afirmou don Felisindo. 14
‐ Pois mire, mire a bibliografía ‐ respondeu o outro. Abondou que vise O número de obras doutrinais en alemán que citaba o autor. Non collía dúbida; ningún home culto tiña dereito a ignorar unha ciencia xa constituída e sistematizada como a natación.
‐ Está ben ‐ concluíu don Felisindo quitando os anteollos, agora xa me pode dicir como se aprende a nadar.
‐ Ben ‐ outorgou compracente don Feliciano ‐, mais tenme que prometer non dicir nada a ninguén nin dentro nin fóra do Ateneo, nin sequera aos expedicionarios. Bo é que vostede o saiba, mais ten que quedar entre os dous. Nós chegamos alá, e nadamos coma todos, sen que ninguén teña necesidade de saber como aprendimos. Conque, se vostede quere principiamos xa. Dende mañá, vén vostede aquí algo máis cedo, e podemos facer algo antes de ir para o Ateneo.
‐ Ben, direille ‐ respondeu don Felisindo conquerido de todo ‐, eu na auga non me meto por mor do reuma; mais fóra dela, non está de máis o aprender a nadar, aínda que non sexa máis que por precaución, para un caso de apuro. Ninguén está libre de precisar calquera día certos coñecementos de natación. Acepto e agradezo a idea de vostede, así que, cando queira.
‐ Primeiro teño que lle explicar o que é a flotabilidade e as súas condicións, e logo podemos encomenzar os exercicios de propulsión.
E don Feliciano, abrindo o tratado, emprincipiou a explicar ao seu amigo as figuras.
Dende aquela os dous amigos xuntábanse a cotío unha hora antes, e apoiando a barriga cada un nun taburete ad hoc que mandaran facer, espernexaban en catro tempos, con pernas e brazos, segundo as regras estrictas do doutor Joegersen.
Un, dous, tres, catro ‐ repetían a unha.
Estaban aprendendo a braza de peito.
‐ O autor ten razón ‐ aseguraba don Feliciano ‐, non pode chegar a nadar ben máis que o que aprende a nadar en seco, porque el soamente executa os movementos matematicamente precisos, namentres que os rapaces que aprenden no río, empiricamente, sen coñecencia dos músculos que teñen que pór en xogo, sen saberen aproveitar cientificamente o esforzo dos propulsores utilizabeis, as extremidades torácicas e abdominais, adquiren unha chea de vicios e hábitos rutinarios que lles poden ser fatais. Desengáñese, Felisindo, a nosa é a natación racional, a única.
Don Felisindo estaba xa tan tolo coa natación que chegaba á casa, e el só botábase no asento dunha cadeira e púñase a practicar a braza de peito. Cando se dirixía en silenzo con don Feliciano ao Ateneo, ía repasando polo baixo os preceptos de Joegersen: 15
1º. tempo. Posición inicial (figura 14). Os brazos e as pernas encollidos. As palmas das mans xuntas. Os calcaños xuntos á altura do corpo.
2º. tempo (fig. 15). Extensión dos brazos sen arredar as mans. Extensión das pernas que deben ficar arreciadas.
3º. tempo (fig. 16). Tempo útil. As mans en posición inversa, xuntas polo revés, etc.
Á braza de peito sucedeu a de lombo, a esta o over e o dobre over e logo o trudgeon e o crawl. Un día, cando chegou don Felisindo, don Feliciano folleaba un catálogo de cousas de deporte.
‐ Iso que é, Folgoso?
‐ Nada. É un catálogo dunha casa de Barcelona. Estou vendo a ver se trae uns cintos de natación de que me falaron.
‐ Logo vostede insiste no seu propósito de botarse á auga.
‐ E vostede, non?
‐ Home, a min non mo permite o reuma, xa o sabe. De boa gana o faría, non crea. Mais, así e todo, non levamos un mes de ensaios... É mellor que o deixase para Abrantes.
‐ Alá, diante de todos, vou nadar con cinto! – berrou don Feliciano indignado ‐. Nada, nada, se vostede non quere ala vostede. Eu non o obrigo. O que é eu, en canto teña o cinto, alá vou.
Don Felisindo sentiu a súa inferioridade, e calou.
Chegou o cinto de corcho, de fábrica francesa modelo último. Era por fins de maio e a calor apretaba. De que rematasen os exames, tíñase que emprincipiar a organizar a expedición; non había tempo que botar de perda. Un serán, don Feliciano fixo un paquete co cinto, o taparrabos e unha saba, meteu o Joegersen na man de don Felisindo, e foron para un lugar silandeiro do río.
Debaixo das árbores, espiuse don Feliciano. Don Felisindo ollábao con envexa.
‐ Agora ‐ dixo o nadador ‐, eu bótome ao río, así, como indica a figura 83, e logo, vostede vaime lendo os distintos tempos da braza de peito. Comenza na páxina 191.
Púxose nas puntas dos pés, botouse elegantemente á auga, e desapareceu baixo das ondas. Don Felisindo emocionado contivo o alento... El volvería? As tempas de don Felisindo batían con forza. Con man tremente, buscaba no Joegersen a páxina indicada... Ao cabo dun pedazo, reapareceu don Feliciano cos cabelos apegados na calva relucinte de mollada.
‐ Non ve, Gómez, que ben se flota?... Se non hai medo!... Agora, lea.
Don Felisindo principiou:
‐ ʺO corpo completamente horizontalʺ... Así... Agora, ʺlº. tempo. Posición inicial. Figura 14... Os brazos e as pernas encollidas...ʺ
Don Feliciano emprincipiou a bater furiosamente coas mans arredándose da beira. 16
‐ Que fai vostede, desgraciado? ‐ berrou don Felisindo erguendo o libro ‐. Coidado! Non precipite a cadencia! Movementos pausados! Se non me deixa ler vostede!
Non había remedio; a corrente levaba a don Feliciano que berraba con desespero e pernexaba furiosamente.
‐ Auxilios que afogo!... Auxilios que afogo!
Don Felisindo principiou a correr para arriba e para abaixo coma un tolo.
‐ Auxilios! Auxilios!
Perdera o chapeu, o bastón, ata o trratado... Por fin abesullou alá lonxe uns nadadores empíricos e foise a escape cara a eles.
‐ Acudan! Acudan! Que afoga.
Don Feliciano aboiaba alá, no medio do río, e os seus laios eran desgarrados.
Por fin os nadadores empíricos botáronse á auga, e sacárono con traballo. Entre tres izárono á beira. Don Felisindo acudiu coa súa saba botando ao seu amigo olladas feroces:
‐ Que loucura! ‐ berraba cheo de carraxe ‐. Que loucura!
Don Feliciano baleirábase coma un pelexo; tragara máis de vinte netos de auga. Non podía falar. Batérono, fregárono, enxugárono. Por fin atopouse vestido, reaccionado, sentado nun penedo a carón de don Felisindo que lle collía as mans para confortalo.
‐ Foi bo susto! Foi bo susto! Agora aprendería vostede!
Don Feliciano tatexaba aterrado e arrepentido:
‐Por... Deus... a... amigo Gómez... de... de... isto, nin... unha ver... ba no... no Ateneo...
‐Ninguén ha saber nada ‐ asegurou solemnemente don Felisindo‐. Palabra de home honrado!
E levou ao amigo para a casa, para que se deitase.
Xa na cama e ben amantado, don Feliciano preguntou cheo de medo:
‐Gómez... vostede trouxo o Joegersen?... Non se perdería?



VICENTE RISCO:  publicada sen rematar en 1927 na revista Nós (nº39 e 40).