luns, 13 de xuño de 2016

Un Tesouro baseado no texto de ANXEL FOLE

http://www.crtvg.es/cultural/especiais/o-tesouro

Ficha técnica:
  • Dirección e realización: Xaime Fandiño
  • Director artístico: Suso Montero
  • Produción: Hilario Pino
  • Intérpretes: Maxo Barjas, Evaristo Calvo, César Cambeiro, Xan Cejudo, Manuel Manquiña, Marcos Orsi, Pepe Penabade, Luís Tosar e Luís Zahera
  • Sinopse: O mundo do fantástico e do descoñecido da man de Ánxel Fole. Adaptación televisiva do conto de Anxel Fole, en formato 16:9 e gravado en vídeo dixital. O Castelo de Soutomaior, en Pontevedra, o pazo e a igrexa de San Lourenzo e o Hostal dos Reis Católicos, en Santiago foron as localizacións elixidas para a gravación.


Resultado de imaxes para anxel fole O tesouro


luns, 6 de xuño de 2016

Eduardo Blanco Amor: OS BIOSBARDOS

 


A arrasadeira

Eu —contábame Toniño Cobas— nunca fora ás arrasadeiras. Ía ós morogos, ás cirolas bravas, ás cereixas da carretera, que se dan de seu e que non son de ninguén. Pro non ía ás arrasadeiras porque os que ían non me chamaban; i os rapaces que eu trataba non eran dos que ían de noite a roubar uvas, peras, mazás, pexegos, ananos ou o que caíse, asegún o tempo. Os gue andaban comigo e viñan á miña casa, falaban mal diles pro tíñalles envexa.

Os que ían ás arrasadeiras eran ledos, destemidos, pelexaban por calquer cousa e ríanse de todo. A min non me somellaban ruís, pro eran eisí, i eu tíñalles envexa.

Coñecíaos dabondo e trataba a algús. Ás vegadas, na Alameda, cando tocaba a música de tropa, chamábanme aparte (iles non entraban no paseio do meio, que era o do señorío) e dábanme de todo; enchíanme os petos; metíanme entre corpo i a brusa recimos inteiros que se me apegaban ó coiro. Tanto que, ás veces, tiña que deixar o paseio (e logo dar disculpas e mintir) pra me baleirar de tanto que me daban e que non daba comido. Lémbrome que un día, un recimo de moscatel traguía unha avéspora e púxose a me picar tanto que ceibei con todo frente á botica do Román. Deume vergoña porque pasaba moita xente e viron todos que me puña a brincar, coa camisa defora, ciscando as uvas por todas partes.

A min non me acadaba ben que uns rapaces fixeran unhas cousas e que outros non as poideramos facer. Miña nai decía que ire ás arrasadeiras era roubar. Pro a min a verba non me semellaba axeitada; máis ben parecíanme troulerías de rapaces pra se adivertiren; e que por moito que collese cada un, entre o que daban i o que comían, non valía tanto como pra chatalos de ladrós. E somellábame tamén que o podiamos facer todos, e que non era xusto que o fixesen os rapaces máis ledos i arriscados e nosoutros non, porque eramos señoritos, ¡vaites co señorío!

Por todo isto, a min, xa de moi novo, víñame traballando unha pencha descontra min mesmo que se me metera na cavilación e que non me deixaba acougar. Por todas istas cousas e por outras, viña a parar en que a nós non nos criaban ben, e que non había coasi difrencia entre as cousas que nos deixaban facer i as que facían as nosas irmás, fóra de andar ganduxando trapiños e garnindo no bastidor. No demais era o mesmo: falar a modo, aínda que fose uns cos outros; non responder mal a ninguén; ollar solermo prás donas e modesto prós maores; non alandillar polas rúas, levar as unllas limpas, esgarrar no pano… Por iso os outros, cando nos querían alcumar, o primeiro que nos chamaban era «saritas», ou maricallas.

E facían ben. Iles argallaban e procedían como lles petase, sin lle dar conta a ninguén. Xogaban ó «jota justicia», de noite, por todas as rúas da cibdá; lataban a escola; facían choutar billardas como eixos, e, xogando ó peón, rachábannos as ronas, anque fosen de buxo; saltaban «a beber», afundindo os puñetes nas costas dos que apandaban, sin que ningún se queixase; pelexaban por pelexar, pra ver quen lle ía ó outro; chimpaban as buxías da  luce a cantazos e tirábanlle, dun arrempuxón, todos os bonecos vestidos de mariñeiro i os señores de gabán que tiña na porta o comercio «Las Mil Capas», de don Serafín Feixóo; e tamén enrabechaban ós municipaes (o Testa, o Calivera, o Sardiña, o Trazas) até facelos entolecer. Un día, nas festas do Corpus, atináronlle cun cantazo ó Collombao no istrumento, cando estaba a botar un obrigado de cornetín no concerto da banda (con todo o quiosco arrodeado de pasmós) que din que os botaba moi ben.

Aquelo era vida, e non o andar apegados ás saias das nais, esmorecidos e cansos sin ter feito nada. Iles, pola contra, tiñan decote os ollos faiscantes, falando a berros, chamándose polos alcumes, seus ou da familia, botándose a correr sin vir a conto, ollando sempre darredor como si os perseguisen, buscando sin dárense folgos novas toladas pra se rir, nunca coas maus quedas, co elas sempre bulindo no ar, que somentes as metían nos petos cando había que pararse a coller unha determiñación…

Un día fun e díxenlle a Pepe o Roxo (que era fillo do señor Pepe o Roxo, que tiña banquilla de zapateiro na Fonte Nova) que por que non me levaba a unha arrasadeira. No xeito con que me considerou, fitándome de enriba a abaixo, deprocateime que, anque me quería ben, non me vía moi cabal pró asunto.

—Non che convén. Vanche rifar na casa. Moitas veces esgázase o pantalón i esfólanse os zapatos ou pérdense as zapatillas.
—Boeno, anque me rifen; total, rífanme por todo.
—A máis deso, ten que ser de noite e ti non podes.
—Por eso cho digo; mañá van a un casamento e pódome escapar.
—Mellor é que nos agardes e dámosche de todo; eu, pola miña parte, xa sabes…
—Xa sei que me tedes de menos.
—Non home, non. Hai que estar afeito… A onde imos mañá, hai que avantar dous muros, que ímoslle ós figos ó Abade das vellas.
—E… avantaranse.
—¿Corres ben, sin que che deia o punto?
—Coido que si.
Quedou calado un anaco fitándome seguido.
—Ademais, non é dos que se andan con chiquitas… O abade férrache cada perdigonada de sal que si che colle 0 cu non te podes sentar en oito días, aparte as callenturas que veñen. E si che dá nos ollos, cégate.
—Boeno, entón non irei.
Voltoume a considerar outro pouco e véndome tan triste púxose a rir, logo botoume a mau polo ombreiro e díxome:
—Está ben, Tono ti verás…
—¿Logo lévasme?
—Eu non te levo, vas ti. (Isto gostoume moito). Pro ás figueiras non tes que subir, porque si non se sabe andar por elas ráchanse as ponlas e fan bruído.
—Entón non vale a pena.
—Cala home… Ti vas a par de min i apañas os figos embaixo, que tamen isto ten seu aquel, xa che direi como has facer. Xuntámonos mañá ás nove, na Alameda do Cruceiro, que a isa hora xa están ceando.

Cheguei cedo e non había aínda ningún. Os catro ou cinco que logo foron aparescendo, non me fixeron caso e puxéronse a falar entre iles. Logo chegou Pepe o Roxo e chamárono aparte e puxéronse a disputar. Eu dábame conta que era por min. Nunha desas, o Roxo pegoulle un arrempuxón ó Caparrás e sacudiulle unha lapada ó Peste, e todo se arranxou.

Veuse pra min, colleume polo ombreiro e botamos a andar pola congostra que arrodea a viña de dona Calrota. Os outros ían adiante, alobados sin falar nin rir, como quens están afeitos a tales adubíos. A min batíame o peito, pro eu sabía que non era de cagana sinón de ledicia.

Dempois fumos dando arrodeos até saír a un campón con choupeiras, onde algunhas vegadas nos sentabamos coa miña nai e meus irmaos a merendar.
De noite todo somellaba difrente porque eu non tiña andado de noite por ningures, non sendo polas rúas da vila, nin xiquer polos arredores. Si non foramos tantos e si o Roxo non me levase a par de si, poida que chegase a ter medo. Pro naquil intre, non o tiven.

Conque, a pouco máis andar, chegamos. O Caparrás adiantouse e subiu ó paredón agatuñando. Dende enriba fíxonos aceno, i os outros agatuñaron tamén e deixáronse caír pra adentro, que se sentían caír cun golpe focho.

Cando nos chegou a vece, o Roxo acrequeñouse i eu subín enriba dil pro non chegaba. A parede era de seixos e eu non podía agatuñar porque me doían os dedos.

—Súbete na testa.

Púxenlle un pé enriba da cabeza, pro como non me collía o outro, ou mellor dito, como me esvaraba ó ladeáreselle a gorra, afirmeime nos cóbados, din un brinco e quedei a cabalo do muro. Logo o Roxo agatuñou como si tal cousa, botouse da outra banda e chapoume cando me deixei caír.

Os outros xa ían diante, camiñando dapouco, encollidos. Baixaba o terreo, cuberto de cepas, até unha casa grande arrodeada de árbores. O Roxo deitoume á orella:
—As figueiras son esas.

Na casa víase unha luce de carburo e nela recortábanse os árbores. Un can botouse a ladrar con poucos folgos, i outros ladraron máis ó lonxe; algún ouveaba.

O Roxo fixo un asubío moi a modo, como de paxaro, e quedamos todos quedos. De alí a un pouquiño, calou aquel can e foron calando os outros. Logo xuntámonos, coas cabezas xuntas, e o Roxo besbesellounos:

—É o cadelo da vella, que o teñen atado. Non val nada, e si un se lle arrepón, fuxe. A máis deso non o deixan fóra cando se deitan. Hanse deitar aixiña; temos que agardar. Esparexédevos por eí, e coidado co pico.

Eu senteime con Pepe o Roxo (non me podía afastar dil). Tampouco podía deixar de erguer a testa e fitar prá luce da casa. Seguíame batendo o peito, e aínda que me sentía moi arrufado xa emprincipiaba a pensar que ogallá finase aquelo pronto.

Conque foi e apagouse a luce… Dempois de quedármonos quedos outro anaquiño, o Pepe asubió e fumos xuntos até dar con outra parede. Ista era moi baixa, coasi un valado, e podíase avantar por ela. Por enriba asomaban as figueiras iñormes. Cada un foi por onde o Roxo lle acenou; e, decontado, todos agatuñaron polos árbores e perdéronse na follax. O Roxo diume o fardel que trouxera, e dun chimpo xa estaba enriba.

Cando fiquei soio, coido que tiven medo; non por nada, senón porque me quedara soio e comenzaron a me renxer as tripas.

O Roxo guindou un figo de aviso e atal como me insinara, guieime por il, abrín a saqueta i escomenzaron a caír os figos.

Xa se ía enchendo, que ás vegadas botábame presas diles…

E foi eí cando esboiraron dous disparos arreo, tan perto de min que vin as chispas por enriba da testa e sentín o ar quente no carrolo. Os fogonazos alumaron como lóstregos as figueiras e caíronme follas enriba.

Aínda ouvín as zoupadas dos rapaces caíndo dos árbores e como se botaban a alandillar abourados polos berros dun home.

Eu tamén botei a correr sin saber pra onde; e cando xa tiña collido un bo pulo, dei coa cachola nas pedras do valado i enchéronseme os ollos de faíscas como si tivese diante a roda dun afiador.

Afroxáronme un istante as pernas e somelloume que caía, pro seguín correndo. Brinquei por enriba do valado sin o tocar, pasei por entre as cepas sin lles mover unha folla, vin o paredón grande pasar por embaixo de min… Non sabía como era quen pra correr e brincar de tal xeito, sin xiquer sentir a cacholada. Nun intre de nada, xa me vin beira do río, frente ó cachón da aceia vella, cos berros do home moi perto, coasi enriba de min. Peguei un chimpo e aparecín na outra banda, sin tempo a pensar como pudo ser aquelo. Pro os homes (que xa eran moitos) tamén brincaron e seguía a ouvilos berrar, e viñan os cas ladrando e ouveando, moitismos, todos os cas da bisbarra e de máis aló… Seguín a traveso dos castiñeiros de Peliquín, avantei por enriba de Oira, ó lonxe víase Cudeiro, que non sei como o podía ver na noite pecha… Xa non se ouvían os homes nin os cas, que ben se estaba… Somelloume estar deitado. Caíame o suor polas fazulas e pingábame do narís; un suor quente e mesto que se metía nos beizos e seguía correndo…

Escomencei a sentir que falaban; non que berraban, que falaban en voce máis ben baixa, homes e tamén mulleres.

Abrín os ollos e fireume niles a luce do carburo. Unha vella de cabelo branco, fardada de negro, tíñame a cabeza na aba e pasábame un pano mollado pola fronte que me doía moito, Había outra vella e dous homes, un diles coa luce do carburo; o outro estaba a par do valado fumando, ó lombo a escopeta de dous cañós; enriba de nós, as figueiras.

A vella de cabelo branco, estaba a decir:
—Non pode ser, home, non pode ser… Iste non pode andar nistas cousas. Iste é o máis novo de dona Felicitas a do Cobas, neto do Cuanda, o procurador.
—Tan bos son uns como os outros —dixo o home da carabiña, pegándolle unha chupada ó pito.

Aquelo de que eu era o mesmo que os outros, foi o que máis me gostou.