venres, 17 de xuño de 2011

FALEMOS DE PORTONOVO

Dende que eu teño memoria, o pobo por parte do meu pai, Portonovo, pasou por moitos cambios, pero o principal foi iso que damos en chamar humanización: onde antes había prados e monte con moita variedade de árbores, agora hai urbanizacións con edificios, estradas, parques infantís, etc.

O meu pai contoume que cando el era novo, de rapaces, ían ao monte e facían cabanas de madeira enriba das árbores que talaron para urbanizar. As novas vivendas ocúpanse só no verán con turismo case sempre familiar. Pouco a pouco as fincas son vendidas para rendibilizalas en forma de cemento e ladrillo. É unha pena que o noso pobo sexa famoso só por iso.

Cando eu era pequeno, todo o mundo tiña galiñas e pitos e os vellos pasaban o día nas hortas, ás veces xa con tractor, a coidar dos animais e cultivar o necesario para ter o básico para todo o ano.

A pesar de todo, a xente segue conservado os vellos costumes e adaptándoos ás novas circunstancias.

Rewind aportado por.....................PIMPÍN

xoves, 16 de xuño de 2011

O CAPITÁN

O turbio capitán, alto e sinistro
cunha cara proterva de ministro
nacera, ben se sabe, alá en Chandrexa,
e todos os seus homes
tíñanlle moita envexa
e apoñíanlle nomes
mentres arriaban xuntos a cangrexa.

Chegara a capitán, pobre infeliz
con ningún dente san e un aro no nariz.
Gustaba de xantar en cada porto
sentado no peirao vendo a baía
poucos froitos de mar, ningún do horto
non sendo unhas rebandas de sandía.
Moita carne de año, xato e porco

moita caza de pluma e máis de pelo
moitos doces, xaropes e marmelo
e chulas e filloas, coma un orco.
Non limpaba os dentes e fedía
o seu alento a carromeiro podre
e asustando aos serventes, cada día
bebía canto ron cabe nun odre

XOSÉ MIRANDA: Piratas polo Miño







CONTRA MAR

Caeu
sentiu a friaxe
logo
o paso rectilíneo
da onda metálica

soubo
doutro mundo
alleo
enxertado
na esfera do mundo

imaxinou
a ferida lacerante
asombrouse
ao sentir o corpo
docemente lene

pasmado
deixouse envolver
decidiu
non forcexar
diluírse

XESÚS FRANCO: Contra Mar, edit. Galaxia, 1995



martes, 14 de xuño de 2011

EVOLUCIÓN DO BERBÉS



Co paso do tempo o Berbés cambiou moito:
onde antes había praia para bañarse e andar ao sol
agora eu agardo o bus todas as mañás,
por onde navegaban barcos de pesca,
chalanas, botes e gamelas
agora circulan coches, camións, autobuses;
fóiselle comendo espacio  ao mar.

Hoxe en día, moitos dos lugares onde a xente traballaba
fabricando cestos, amañando redes,
reparando barquiños
están abandonados.

Recuperouse o espazo da vella Casamar
para facer o Palacio de Congresos.
Onde estaba o servizo de emigración
e a cruz vermella
hoxe hai un macro centro comercial.

Tapiáronnos o mar


O Berbés é o nome do porto pesqueiro da cidade de Vigo. Os cambios urbanísticos nesta zona da cidade foron tan dramáticos nos últimos 50 anos que o lugar é case irrecoñecible. Os soportais das casas de pedra, que eran a primitiva fachada mariñeira, están hoxe en estado ruinoso; o mar queda cada vez máis lonxe e o porto pesqueiro entrou de cheo na dinámica do xigantismo. Todo o litoral está sacrificado, dende Bouzas ata Teis. 

martes, 7 de xuño de 2011

Vigo anos 60




Vigo antes e despois: neste enlace podedes dar con dous vídeos que amosan a evolución urbanística da Ría de Vigo, se vos fixades ben nas imaxes tamén se aprezan cambios notables na Península do Morrazo.