xoves, 7 de abril de 2011

NAVY BAR / Manoel Antonio




NAVY BAR


Este bar ten balances

E tamén está listo

para se facer á vela


Enchéronnos o vaso

con toda a auga do mar

para compór un cock-tail de horizontes


Pendurados das horas

atlas xeográficos de esperantos

están sen tradución

E tatexan as pipas

co ademán políglota das bandeiras.


Ese cantar improvisado

é o mesmo

que xa se improvisou nalgures


Quen chegou avisándonos

desa cita nocturna que temos

co vento ao N.E.

na encrucillada das estrelas apagadas?


Aquí de incógnito

o Mariñeiro Descoñecido

-sen xeografía nin literatura_

A noite dos naufraxios

co seu brazo salvavidas

aferrará connosco unha vela de chubascos


O vaso derradeiro

estaba cheo de despedidas


Polas rúas dispersas

iámonos fechando

cada un dentro da súa alta mar


No repouso dalgún vaso

tódalas noites naufraga o Bar


Manoel Antonio: De catro a catro, Editorial Nós, 1928



1 comentario:

tirarrollas dixo...

A voz que fala faino en 4ª persoa, un NÓS colectivo co que o poeta se sente plenamente identificado. Non en van o texto é coetáneo da Xeración Nós, e de manifestos como Nós, os inadapatados.

Hai unha identificación total nos planos do significante e do significado entre BARCO e BAR (NAVY). No plano do significante a través da aliteración BAR e da adxectivación ao estilo xermánico: o navy bar é o barco en terra. Esta identificación aparece potenciada polos balances propios de quen está bébedo como se estivese na cuberta dun barco. De feito hai un dito mariñeiro que se lle bota a alguén cando vai dando bandazos en terra por efecto do alcol: que, hai balanse!
Outro elemento potenciador da identificación é ese "vaso cheo con toda a auga do mar para compór un cóctel de horizontes", a hipérbole confire á expresión os mesmos tintes irracionais que aparecen noutros poemas de Manoel Antonio ( "o cadáver do mar fixo do barco un cadaleito")
O sentimento do mar en terra tamén aparece na penúltima secuencia en que cada quen se dispersa polas rúas na súa alta mar interior e no seu propio naufraxio.