mércores, 25 de xaneiro de 2012

Unha viaxe á Illa dos Mortos




Por incrible que pareza, o mar e os temporais descobren periodicamente tesouros agochados dende tempo inmemorial. Neste vídeo podedes ver monumentos megalíticos nunha pequena illa da Ría de Arousa descubertos tras os últimos temporais. Fixádevos nas pequenas dimensións da illa, na acumulación de areas que quedaron fixadas pola vexetación e no que se agocha entre os penedos o medio sepultado pola area que vai e vén coas mareas. O vídeo foi atopado de maneira fortuita en Youtube cando estaba recén baixado e xa ten un lote de comentarios. Vexamos o que se vos ocorre a vós.

14 comentarios:

o crack de lucas dixo...

Esta illa paréceme espectacular: os dolmens, o paleochan, o muro feito con ostras... impresionante! Eu coincido con este home que temos que coidar todo isto. Penso que Galicia é unha terra única e temos que ver por ela.

clonu dixo...

É impresionante a cantidade de achados que se atoparon nunha illa tan pequena e como se conservaron a pesar do mar. Tamén me parece moi triste que restos arqueolóxicos tan importantes para entender a nosa historia estean tan desprotexidos.

María dixo...

É incrible que haxa tantos restos pre-romanos concentrados nun espazo tan pequeno e que se conserven algúns intactos despois de tantos séculos. Tamén me parece moi triste termos marabillas deste calibre na nosa terra e que non lle deamos importancia. Esta illiña de Arousa é preciosa e está, como se ve, chea de tesouros que saen á luz e se ocultan como se quixesen preservarse eles sós para seren redescubertos eternamente.

carallocorou dixo...

Moi boa reflexión, María, encántame.

ritrux dixo...

Quedáronme ganas de ir. Espero que non estraguen o hábitat do illote do Guidoiro Areoso e o Illote do Guidoiro Pedregoso.

Yousef dixo...

Alégrome que haxa xente que se interese polo noso patrimonio. Os achados que quedaron ao descuberto cos temporais son sorprendentes. As autoridades tiñan que protexer este lugar.

Aarón T. dixo...

Gústame moito saber que hai cousas ten fermosas na nosa terra. Creo que debiamos conservar estes agasallos que saen á luz despois de tanto tempo e que axudan a explicar como somos.

Serxio dixo...

Este home debería facer máis vídeos coas súas descobertas. E os políticos debían ver máis pola nosa cultura e non ignorala. Canto nos deixaron os nosos antepasados!

morriña dixo...

Estes Guidoiros áchanse moi perto da Illa de Arousa. Hai neles xacementos incribles.
O que máis me sorprendeu foi o do paleochan e cando capta o dolmen por dentro.

David dixo...

O vídeo é alucinante. Nunca pensei que no medio do mar puidese haber tal.

xaneiro dixo...

Dous illotes: O guidoiro Areoso, basicamente de area; e o Guidoiro Pedregoso, de rochas. No Areoso encontráronse restos orgánicos fosilizados en grosas capas de material que se pode confundir facilmente con chapapote. Pero o máis chamativo é que tamén hai dolmens e muros de protección enterrados na area, feitos con cunhas de ostras. E como a area non marcha co vento? porque está fixada polas raíces da vexetación que a cobre: estrugas, couselos...
Sorprendeume como o narrador presenta os seus achados e como crea tensión para levarnos dentro do dolmen.

O coco dixo...

Paréceme tan interesante que quedo con ganas de ir á illa. Chamou a miña atención o paleochán e o muro enterrado de ostras. E, como non, o feito de que aparezan tantos dolmens e tan próximos. Será de verdade a Illa dos Mortos? E quedarán aínda restos por descubrir?

Chicharito dixo...

Un gran achado: Un dólmen intacto, como quen di no medio do mar, tal como o deixaron os antepasados da Idade de Bronce. E outros semienterrados aos que lles falta a laxa superior.

carallocorou dixo...

Pois si, parece que en Galicia temos unha Avalon autóctona. Se cadra aínda hai outras pequenas illas con sorpresas por descubrir. Se alguén de vós se sente atraído pola paleoloxía, non o dubidedes, estades no lugar adecuado para dar renda solta á vosa intuición exploradora. Alégrome que vos gustase o vídeo, a min encantoume.