LUME NO PAZO
Prendeu lume no pazo.
A roxa labarada
alumea a campía.
Atronan as campanas
o val.
Quentan o aire
espesas bafaradas
de fume.
Corre a xente
berrando, atolondrada.
Ao arder o cume, as tellas
enroxecen e estalan
Caen, cruxindo, as vigas,
e o lume, ás catro bandas
envolve a terra.
Muxen
de medo os bois nas cuadras.
A xente rube ao adro
para ver onde é a desgracia
e ao mirar cara o pazo
detense amontoada.
Érguense as mans ao ceo
e sanguiñenta, tráxica,
reréxase nos ollos
a roxa labarada.
E un velliño, moi vello,
de guedelliñas brancas,
que vive de milagre,
xantando cando xanta,
vestido de farrapos
e durmindo onde cadra
- todo por mor dun preito
de rendas atrasadas,
no que os donos do pazo
deixárono sen nada-
ollando cara o lume
rise, barulla e fala
de ir buscar o gaiteiro
para que toque a gaita!
RAMÓN CABANILLAS: Vento mareiro, 1915
Texto case cinematogtráfico de Ramón Cabanillas en que un dos símbolos do vello poder señorial sobre a terra, o pazo, aparece ardendo. Dá para moito comentario, temático e formal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario