Se eu fose autor

Se eu fose autor escribiría unha peza en dous lances. A obriña duraría dez minutos nada máis.
LANCE PRIMEIRO
Érguese o pano e aparece unha corte aldeán. Enriba do estrume hai
unha vaca morta. Ó redor da vaca hai unha vella velliña, unha muller
avellentada, unha moza garrida, dúas rapaciñas bonitas, un vello
petrucio e tres nenos loiros. Todos choran a fío i enxoitan os ollos
coas mans. Todos fan o pranto e din cousas tristes que fan rir, ditos
paifocos de xentes labregas, angurentas e cobizosas, que pensan que a
morte dunha vaca é unha gran desgracia. O pranto debe ter unha gracia
choqueira, para que estoupen da risa os de “patio de butacas”.
E cando se fartan de ri-los señoritos, baixará o pano.
LANCE SEGUNDO
Érguese o pano e aparece un estrado elegante, adobiado con moito
señorío. Enriba dunha mesa de pés ferrados de bronce, hai unha bandexa
de prata, enriba da bandexa hai unha almofada de damasco, enriba da
almofada hai unha cadeliña morta. A cadela morta semellará unha folerpa
de neve. Ó seu redor chora unha fidalgona e dúas fidalguiñas novas.
Todas elas fan o pranto i enxoitan as bágoas con paniños de encaixe.
Todas van dicindo, unha a unha, as mesmas parvadas que dixeron os
labregos diante da vaca morta, ditos tristes que fan rir, porque a morte
dunha cadela non é para tanto.
E cando a xente do galiñeiro se farte de rir a cachón, baixará o pano moi amodiño.
Texto extraído de manuelrivas.com
1. PARALELISMOS
2. SIMBOLOXÍA
3. AUSENCIAS SIGNIFICATIVAS
4. INTERPRETACIÓN
5. ESTILO CASTELAO
Ningún comentario:
Publicar un comentario