xoves, 20 de novembro de 2014

Conexión Vía Láctea









                     








                                    



Onte, 19 de novembro, os alumnos de cuarto da ESO participaron na videoconferencia realizada para toda a galaxia galáctica sobre a novela A esmorga de Blanco Amor . Falouse do gran reto de levala ás pantallas respectando o idioma, a sensibilidade e o ambiente galaico da novela . Os nosos alumnos tiveron oportunidade de falar en directo co director da película, Ignacio Vilar, e cos actores Miguel de Lira, Morris e Karra Elejalde. Este último respostou con moito pormenor á pregunta de como conseguiron rodar a escena do pazo ardendo sen que ardese ningún edificio emblemático do noso patrimonio histórico. Tamén lle preguntamos a Miguel de Lira sobre a complexidade de asumir con naturalidade o galego do interior que aparece recollido na novela; Miguel fixo unha brincadeira contestándonos en uruguaio e salientou, xa en galego, a complexidade idiomática da literatura de Blanco amor, que foi un dos primeiros escritores contemporáneos en utilizar un idioma pangalaico que tiña trazos de moitas variantes dialectais. Preguntamos sobre os orzamentos para a realización da película e moitas cousas máis.
Queremos agradecer a Vía Láctea Filmes a invitación a participar neste evento. Tamén a todo o alumnado que se presentou voluntario para realizar as preguntas e conversar co director e os actores. Ao profesor de TIC, Osvaldo, por axudarnos a establecer a conexión e a todos os que puxeron ao noso dispór todos os medios para levar adiante esta iniciativa: Departamento de dinamización do galego, equipo directivo, etc.

Por último, lembrar que mañá é a estrea da película en todas as salas comerciais das cidades galegas; por primeira vez na historia do cinema galego un produto audiovisual noso ten a consideración e proxección mediática que merece. Parabéns a todos os que o facedes posible!








Enlace permanente de imagen incrustada





Ningún comentario: