luns, 17 de xaneiro de 2011

MAIS ALÁ


Dante




Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro
Manifesto "Máis alá" (1922)


I O xesto / Os vellos / A nosa razón / O ruralismo / Os devanceiros

II "Pollitos bien"/ Tamén hai outros

III Nós /A fala / Desbotando / Individualismo

IV Mocidade!


I

Sen pretensións de suficiencia doutoral, nin de ningún outro xeito semellante, a rebeldía duns mozos galegos fai esta chamada á Mocidade intelectual da nosaTerra.


Non nos erguemos do xeito que o fan a maioría dos que noutras terras publican manifestos máis ou menos literarios.Case todos eles tencionan arrecadar adeptos para algún novo ismo que aparece querendo ser a derradeira verba da moderna Estética cando, en verdade, non son máis que unha nova proba de que un esnobismo operetesco invade a.Lieratura. Nós tencionamos tan só facer unha protesta forte, densa e implacable contra os vellos.


Os vellos non son os que escribiron hai moitos anos -eles son os devanceiros. Os vellos son os que escriben hoxe como se vivisen no antonte dos séculos. E a lei de sucesividade que nos fai respectar aos devanceiros, é a mesma que nos ergue e move para enterrar os vellos en vida, baixo a lousa inhábil da súa vulgaridade, pola acefalia que supón o desexo de definir co pasado a hora de hoxe. Esta gafuara, de ser leigada a si mesma, debera irse, por exemplo, a Madrid, metrópole peninsular da barbarie civilizada, onde a súa teimosía anti-cronolóxica encadraría moi ben, completando aquel ambiente de inferioridade. Pero é a nosa desgracia que non só non fan iso senón que aínda teñen o pretendemento, que en parte conseguen, de pasar por persoeiros da nosa cultura; e isto con outras cousas máis, é o que non pode seguir sendo.


Non é que nós adoezamos do tan extendido andacio de desbotar o vello por sistema e sen razón, cousa que se ve facer a miúdo ás Juventudes doutras terras. É que xa vai tendo carácter crónico a atrofia de sensibilidade na maioría dos que escriben en galego, e ameázanos o contaixo do pobo se non se atalla o mal. Este contaxio arrepiante será unha realidade se a xeración galega que hoxe medra ó acougo das Irmandades Nacionalistas, chega a tomar por mestres de sensibilidade os nosos prestixos literarios.
Tida en conta a importancia primordial que a Arte ten nos rexurdimentos raciais (miudean os movementos nacionalistas que comenzan polo arredismo artístico) chegaremos a coidar senón fracasado polo menos de remota eficacia o actual movemento rexurdente na Galicia se non se consegue un troque radical no aspecto da nosa Literatura. Porque é pretender andar cos pés atados o tratar de libertarnos dos trabamentos externos sen facer antes o mesmo coa podredume interior.


Os nosos poetas, dende os precursores ata os seus herdeiros actuais, non serviron máis que para embrutecer o noso sentimento. Esta verdade, espallada aos catro ventos, sería o verdadeiro comenzo da loita xeral galeguista. Porque o voluntario castramento espiritual e colectivo que supón na Galicia a existencia do caciquismo, da ignorancia, do renunciamento á vida e á dignidade, cómpre anulalo antes que no terreo polítio-social, no senso estético.
Unha conveniencia estética pura e enxebre é o primeiro paso da volta a nós mesmos. E o máximo crime de lesa patria é un verso dese xeito que pregoan as ras da lagoa académica querendo impor o seu anacrónico croar por riba de toda voz nova, ceibe e ceibista. Porque ese fato de eunucos literarios, de espírito choído e ateigado dunha declamatoira cursilería palabreira, son os que farán arrenegar de si mesmo a calquera bo galego de espírito amplexo e depurado que coide ver neles a alma da raza. Mentres que tódalas culturas europeas foron erguendo, de pouco tempo acá, mausoleos de escuridade encol dese xeito de mortos en vida, que espectáculo é o que damos en Galicia? Momias que fan esculturas á súa imaxe e semellanza. Mentres eles, cinguidos ó pasado, seguen cicelando estatuas feitas, fagamos nós, coas nosas inquedanzas,unha nova figura, grotesca quizais pero nova ó fin, para retábulo dos tempos.


Diciamos no comenzo que respetabamos os devanceiros, pero queremos facer constar que non é nado este respeto nin na admiración nin na inferioridade nosa. Nós non admiramos a ninguén nin nos coidamos inferiores a ninguén. 0 noso respecto vén de que eles non tiveron culpa de vivir nun tempo de choída incultura castelá.
Inda que nos esforzaramos por atopar algo de bo nos precursores, o noso traballo sería infructuoso. Nós non podemos ollar sen carraxe o baixo e noxento ruralismo de Losada. Nin ese interese en converter o galego na fala intérprete de tódalas indecencias e vulgaridades que tiveron Losada e a maioria dos "mestres" menores. Nin a baldeirez verbalista, importación madrileña e con isto xa se di todo, de Curros. Non podemos prestar a nosa louvanza á socorrida e ridícula "posse" do falso romantismo, enfermidade de moda naquel tempo, que chegou a deslucir algunha das páxinas verdadeiramente nosas, grandes e persoais de Rosalía. Nin interesarnos polo estreito xeito de Pondal, que tan só puido ser un imperceptible eco da grandiosidade dos rumorosos e da maxestosa paganía bárdica. 0 herdo dos devanceiros redúcese pois a un exemplo de vontade e patriotismo, espido de toda eficacia literaria como non sexa pola reacción que produce o desagrado.

II


Comenzaremos invocando a Valle-Inclán. Mestre: Chamámoslle mestre por ser vostede o "mestre" da Xuventude Imbécil de Galicia. Noso non; que, endebén, sabemos comparar a súa modernidade coa covardía do débil tan só pode vivir facendo claudicantes concesións ó forte. Non tería o seu nome acolleita nestas liñas se quixeramos tan só chamarlle aquilo. Pero ten que ser ó falar dese fato de cabezas ocas, nenos "foulard e de rubi", engaiolados polo innegable prestigio da prosa e da ridícula mentira dunha epopeia aventureira que vostede, unha e outra, falsifican. Sabemos que con intermedios himnarios ó Gran Pontifice da baldeireza en traxe de festa (Este Gran D. Ramón ...) entran a estrago pola fala meseteira, con gran desprestixio dela, por certo. Tamén sabemos que adoecen de imbecilidade, inxénita ou contaxiada, e que a vostede lle debemos o telos levado para "alá". Isto derradeiro é cousa que nunca ben lle agradeceremos.
Agora, o que quixeramos conseguir da súa incensada personalidade sería que intensificase a campaña castelanizante porque nos arrepía o pensamento de que eles se coidasen chamados por estas nosas verbas de mocidade e chegase algún a desertar de la "lengua de Cervantes" para vir a baldeirar na nosa Fala as produccións do seu serrín encefálico. Esto estaría moi mal. Mal para o castelán, idioma oficial da cursilería, que, polo mesmo ten dereito a aquelas cousas, e mal para o galego, digno de moita mellor sorte. E a vós, pobriños mamaleites literarios, desexámosvos cordialmente que calquera día vos publiquen un verso na derradeira fofia dunha desas indixentes revistas madrileñas, doada palestra dos vosos esforzos, que é o máximo desiderátum voso, Madrid precísavos para personaxes da súa opereta


Hai os que teñén algún valor e desménteno expresándose en castelán. A estes só queremos recomendarlles que escriban en catalán, inglés ou francés. Extranxeira por extranxeira, vale máis unha fala de Europa que a da Meseta. Hai os galegos capacitados para vivir hoxe que, por rutina, seguen ollando para atrás. Porque agardamos a súa conversión, só queremos dicirlles que xa é hora. Hai os dunha certa clase derradeira, dos cales abonda con... non falar deles.

III


Despois de ter dito que non traemos pretensións doutorais nin doutro xeito semellante, xa non cómpre dicir que estamos moi lonxe de querer impor ningunha concreta lexislación estética.
Cansos xa de percorrer camiños vellos e fracasados, temos arrenegado de todos eles; pero non queremos sinalar un camino determinado. A nosa ruta, nos primeiros pasos, quere tan só coñecer por onde non debemos ir: tódolos outros caminos poden ser nosos. A Novidade que enxerguemos é tan só un arredamento, un ceibamento do pasado sen a definición da súa resultanza: isto é arbitrariamente persoal. E aquí cómpre que manifestemos a falla de creto que nos merece a gran parte dos novos "movementos" literarios e artísticos, con ningún dos cales, enténdase ben, queremos que se trabuque a nosa rebeldía. Porque case todos eles esquecen unha daquelas dúas bases. Ou son un negamento non só do pasado se nón de tódolos tempos e tódalas cousas, dende o bo gusto ata a razón máis rudimentosa, ou queren encadrar a estética actualista en dogmáticos preceptos, todo o novos que se queira pero pouco respetosos, dende logo, coa anárquica dilema individual.


Tamén nós temos, inda que noutra orde, os nosos imperativos, e comenzamos pola máis agresiva intrasixencia na Fala. Unha fala que non estea pervertida por académicos nin por puristas; que non sufrise os estancamentos de verdugos armados de gramática que a emparedasen nun feixe de regras como quen garda un mito en sete uchas concéntricas, terá que ser unha fala de inmellorables posibilidades porque o seu estado ceibe permitiralle axeitarse a tódalas navidades, a tódolos variamentos porviristas que tome o noso gusto. E consentiralle o seu indelineamento ser cicelado de xeito que ela sexa un instrumento do artista e non el escravo dela. Pero hai aínda unha razón de orde suprema: a nosa Fala é nosa. Pospola a outra calquera, é unha forma do suicidio. Esta nosa exaltación do Verbo tamén quere dicir algo ós vellos e castelanizantes. Algún deses escribidores híbrido, bilingües queremos dicir, que fan da literatura algo así como un deporte que favorece a dixestión, arrecada o galego cada vez que quere dicir unha estupidez moi grande, reservando o castelán para cando coidan ("eles") que están en razón. A maximidade da devoción que temos pola nosa Fala, pódelles dar a medida do desprecio que sentimos por eles.


Arrenegamos de mestres e dos seus consellos. Toda voz allea tende a excusar a nosa sinceridade,que é sagra porque é a nosa vida e debemos espertala a non ser desleigados a nos mesmos. Arrenegamos da Lei e do Costume. Cada importa alleeira vén roubarlle á nosa mocidade unha á. Arrenegamos dos temas obrigados. É vergoñoso falar da escravitude da Terra, mentres non se teña feito todo o que cómpre por anulala. 0 pranto e a elexía, fixeron coidar ós alleos que somos un pobo de mulleres. Como bos cidadáns da futura República Galega gardemos os nosos cantos patrióticos para o día en que deamos ao vento a súa Bandeira e non poidan ser testigos da cobardía e da mansedume. A literatura paisaxista ó xeito de fotografía iluminada con notas de turista burgués é a maior caloña da nosa paisaxe, que aínda agarda a sensibilidade complexa do noso tempo para ser interpretada. Arrenegamos de toda imitanza. A dos vellos en nome da Vida; a dos nosos en nome da Novidade.

Individualismo

Consagramos a individualidade ata o extremo de desexar que a definición de cada un de nós sexa unha verba: o seu propio nome.

IV


Agora cómprevos dicir, mozos da nosa Terra, se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo ou encarados co porvir.Se queredes libertarvos do xerme da vellez e da morte. Se queredes adonarvos da vosa mocidade ou seguir sacrificándoa nun altar de Mitos e Fracasos. Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: ¡Máis alá!

Fonte : Mil primaveras máis (Roberto Abalde)

http://www.galespa.com.ar/


3 comentarios:

carallocorou dixo...

Cómpre recoñecerlle a este texto o raro valor de ser un dos moi escasos que se produciron en toda a Península Ibérica destas carácterísticas.
A vangarda non entrou de cheo na Península se exceptuamos Galicia e Portugal.: Pessoa e Manoel Antonio. Houbo moita poesía vangardista, pero escasos manifestos, posiblemente por ausencia de enerxía profética nun país que estaba a piques de caer no inferno.
Dámos a benvida a Manoel Antonio no noso caderno porque, como Rosalía, aventurouse por picachos que os outros vangardistas da Hespaña nin sequera coñecían.
Firma:Carallocorou

Rafael dixo...

Aleda a alma e fornece a espranza sentir o latexo literario de Manoel Antonio no corazón dos máis novos. Neste tempo de escuras bremanzas, unha raiola de sol.Obrigado.
Rafael.

carallocorou dixo...

Alégranos que che guste o noso caderno, Rafael. Pódeste considerar invitado. Non deixes de facernos todas as suxestións que se che ocorran. Serán sempre ben recibidas