luns, 24 de xaneiro de 2011

CINSENTA



Era unha vez unha rapaza chamada Cinsenta que vivía coa súa madrasta, unha muller malvada que tiña como único interese o diñeiro do difunto pai da nena; tamén vivía coas súas medio irmás, que eran réplica exacta da súa nai.

Trataban a Cinsenta como unha escrava, obrigándoa a facer todas as faenas da casa e Cinsenta, que era tan boa que chegaba a ser parva, facíaas.

Un día o rei organizou unha festa na discoteca do pobo para dar cunha noiva axeitada para o seu fillo, o príncipe. Todas as rapazas da vila debían asistir coas súas mellores galas. Cinsenta pediu permiso á madrasta para ir ela tamén, pero a mala pécora non a deixou e obrigouna a limpar toda a casa esa mesma noite. Así que as tres bruxas marcharon Cinsenta botouse a chorar. Entón apareceu un pequeno elfo que, chiscando os dedos díxolle: "espabila, nena, non pode ser que sigas sendo tan parva!" e desapareceu.

De repente, Cinsenta deixou de chorar, foi ao cuarto das súas medio irmás e colleu un dos seus horribles vestidos. Despois de utilizar o seu enxeño en costura, quedoulle un vestidiño ben xeitoso. Colleu a moto da madrasta e foi á festa principesca.

Ao chegar alí, cando o príncipe a viu, quedou pampo e namorou perdidamente. Foi un frechazo. Acercándose a ela moi a modiño díxolle: "gastas pista?" e ela díxolle: " pois claro!". Despois de botaren uns bailes, o DJ anunciou que eran as 12 da noite. Entón Cinsenta tivo o presentimento de que tiña que estar de volta na casa antes que a súa madrasta e as lerchas das súas medio irmás. Botou a correr cara a moto como unha bala pero polo camiño perdeu o seu coleteiro no que quedara enganchado un pelo da súa longa e metálica cabeleira. O príncipe, desconcertado, saiu detrás dela, pero o único que atopou foi o coleteiro.

Mandouse o único pelo a un laboratorio para que se lle fixesen as probas do ADN e saber de que zona era a propietaria. Estreitando o cerco da investigación chegou de novo estar fronte a Cinsenta. A rapaza marchou co príncipe, non deberon casar porque na tele non dixeron nada, nin saíron fotos nas revistas. O que si se sabe é que as tres bruxas quedaron mortas de envexa na casa facendo as súas propias faenas, porque ninguén lles quixo ir de criada.

1 comentario:

orola dixo...

Esta versión do conto da Cinsenta segue o argumento básico do conto infantil tradicional. A historia é a mesma, pero non deixa de chamar a atención a reformulación lingüística e situacional.
O conto da Cinsenta é un dos máis antigos de Europa, hai mil e unha versións. Unha moi fermosa e antiga é a rusa. Tamén hai a versión galaica con bastantes variantes. Haberá que abrir unha investigación.