luns, 17 de xuño de 2013

CARLOS CASARES: "A rapaza do circo"



A rapaza do circo

El coñeceuna de casualidade. Unha tarde, a eso das seis, estaba sentado nun banco do xardín e advertiu que se lle achegaba unha rapaciña loura, de melenas longas, vestida cun pantalón short. Con acento francés preguntoulle ónde podería atopar un médico. Acompañouna. Polo camiño ela díxolle que era trapecista do circo e que seu pai -un antigo xendarme-, atopábase malo (pouca cousa: talvez unha mala dixestión), e que pedira que lle levaran un médico. El a penas falou. Ó chegar á clínica indicoulle: «Aquí». Ela deulle as gracias e invitouno a pasar pola taquilla, onde lle facilitaría un par de entradas prá función das oito.
Foi. Antes de subir ó trapecio, a rapaza, vestida de pescadora, cantou. Na metade da canción dirixiuse cara á butaca que ocupaba el e botoulle o sedal da cana, mentres lle dicía entre as risas de todos: «Pica, pica, pececito».
Volvéronse atopar ó día seguinte.Despois víronse tódolos días. Pasaban as tardes no río. Deitábanse na area. Enterrábanse. Nadaban. Ela faláballe de Marsella, da súa infancia. El pechaba os ollos e imaxinaba aquela rúa fronte ó porto, os barcos que Anne despedía cun pano branco dende a bufarda, a tía Françoise, Jules...
¿Como sería aquel Jules que lle dera o primeiro bico no portal?
-Era louro, coma min. E moi pencoso.
-¿Lémbraste del?
El tiña un sombreiro de palla sobre dos ollos pra tornar o sol. Volveulle preguntar:
-¿Lémbraste del?
Sentiu os labios dela que se po usaban nos seus. Foi coma un trallazo. Unha ledicia branca nacíalle dentro do corazón.
Despois bicáronse. Bicáronse moitas veces. E ela apoiou a súa cabeza no peito del.
Pronto correu a noticia de que se vían no río. Na casa rifáronlle. «¡O que me faltaba -dixera seu pai- un fillo titiriteiro».
Pero seguíanse vendo ás escondidas.
Hoxe os compañeiros de quinto desafiárono.
-A que non es home de subila pra aquí...
Non o dubidou. Asomouse á ventá e chamouna:
-¡Anne...!
Subiu. Recibiuna no hall e metéronse no laboratorio. Pecharon a porta por dentro e taponaron o buraco da pechadura cun cacho de papel. Os de quinto armaban barullo fóra. El ensinoulle as bolboretas, as pedras, os lagartos e as cobras metidos en formo!... Pediulle un alfinete e picouse nun dedo. Amosoulle o sangue a través do microscopio.
-¿Sabes unha cousa? -dixo da.
-¿Que?
-Que nos imos mañá.
Colleuná pola cintura e bicouna.E naquel intre chegou o director. 
Cando saia será xa de noite e terase que ir prá casa sen vela, sen lle explicar, sen lle dicir o que ocorreu. E despois de cear dirá: «Quero ir ó circo». E o seu pai responderá: «Non». Entón irase á cama. E pensará: «Os vellos non saben». E os vellos (non tan vellos), na súa habitación nin sequera se lembrarán del e da francesiña Anne. E el ha tardar en durmir, pero durmirá. ¿Durmirá?.
Mañá ó se erguer, sentirase triste. Máis triste que ninguén. ¿E que será de Anne? Non a volverá ver. ¿Nunca máis? Nunca. Ergueuse moi cedo. Marchou correndo ó campo da feira. No sitio do circo só quedaba un redondel.

in Vento ferido, 1967



Mina de ouro a céo aberto, resultado final




3 comentarios:

NUCLO dixo...

Este texto escrito por Carlos Casares pertence a nova narrativa porque utiliza un tipo de narrador novidoso,que é o narrador omnisciente selectivo,xa que só pode meterse na mente dun dos personaxes,e pode parecer un narrador cámara.O argumento e a historia non coinciden,o tempo non é lineal, diferénzase o pasado que é cando coñece a rapaza, o presente que transcorre no laboratorio e o futuro que é o seu pensamento de que non volverá vela.Para cada tempo hai un espazo, no pasado o espazo é a beira do río, que simboliza as ganas de namorar e a felicidade que sinte o rapaz ao coñecer esa moza; o presente ten lugar no laboratorio rodeados de animais desecados, un lugar frío e relaccionado coa tristura de que ela lle vai dicir que marcha para sempre; e o futuro, ese redondel que deixa o circo no chan, ese nada que simboliza a soidade que sinte o rapáz nise momento.

SK8 dixo...

1-Ten un narrador selectivo que focaliza directamente sobre un personaxe e que conta só a acción dende o punto de vista do protagonista.
2- Personaxes anónimos adolescentes que viven a inquedanza do amor.
3-Monólogo interior que representa os pensamentos do rap tal e como os imaxinaba.
4-Hai saltos no tempo.
6- O presente doreato e cando a historia está a piques de rematar, polo que compre volver o pasado para reconstruir o inicio da historia.
7-Relato curto cun desenalace triste propio das relación de amor imposibles.
8- Ten trazos de humor e ironía no inicio da relación.
9- Ten un estilo simple con oracións curtas e coloquiais.

Anónimo dixo...

'A rapaza do circo'

Narrador: está en terceira persoa,omnisciente selectivo, xa que coñece os sentimentos do protagonista, pero non da rapaza.
Argumento e historia: O texto conta a historia dun rapaz, que coñece unha rapaza nun circo e namora dela.
Os tempos verbais que se empregan son o préterito para o narrador e as escenas do namoramento; o presente para os diálogos e para o monólogo interior do protagonista a partir do cucedido no laboratorio. E o futuro, para expresar a inquedanza do protagonisto ó marchar Amnne.

Tempo: na primeira parte do texto, conta como cóñeceu a Amnne, entón fala do pasado. Na segunda parte fala do tempo presente, conta o que pasa no día de hoxe. Por todo isto, o tempo non é liñal senón que trascorre en dúas partes, no último párrafo fala do futuro, sen esperanza.
Espacio: a historia transcorre nunha vila, dentro desta citanse o parque, o circo, a praia fluvial, un laboratorio dun colexio e o gran círculo que deixa o circo na praza.

O que máis me gustou e a idea de que o amor pode estar en calquera parte.

Mel