mércores, 18 de marzo de 2015

TRADUCIMOS FRANZ KAFKA


Franz Kafka (1883 - 1924)
Eu era ríxida e fría, eu era unha ponte e estaba tendida sobre un barranco. Cos pés a un extremo e os dedos crispados no outro, estaba solidamente enraizada na lama movediza. Os faldróns da miña casaca aboiaban ás beiras. E moi por debaixo miña, ruxía o torrente xeado. Ningún turista se aventuraba cara aquelas alturas inaccesibles; a ponte non estaba sinalada en ningures. Así que eu seguía tendida e agardaba; non podía facer outra cousa que agardar. A non ser que veña abaixo, ningunha ponte, unha vez emprazada, pode deixar de ser unha ponte.

E un día, cara o solpór- o primeiro, o milésimo?, non sabería dicilo- os meus pensamentos seguían confusos e viraban sempre en redor; era un luscofusco de verán, o ruxido do torrente fixérase máis xordo, cando oín o rumor dunha pisada humana. Vén cara a min, cara a min! Ténsate, ponte; prepárate, pasarela, para termar do pasaxeiro cuxa carga se che confía! Se o seu paso é inseguro, acóugao sen intervir, pero, se perde o equilibrio, amósalle cal é o seu tempero e, coma un deus da montaña, lévao ao outro lado sobre terra firme.

Chegou, explorou a miña firmeza coa punta ferrada do seu bastón; logo, coa mesma punta, ergueu e puxo en orde detrás miña os falfróns da miña casaca. Afundiu a punta do seu bastón na miña cabeleira enguedellada e deixouna alí un longo anaco, esquecéndome sen dúbida, mentres eu lle guindaba olladas salvaxes. Pero de súpeto  - mentres eu o seguía co meu pensamento porriba de montes e vales- chimpou no medio e medio do meu corpo con ambos pés. Sentín unha violenta dor, sen comprender que ocorría. Quen era? Un neno? Un soño? Un viaxeiro? Un suicida? Un espírito de tentación ou de destrución? E vireime para sabelo. Como pode virar unha ponte? Apenas iniciara o meu movemento e xa comezaba a caer, caía, e nun intre fun esgazada e atravesada polas bicudas agullas das rochas, que sempre me fitaran tranquilamente dende abaixo ao través do curso da corrente.
Relatos póstumos


Ningún comentario: