mércores, 21 de maio de 2014

CERTAME LITERARIO 2014. TEXTOS PREMIADOS





UNHA LENDA

Eu ía pola beira do Miño á procura dalgunha persoa que me puidese contar a lenda da Lamprea bendita por Bieito XVI.

Eu xa levaba uns días buscando cando atopei un pescador que estaba a armar unha pesqueira. Díxome que a lenda a sabía pero non a ciencia certa, entón aconselloume que fose onda Cristopher, un mariñeiro que levaba percorrido ao longo da súa vida miles de lugares ( por ríos, mares, océanos). O pescador, que se chamaba Esteban, díxome que Cristopher non era un home calquera, senón un home peculiar. Tal como me dixera Esteban, fun a casa de Cristopher.

A casa era de pedra, coas portas de madeira e as ventás azuis. O patio non era moi extenso, había un camiño que daba ás cortes. Cando chamei á porta, sáeme un home alto, de corpo forte e con carácter.
- Que queres, rapaz?, díxome
- Veño de parte de Esteban, o pescador, que quero saber unha cousa, díxenlle
- E que cousa é esa?, contestoume
-Queria saber a lenda da Lamprea Bendita, díxenlle
- Pois claro que cha conto! agarda aquí un momento que vou á tenda de Xoana mercar unhas cervexas, díxome
-De acordo, dixen eu.

Pasaron dúas horas dende que Cristopher fora á tenda. Eu temía o peor, a tenda da Xoana non estaba máis que a douscentos metros, O meu temor fíxose realidade cando vin chegar un empregado de Santa Lucía que ía poñer unha esquela no Camiño das Raposas.

MANUEL MARTÍNEZ, 2º ESO





QUE TAL?


"Ei, que tal?"
- Ben


Ben!
Como podes estar ben vivindo neste planeta?
Cando a inxustiza e a dor son o prato de cada mesa?

Xente hai que morre de fame
de enfermidade con cura
Nenos mándanse a batallas
de guerras que non son súas

Ben
Ben
con mulleres maltratadas
con políticos corruptos
a incumprir leis que redactan

Venden duascentas nenas
En Nixeria secuestradas
En Juárez xa son milleiros
as mulleres violadas

Ben
di que está ben
cando en fronte da súa casa
vive un pobre home enfermo
durmindo baixo unhas caixas

O racismo é abundante
inmigrantes desprezados
en Ceuta para afastalos
poñen coitelas nos valos

Ben
séntense ben
porque eles non o sofren,
o diñeiro os rescata
xa que hoxe en día con cartos
podes mercar ata as almas

Egoísmo e hipocresía
temos pra dar e tomar
ONG  boa excusa
coa que algúns logran roubar

Ben
aínda din que están ben
é mentira, é un engano
aínda que os medios non o digan
aínda que non saia no Faro
neste mundo hai sufrimento
ciscado por todos lados

Só tes que abrir os ollos
quitar a venda e botala
descubrir que en cada esquina
chora unha alma desolada
farta de pasar a vida
sufrindo sen recibir nada.

MARIA LÓPEZ, 1º BACHARELATO



SEN TÍTULO

Necesito escribir outra canción
plasmar no papel todo o meu rancor
sen xustiza non pode haber paz
na urbe contrólannos cada día máis
resistamos polos nosos dereitos
non quero que lle fagan aos meus fillos o que a sociedade nos ten feito
ás veces soño con empuñar un fusil e mandar á merda todo
pero penso na miña xente e creme que me controlo
chámame radical quen non sabe o que iso significa
penso manifestarme contra calquera tipo de inxustiza
a historia de España está tan sucia como a fortuna do monarca
o segundo país máis corrupto onde o diñeiro manda
gustaríame dar a vida por unha causa xusta
pero non me creo máis ca ninguén, esas cousas non me gustan
eu son anarquista non terrorista, non sigades esa conduta
infórmate primeiro e logo pídeme desculpas
ergamos as nosas mans ergamos a nosa voz
non deixes que te opriman aspira a un mundo mellor
soño como morre un rei na Moncloa
non quero que ese fascista entre luxos morra
plantéome se montar unha emisora de radio
para seguir informando en todos os barrios
que a xente abra os ollos dunha vez
o descontento popular só ten que crecer
acabemos dunha vez cos nosos opresores
que estale unha revolución contra o estado que nos fode
se isto pasa serei o primeiro en saír da casa
defenderei a liberdade nas barricadas camaradas
esta época é a da estupidez
lévalo na camisola pero non sabes quen foi o Che
veña tío, que nos despistan con chorradas
pegan catro gritos no Sálvame mentres planean outra estafa
o hipócrita de turno di que o peor está superado
pero segue media España na cola do paro
el está tranquilo co seu soldo vitalicio
eses porcos ricos sácanme de quicio
non te creas mellor ca nós por teres máis diñeiro
o pobo ten algo máis forte, espírito guerrilleiro
temos simpatía cos pisoteados mortos
ti só pensas no teu cú por iso nos dás noxo
crear fronteiras é actitude racista
outra cousa sería socializar a autonomía
todos somos o mesmo sen importar onde crezas
somos cidadáns do planeta e non deste sistema
cando unha lei é inxusta o correcto é desobedecer
valoro a Ghandi pero o meu maior exemplo é o Che
Ernesto Guevara fixo o que había que facer
loitando por causas xustas en calquera parte do planeta
avanzando con Fidel e o seu fusil na selva
hoxe en día non está pero vive no meu corazón
dime todos os días que pase á acción
que saia cara á rúa e empece a revolución
loitar contra as inxustizas farame un home mellor
non te sintas orgulloso de seres español
senón de estares vivo e loitar contra a explotación
mentres teña alento penso loitar contra vós
tal vez estrague a miña vida loitando pola paz de todos
calar por medo sería os meus principios desfacer
se algo teño claro é que nacín para combater

DIEGO PÉREZ, 2º BACHARELATO









COMENTARIO A PÉ DE OBRA:

Os textos sufriron lixeiras variacións con respecto á versión orixinal entregada para o certame. Estas variacións correspóndense case exclusivamente coa correción de erros por castelanismo, que, como levamos insistindo ata a saciedade, son préstamos innecesarios do idioma veciño. Se a alguén lle proe, que non se rañe, que o faga saber á redacción deste caderno, que falando a xente,  normalmente, enténdese. Un saúdo a todo o colectivo de artistas creadores do pequeno universo do Uruguai.






3 comentarios:

carallocorou dixo...

Cada ano que pasa temos máis claro que dos tres subxéneros poéticos do vello tronco medieval: amor, amigo e escarnio e maldicir, o último é o que goza de máis forza e vitalidade. Os tempos son propicios para o filón satírico, para a denuncia social e a descalificación sistemática dunha organización socio-económica que semella dirixida por auténticos sicópatas.
Os vellos moldes da lírica galego- portuguesa xa non son válidos alén dos xogos fonéticos pero o rap revélase como unha maneira perfecta para plasmar estes contidos.
Neste caderno estariamos encantados de difundir os traballos dos nosos versolaris debidamente acompañados de bases musicais na voz dos propios autores, porque a poesía en esencia e en orixe é un xénero literario especialmente apto para a oralidade, exactamente igual que na Idade Media.

Boas ondas para tod2as!

Diego Pérez dixo...

Son Diego Pérez de 2ºBach/B aquí vos deixo miña conta de youtube e meu primeiro tema https://www.youtube.com/watch?v=hDZG-leRZs4&list=HL1402344271&feature=mh_lolz Espero que vos guste!! Subscribiros para escoitar os próximos temas subidos. UN SAUDO!!

carallocorou dixo...

Vídeo capturado, Diego. Grazas pola túa aportación. Non deixaremos de seguirte. Un saúdo.