martes, 31 de maio de 2011

TEIS, BARRIO GRANDE

a capela antiga en día de romaría


a ermida construída segundo o proxecto de Manuel Gómez




o proxecto de Palacios en maqueta


A ERMIDA DA GUÍA:é un dos proxectos de arquitectura relixiosa do autor Manuel Gomez. Está adicada á nosa señora das Neves.


O arquitecto Palacios fixo un deseño moi orixinal que non chegou a realizarse.

Antes deste proxecto había unha capeliña humilde, feita coas aportacións da xente. AQUÍ celébrase dende tempo inmemorial unha romaría multitudinaria á que tradicionalmente acudían xentes da contorna de toda a ría de Vigo para pasar o día enteiro a cantar, bailar e comer cos veciños á sombra dos carballos, algúns centenarios, da vella carballeira situada ao pé da ermida pola banda do Leste.



A Guía reza na tradición popular como unha das sete irmás que coroan cos seus outeiros a banda Sur da Ría de Vigo, todas elas son asentamentos de vellos castros, nalgúns casos desaparecidos por obra e graza da depredación sistemática da nosa cultura. As irmás da Guía son A Peneda (En Soutomaior), O Sino, as Torres de Padín(en Teis), O Castro , O Alba e O Aloia. 
Casualmente, dei cun precioso texto de Cortázar en que nos fai saber que en Dheli, na India, a lenda das sete irmás vai referida a uns paxaros que sempre voan en bandadas de sete. Non é incrible?



a Guía vista actual dende Guixar


antes de que asfaltasen o acceso á ermida
anos 50



§

Teis é a parroquia máis poboada de Vigo. 


Parroquia costeira, comprende 5,80 kilómetros cadrados localizados na ladeira do monte da Madroa. Teis é unha das parroquias máis poboadas con máis de 24.000 habitantes. A causa da industrialización do século XIX, a zona está completamente integrada xa no centro urbano, mantendo tan só as zonas verdes da Madroa, o alto da Guía e o parque A Riouxa. En Teis localizáronse achados do Neolítico e restos da cultura castrexa.

As primeiras referencias á parroquia remóntanse ó ano 1145. No século XVI sofre as invasións dos barcos do corsario inglés Drake, ó tempo que comezan a implantarse en Teis explotacións pesqueiras, que posteriormente crecerán ó incorporarse os industriais cataláns da salgadura. No século XIX, o areal de Guixar alberga fábricas conserveiras e pequenos asteleiros.

No barrio funcionan diversas asociacións de veciños e o Plan Comunitario. O Plan Comunitario foi creado en 1994, coordinando distintos colectivos coa finalidade de rendibilizar os servizos da parroquia e organizar actividades en común.





praia de Espiñeiro antes de ser sepultada
no cumio do monte non había vexetación, era unha moa redondiña e pelada




o lugar onde se acabaría instalando Factorías Vulcano
foto de 1947




Teis concello:


Teis foi concello independente en varias ocasións; aparece nas listas que xurdiron nos dous períodos liberais (1812-14) e (1820-23). En 1849 separouse do concello de Vigo para incorporarse ó de Lavadores. 

Antes da guerra Civil conseguiu a independencia de Lavadores. Na Avda Galicia ubicouse a casa consistorial de Teis que tamén facía as funcións de casa do pobo; moi cerca estaba a cooperativa, o lugar onde se facía troco de mercadorías sen intermediarios nin usura. Nas eleccións municipais democráticas da 2ª República, o concello de Teis votaba masivamente polos seus representantes do Sindicato de Labradores de tal maneira que chegamos a ter un autogoberno sen precedentes. Montouse unha escola pública, biblioteca, un xornal chamado El campesino, consultorio médico gratuíto e moitos avances sociais que nunca tiveramos dependendo de Vigo ou de Lavadores. O exemplo de autogoberno en Teis estendeuse como a pólvora 1º por todo o Sur de Galicia e máis tarde cara o Norte e o interior, de maneira que entre Solidariedade Galega, da Coruña, e o Sindicato de Labradores de Teis naceu unha rede de sindicatos agrarios por todo o país que reivindicaban fundamentalmente a redención dos foros, con orixe na Idade Media, e o dereito á propiedade da terra que se traballa.Esta loita pola terra ten fondas raigames nas loitas Irmandiñas medievais. Levounos máis de 500 anos conseguilo pero cando por fin se acadou o obxectivo, o noso territorio empezou a converterse no 1º perímetro industrial de Vigo, de maneira que o cultivo da terra como medio de vida pasou a un segundo plano e a nosa xente entrou como man de obra non cualificada nas fábricas que empezaron a eclosionar por todo o litoral.


portada de El campesino


















folla de El campesino cunha poema de
Curros Enríquez






 Se dás co cursor no medio da imaxe, esta aparecerá ampliada nunha páxina independente, podes aínda ampliala máis para acceder aos textos. Observarás que o xornal está en castelán. En torno a 1929 había orquestrada en Galicia unha rede de irmandades creadas para a defensa sen restriccións do idioma, entre outras cousas esixían a cooficialidade co castelán. Este labor quedou interrompido pola Guerra Civil e a longa noite de pedra da ditadura. Burocraticamente falando non se conseguiu tal cooficialidade ata a aprobación do actual estatuto de autonomía. A nivel práctico temos aínda moito camiño por percorrer, se ben é certo que hoxe en día un periodiquiño destas características estaría sen dúbida redactado en galego, xa que a recuperación da lingua escrita é, na actualidade, un feito incuestionable. Outra cousa é a lingua viva que sofre un gran desgaste por falta de transmisión xeracional.




Vigo a cidade perdida: intersantísima ristra de fotografías que amosan as grandes posibilidades urbanísticas de Vigo antes de caer en mans dos especuladores.








Avda Sanxurxo Badía:O cordón umbilical que une Teis a Vigo.



Sanxurxo Badía foi un industrial vigués nacido na Coruña no ano 1937 que fixo barcos, levaba auga ao lazareto de San Simón e chegou a ser concelleiro do concello de Vigo. 


Temos noticias que este home era un gran afeccionado ao deseño de aparellos náuticos, chegando a montar un batiscafo que parece que foi probado con éxito nunha das praíñas da banda  Noroeste do Monte da Guía. Julio Verne estivo en Vigo para coñecer o prototipo de Sanxurxo e posiblemente nel se inspirou para crear o Nautilus da Vinte mil leguas de viaxe submariña. Lembrade que a ría de Vigo é un dos espazos literarios desta marabillosa noveliña.




non hai moito que por Sanxurxo Badía baixabas vendo todo o tempo o mar


hoxe en día vas camiñando entre dous
muros xigantescos de edificios




ADDENDA: desta entrada no noso caderno creo que acaba de nacer unha idea luminosa para o curso que vén. Un novo caderniño con moitas imaxes e textos de todo tipo monográfico para Teis, un mundo.

4 comentarios:

Mpima dixo...

Nótase que quen escribiu este texto coñece ben este barrio, o barrio co que todos cambiamos e medramos. Nos textos nas explicacións aparece ben clariño que Teis é unha gran parroquia, tanto pola súa situación como por o cambio que deu para mellorar.

EFFO dixo...

Gustoume moito segue asi nunca cambies a tua forma tan bela de narrar moitos bicos

R.P dixo...

Resultoume moi interesante éste artículo porque fala do meu barrio e gustaoume saber un pouco máis da zona onde vivo.

Lúar dixo...

Eu non son da parroquia de Teis, mais paréceme moi interesante, pois esto forma parte da historia da miña cidade que non habería ser a mesma sen Teis.