Había unha vez unha rapaza chamada Carapuchiña que mandou a súa nai levarlle unha cesta de comida ao lobo, enfermo de catarro na cama.
A nai de Carapuchiña ía moi anoxada, pois parecíalle moi incómodo ir polo medio do monte, que aínda por riba era o camiño máis longo.
A nai de Carapuchiña, que para abreviar chamaremos Maricarme, ía pensando no seu novo noivo, cando apareceu a vella do monte, tamén coñecida como avoíña, que lle dixo o seguinte:
- Maricarme, propóñoche un xogo: ti vas pola beirarrúa e eu polo monte, e quen chegue antes gañará unha galleta.
Pero Maricarme non era parva, o único é que non pensaba con regularidade e contestoulle.
- Creo que deberiamos facer ao revés: ti es velliña e con ese monopatín pódeste mancar se vas polo monte. Entón é mellor que ti vaias pola beirarrúa e eu polo monte.
E así quedaron. Como era de agardar, chegou antes a avoíña, que aínda que fose unha anciá xa tiña tres Tour de Francia gañados e soubo enganar o lobo facéndolle crer que era unha xoaniña. Despois de pelexar un bocado, a avoíña fíxolle unha chave de carate e mancouno seriamente. O lobo tivo que ir ao hospital Xeral, pero por culpa dos recortes na Seguridade Social, levoulle moito tempo que o atendesen.
Todo o tempo que lle fixo falta a Maricarme para chegar. Cando chegou, entrou na casa, deixou a cesta enriba da neveira e abeirouse á cama e deuse conta que algo raro pasaba e preguntoulle ao lobo:
- Pero ti, lobiño, como tes os ollos tan pequerrechos?
E el contestou:
- Ai!, é de tanto andar no chat que me proen.
- E por que tes o nariz tan chato? Dixo ela
- Polo arrefriado que teño, é matador. Dixo el.
- Pero... se tamén che encolleu a boca! Berrou ela.
- É de tanto falar, así que cala xa!
Entón a avoíña saíu da cama e díxolle a Maricarme:
- Gañei, gañei! Así que me debes unha galleta. Non pode ser moi doce, lembra a miña diabete. E tamén quero que me faga ver as estrelas.
Por primeira vez na súa vida, Maricarme pensou no pouco útil que é matarse a repensar as cousas e, deixándose levar por un instinto repentino e descoñecido arreoulle unha moquetada tan grande que quedaron mancadas a vítima e a agresora. Por fin reaccionou e dixo:
- Non querías unha galleta que non fose doce e que che fixese ver as estrelas? Pois aí a tes!
A final acabaron todas no Xeral, incluída Carapuchiña, que caera polas escaleiras preguntándose onde andaría metida Maricarme que non daba regresado.
Unha das fotografías premiadas no concurso fotográfico do Uruguai
realizado en xuño do 2012
3 comentarios:
O conto é moi divertido, cambiando a os personaxes de lugar, a persoa que o fixo ten unha imaxinación moi grande para facelo.
Xoaniña.
Vaia conto máis rebuscado! É unha historia moi pensada e está claro que non se lle ocorrería a moita xente.
Pepiña.
A min o detalle que máis me gusta é esa longa espera do lobo no Xeral; no medio da fabulación aparece a realidade dos recortes.
En xeral, o ton do conto é divertido e consegue anular a violencia do conto orixinal.
Publicar un comentario