sábado, 23 de xuño de 2012

Un día nas felices Illas Cíes






O pasado 21 de xuño pasamos o día nas Cíes algúns profos e profas co alumnado da Eso. Despois dunha semana de chuvia e frío os deuses da climatoloxía quixeron beneficiarnos cun día espléndido e temos que dicir que topamos todo marabillosamente lavadiño e limpo. Tan ben se estaba na praia que o que máis e o que menos collemos un certo ton acamaronado. Os que vos puxestes moi encarnados deixade curar a pel antes de expoñervos de novo ao sol!
Nunca deixará de asombrarnos a beleza paradisíaca das illas, a brancura da súa area, a variedade de herbiñas e flores das dunas, a transparencia cristalina das súas augas e a frescura do monte despois da chuvia. Subimos a un dos promontorios que dan aos cantís e vimos gaivotas aniñando e vixiando os niños. Este ano non topamos ovos eclosionando porque parece que ese proceso está un pouco demorado, posiblemente como consecuencia dos desaxustes climáticos. 
O vídeo que colgamos dá boa conta do que dicimos. Se alguén de vós quere as fotos, deixamos no  ordenador do Departamento de Galego un cartafol para que as copiedes cunha boa resolución.
Que pasedes un bo verán!



2 comentarios:

carallocorou dixo...

Esqueceunos poñer no vídeo, e é de rigor, a aportación musical. A 1ª peza é a inconfundible Rita Povone SAPORE DI SALE, a 2ª é Xabier Díaz coa canción titulada SALITRE. Grazas aos dous.

Anónimo dixo...

Gústame moito o vídeo esta moi ben editado.
Corba.