martes, 17 de abril de 2018

O can danado


O CAN DANADO

Igoal que un can danado nos camiños
o terror anda solto polo mundo.
Semella un vento negro que pousase
súas azas de corvo
sobre a frente dos homes temerosos.
Un xelo de invernía en descampado
paraliza os relós, perfora as gorxas
e pon veos de anguria nas palabras.
Un grande telescopio nos vixía
coma un ollo de Cíclopeque sigue os nosos pasos
e fita sin acougo o noso rumbo,
dende tódalas fiestras,
dende tódalas torres,
dende tódalas voces que nos falan.
A noite é un micrófono impasível
que escoita o latexar do noso peito,
coma un escuro espía que espreitase
os nosos pensamentos máis segredos.
Todo se troca en cousa inconfesável;
detrás de cada esquina unha sospeita,
unha duda detrás de cada sombra,
e medo, medo, medo,
un pozo profundísimo de medo,
espello de auga fría
no que o terror se mira eternamente.

Celso Emilio Ferreiro en Longa noite de pedra


SOLDADO

  Xorxe, meu vello amigo,
                          ¿cómo fuches parar á tropa?
                                             W. H. Auden

                     1
Tiña os ollos azules poboados de preguntas
sobre o tempo i as colleitas. Seu pensamento estaba
cos segadores cantando na serán, ao comenzo
do solpor, cando a noite empeza a ser mociña.
Non comprendía os termos honoráveles,
nin as palabras encheitas de solemne soberbia,
nin aos homes aquelados de estúpida suficiencia
que se coidaban importantes
porque os seus devanceiros chegaron a señores
a forza de prostituirse, axionllarse e podrecerse.
Ouvía falar dos deberes co estado soberano,
das sacras instituciós, do orde, da groria
e lembrábase axiña do carballo que había
na porta do seu casal, alá na outa montaña,
perto do río que fungaba un laio monocorde
de escumas entre as pedras; lembrábase asimesmo
do traxe esfarrapado do escolante loiro
que un día fora á guerra e non voltara;
e aínda se lembraba das maletas dos emigrantes
e das anduriñas que pasaban voando cara o sul.
Tiña o corazón cheo de verbas pequeniñas
como cativas patrias ou pulsos latexantes.
Iletrado e sinxelo, gardaba a sabencia dos bosques
e interpretaba o profundo vento que xeme na noite.
Decía con dozura as súas verbas antigas
e dempóis calaba pra escoitar o silencio
do mundo, dilatado e inmenso como unha chaira.
Abría as maus labregas,
que agora empuñaban un fusil,
e púñase a miralas con atención lenta e teimosa.

                   2
De súpeto, nos límites lonxanos do horizonte
fitóu o resprandor dunha cidá en chamas
semellante a un remoto mencer amarelo.
De enriba baixóu un rumor de treboada,
un xordo bruido de río enrabexado,
coma un rouco balbordo cubrindo a paisaxe.
Oubeóu un can nos arrabaldos,
e comenzaron os lóstregos.
O fume,
coma unha palmeira xigantesca
abríu os seus brazos ardentes
i esparexéu pola bóveda celeste
un escuro anuncio de morte.
Asubíos e lóstregos.
Os paxaros da tarde
caíron mortos cal follas de outono.
A sireia da fábrica erguéu o seu chifro
fendendo en dous anacos o día tépedo,
o día húmido e íntimo con sbor de beixo.
Lóstregos

                    (Alcendéuse a bombilla)

Unhas maus deformes afirmaron os cotobelos
no aire estremecido
e un retablo de caras esmaceladas,
mirando para o cumio, increparon aos dioses.
Queimada carne, pernas, pés, ferraduras...
Un touro axexante, coma un Minotauro perdido
nun laberinto de brazos, rostros, pernas, seos tumefactos,
muxía longamente.

                    (Apagóuse a bombilla)

Un cincel roto
procramóu a súa protesta.
Un cabalo
dislocado, desbocado, agallopóu frenético
sobre cascos de pedra e  nitroglicerina.
Lóstregos.
Fedía a cortello misturado con cloaca e azofre.

                    (Alcendéuse, apagóuse a bombilla.)

Viuse e non se viu unha paisaxe
de brazos, rostros, pernas, dedos,
tellas, seos, portas, aramios...
Lóstregos e os derradeiros estoupidos.
Dempóis, nada. Silencio. Un mesto silencio
de noite nevada ou de terra erma.
Xorxe, meu vello amigo:
Ti que estás cos que sofren a historia
i en contra dos que a escriben,
¿cómo fuches parar á tropa?

                    3
Chegaron ás aforas de cidade
cubertos de borralla e de cansancio.
O teniente berróu, "alto, quén vive";
na inmensa soedá nasceron nardos.
O silencio da noite estrelecida
era un longuísimo camiño branco.
As cartucheiras ían tintintín,
decían tintintín, marcando o paso.
Un bisoño de cúbito supino
miraba para o ceo despiadado,
o fusil nunha mau,
na outra mau un saco.
O fillo da súa nai estaba morto,
groriosamente morto sobre un charco.
Tiña nos ollos vento. Preguntaba
cunha ollada azul de animal manso.
Xorxe, meu vello, meu eterno amigo,
dime no que estás pensando.

Celso Emilio Ferreiro en Longa noite de pedra
                       




mércores, 4 de abril de 2018

mércores, 28 de febreiro de 2018

Territorios inventados ( micropoemas)







Miña nai mandoume ir facer a compra, díxome que fose a por medio kilo de narís de paiasos, dous ladrillos con abelás, e  grans de arena para rebozar os filetes; tamén me dixera que collera catro balóns laranxas para o almorzo do día seguinte. Cando fun pagar  algo chamou a miña atención, a caixeira tiña unhas perlas que brillaban cando sorría.
TMT

Estaba na praia camiñando,
mentres a area de veludo
aloumiñaba os meus pés.
Escoitando as ondas romper
como se estivesen a murmurar 
a letra dunha canción, 
e vendo como o algodón do ceo
se ía afastando do sol.
SIDNEI

 Estaba eu no meu cuarto, cando soou unha música que me indicaba que había alguén esperando que abrise a porta. Cando abrín, unha mancha negra que logo enchería a miña vida de cor asomaba a súa cabeciña por debaixo dunha manta.
En canto o metín no meu salón, comenzou a saltar. Parecía feliz no que sería o seu novo fogar.
ZAIRA


Cando cheguei ao medio e medio do escenario, decateime de que non ía ser capaz. O ameazante ruído da xente era coma unha tormenta. Tiña medo. Que digo medo? Pánico, puro pánico. Estabamos sós: un micro, 10.000 persoas e mais eu, e o seu ruído eran fortes trebóns. Malditos sexan todos os que me dixeron que nacín para isto. Maldito sexa eu por confiar na súa palabra. Tentei falar, pero non saía nin un fío de voz da miña gorxa. Definitivamente, non era capaz: a miña vista anubrouse, e a tormenta cesou.

COLLEL





A miña viaxe a Canadá comezou no aeroporto. Este lugar é como un niño de aves migratorias que voan a diferentes lugares. Ou como un formigueiro, cheo de formigas que saen  para buscar o mellor para elas.

Xa dentro do paxaro, Canadá paréceme un lenzo de cor verde salferido  dun sucre moi branco e denso que lle dá  un aspecto navideño. No chan,  pódese ver un labirinto de columnas que se elevan cara o ceo sen final algún. Ten moita vida o lugar: o rei do bosque coa súa enorme coroa acompañado polos súas compañeiras e paxaros sen plumas que voan de árbore en árbore.

Pola noite a aurora boreal lévate a creer que os espíritos do bosque e dos nosos antespasados e familiares seguen connosco e sopran o vento frío para que te axude nos momentos difíciles.
 ANTONTEIS

O neno saíu  dar unha volta, ía unha calor  infernal e decidiu ir a unha xeladaría. Comprou un facho con chama branca e ao saborealo sentiu unha sensación fría coma o inverno.
AP9

Estaba saÍndo da casa, caían chuzos e tiven que coller un paraugas. A medida que ía acercándome ao meu destino a chuvia convertíase en puntas que se cravaban na miña pel. Xa terminando a tarde,  a escuma gris do ceo volveuse aínda máis negra. 
AAL


Onte fun como un caracol á panadería comprar a mellor torta de Santiago, atopeina e semellaba un campo cuberto de neve, e no medio unha arbore caida.
GR2




As ventás das casas son coma os ollos das persoas,
observan pero non din nada.
As ventás son ollos tranquilos ,miran as persoas caminando,correndo…
pero non se moven.
Os ollos das casas ven pasar o tempo facendo sempre o mesmo ,
ollando o mundo.
C8 


A folla que aboiaba polo suspiro da terra.
O fume que se alzaba polo ruxido da fogueira.
A auga que berraba ao caer da fervenza.
O todo que 
exhalaba ao converterse en nada.
A vida que murmuraba por culpa da morte.
?

Onte durmín como un bebé, abrazada ao meu peluche, o que me rouba un sorriso cada vez que o vexo.
Ata que apareceu o día resoando a campá.
AP7

Hai días nos que os días paran. Días nos que podes atopar instantes fermosos coma xemas, xemas fermosas coma persoas e persoas que fan os máis fermosos instantes.
Eu coñecín a xema da miña vida, nun día no que o tempo morreu e naceu. Nun día no que o ceo decidiu rir e chorar.
Eu coñecín o brillo das alfaias. O fulgor das risas, dos soños e das bágoas. Todo iso o atopei nunha persoa.
No mesmo día que deixei de soñar que vivía, para vivir na procura de qué soñar.
PEPA
 
 Os meus ollos son pequenas fiestras que abren ó mencer e pechan ó solpor, como o nacemento e a morte de cada día. Móllanse as miñas fiestras os días os días de tristeza.
MALDIVAS

Onte  lin no xonal que está noite ía  nevar , así que cando espertei  vestinme  coma un raio e saín á estrada.
Todo estaba cuberto por azucar glas e non podía parar de mirar ao meu redor , era unha paixase tan bonita e tan branca... pero a miña vista centrouse neses ollos azuis mar do meu veciño que estaba tan alegre coma min por poder ver esa paixase.  
C21

Era unha mañá coma outra calquera, fun ao supermercado  facer a compra, cando fun a un pasigo coller a comida notei como as lámpadas do teito brillaban coma o lume de san Xoan. Logo fun  á carniceria e atopeime cuns asasinos cortando a carne do porco, saín alporizado e agocheime nunha tenda onde vendian peles de animais expostas, todas de diferente forma e cores e tamaños.  
BURBIA


Ía a nena camiñando pola praia descalza, os finos grans da fariña metíanselle entre as dedas de boneca, e as nubes tapabn o Sol que brillaba máis que o sorriso máis branco do mundo,  máis que a escuma dos linces mariños.
MES


 ELA: Os seus cabelos son ouro, os seus ollos  coma soles  e cando dorme eclípsans; os seus beizos son como doces nubes. É fraxil coma un cristal, tenra como un bebé e bonita coma un diamante.
CHAMPÚ


Cheguei a esa caixiña de pedra e metinme no sobre, no meu pequeno sobre, xa era case media noite e podíanse observar as faíscas escintilando pola xanela, quedei deitado comendo teito e soñando na miña nube. Case escoitaba eses monstros que se alimentan do vento do mar e que batían coa forza dos mariñeiros cando van pescar suando coma testemuñas falsas no inferno do verán.
GALIA


domingo, 11 de febreiro de 2018

Cousas da periferia


Periféricos, el documental.[2006][VHSrip][Español] from Il Canalla Rubens on Vimeo.


Neste documental aparecen algúns dos protagonistas da movida viguesa dos oitenta tal e como son na actualidade, trinta anos máis tarde. Botan con humor unha ollada retrospectiva  sobre a cidade nos inicios da democracia, moi pouco que ver co Vigo tecno dos centros comerciais de hoxendía.



Imaxe extraída dun dos nímeros da revista Tintimán, buque insignia do grafismo dos oitenta.


venres, 12 de xaneiro de 2018

POSTA EN ESCENA DE Cousas



 O pasado mes de decembro despedimos o primeiro trimestre do curso 2017-18 cunha posta en escena de varias Cousas de Castelao. A idea desenvólvea o grupo Os Quinquilláns en colaboración coa editorial Galaxia. Como amosan as imaxes, foron quen de levar ao escenario a  estética de contrastes moi característica do autor. Moi boa idea!



















venres, 1 de decembro de 2017

Retrincos



Imaxe relacionada


Premendo na imaxe accédese ao texto completo



venres, 7 de abril de 2017

As bibliotecas viventes

Onte, 6 de abril, o alumnado de 4º da ESO asistiu ás bibliotecas viventes no pavillón de As Travesas. Todos os libros vivos que están ao noso dispór este ano teñen temática deportiva. Dende un afeccionado á bicicleta de montaña a un xogador olímpico veterano, dende unha árbitra de balonmán ata unha taikondista. Todos eles e elas contaron a súa longa experiencia no mundo do deporte local e internacional. Mesmo hai un libro vivo sobre as retransmisións radiadas e televisadas de eventos deportivos. Agradecemos ao concello esta valiosa oferta educativa para o alumnado da escola pública viguesa. Os rapaces disfrutaron dunha conversa en galego informal e tiveron oportunidade de investigar en cada libro todos os aspectos que reclamaron o seu interese. Para o curso que vén contade de novo connosco!











xoves, 23 de marzo de 2017

Pardo de Cela. Documental




Documental emitido por TVE2 no ano 2013 sobre Pedro Pardo de Cela, O Mariscal é o protagonista absoluto do convulso século XV galego. Decapitado publicamente na praza maior de Mondoñedo, converteuse nun mito do que se conserva un pequeno romance popular anónimo denominado
O pranto da Frouseira


Resultado de imaxes para castelo da frouxeira
Castelo de Castrodouro e ao fondo o pico da Frouseira

                                             

martes, 8 de novembro de 2016

Os vellos non deben de namorarse ( UNHA OBRA ILUSTRADA)



Recólllense neste vídeo as ilustracións que Castelao elaborou para a posta en escena da obra, que se representou por primeira vez en Buenos Aires no ano 1941.

O uso  de máscaras é un trazo vangardista extraído do simbolismo europeo para conseguir distanciar o personaxe do actor que o representa. A máscara amosa trazos básicos de personaxes arquetípicos, como no teatro clásico.





e

luns, 13 de xuño de 2016

Un Tesouro baseado no texto de ANXEL FOLE

http://www.crtvg.es/cultural/especiais/o-tesouro

Ficha técnica:
  • Dirección e realización: Xaime Fandiño
  • Director artístico: Suso Montero
  • Produción: Hilario Pino
  • Intérpretes: Maxo Barjas, Evaristo Calvo, César Cambeiro, Xan Cejudo, Manuel Manquiña, Marcos Orsi, Pepe Penabade, Luís Tosar e Luís Zahera
  • Sinopse: O mundo do fantástico e do descoñecido da man de Ánxel Fole. Adaptación televisiva do conto de Anxel Fole, en formato 16:9 e gravado en vídeo dixital. O Castelo de Soutomaior, en Pontevedra, o pazo e a igrexa de San Lourenzo e o Hostal dos Reis Católicos, en Santiago foron as localizacións elixidas para a gravación.


Resultado de imaxes para anxel fole O tesouro


luns, 6 de xuño de 2016

Eduardo Blanco Amor: OS BIOSBARDOS

 


A arrasadeira

Eu —contábame Toniño Cobas— nunca fora ás arrasadeiras. Ía ós morogos, ás cirolas bravas, ás cereixas da carretera, que se dan de seu e que non son de ninguén. Pro non ía ás arrasadeiras porque os que ían non me chamaban; i os rapaces que eu trataba non eran dos que ían de noite a roubar uvas, peras, mazás, pexegos, ananos ou o que caíse, asegún o tempo. Os gue andaban comigo e viñan á miña casa, falaban mal diles pro tíñalles envexa.

Os que ían ás arrasadeiras eran ledos, destemidos, pelexaban por calquer cousa e ríanse de todo. A min non me somellaban ruís, pro eran eisí, i eu tíñalles envexa.

Coñecíaos dabondo e trataba a algús. Ás vegadas, na Alameda, cando tocaba a música de tropa, chamábanme aparte (iles non entraban no paseio do meio, que era o do señorío) e dábanme de todo; enchíanme os petos; metíanme entre corpo i a brusa recimos inteiros que se me apegaban ó coiro. Tanto que, ás veces, tiña que deixar o paseio (e logo dar disculpas e mintir) pra me baleirar de tanto que me daban e que non daba comido. Lémbrome que un día, un recimo de moscatel traguía unha avéspora e púxose a me picar tanto que ceibei con todo frente á botica do Román. Deume vergoña porque pasaba moita xente e viron todos que me puña a brincar, coa camisa defora, ciscando as uvas por todas partes.

A min non me acadaba ben que uns rapaces fixeran unhas cousas e que outros non as poideramos facer. Miña nai decía que ire ás arrasadeiras era roubar. Pro a min a verba non me semellaba axeitada; máis ben parecíanme troulerías de rapaces pra se adivertiren; e que por moito que collese cada un, entre o que daban i o que comían, non valía tanto como pra chatalos de ladrós. E somellábame tamén que o podiamos facer todos, e que non era xusto que o fixesen os rapaces máis ledos i arriscados e nosoutros non, porque eramos señoritos, ¡vaites co señorío!

Por todo isto, a min, xa de moi novo, víñame traballando unha pencha descontra min mesmo que se me metera na cavilación e que non me deixaba acougar. Por todas istas cousas e por outras, viña a parar en que a nós non nos criaban ben, e que non había coasi difrencia entre as cousas que nos deixaban facer i as que facían as nosas irmás, fóra de andar ganduxando trapiños e garnindo no bastidor. No demais era o mesmo: falar a modo, aínda que fose uns cos outros; non responder mal a ninguén; ollar solermo prás donas e modesto prós maores; non alandillar polas rúas, levar as unllas limpas, esgarrar no pano… Por iso os outros, cando nos querían alcumar, o primeiro que nos chamaban era «saritas», ou maricallas.

E facían ben. Iles argallaban e procedían como lles petase, sin lle dar conta a ninguén. Xogaban ó «jota justicia», de noite, por todas as rúas da cibdá; lataban a escola; facían choutar billardas como eixos, e, xogando ó peón, rachábannos as ronas, anque fosen de buxo; saltaban «a beber», afundindo os puñetes nas costas dos que apandaban, sin que ningún se queixase; pelexaban por pelexar, pra ver quen lle ía ó outro; chimpaban as buxías da  luce a cantazos e tirábanlle, dun arrempuxón, todos os bonecos vestidos de mariñeiro i os señores de gabán que tiña na porta o comercio «Las Mil Capas», de don Serafín Feixóo; e tamén enrabechaban ós municipaes (o Testa, o Calivera, o Sardiña, o Trazas) até facelos entolecer. Un día, nas festas do Corpus, atináronlle cun cantazo ó Collombao no istrumento, cando estaba a botar un obrigado de cornetín no concerto da banda (con todo o quiosco arrodeado de pasmós) que din que os botaba moi ben.

Aquelo era vida, e non o andar apegados ás saias das nais, esmorecidos e cansos sin ter feito nada. Iles, pola contra, tiñan decote os ollos faiscantes, falando a berros, chamándose polos alcumes, seus ou da familia, botándose a correr sin vir a conto, ollando sempre darredor como si os perseguisen, buscando sin dárense folgos novas toladas pra se rir, nunca coas maus quedas, co elas sempre bulindo no ar, que somentes as metían nos petos cando había que pararse a coller unha determiñación…

Un día fun e díxenlle a Pepe o Roxo (que era fillo do señor Pepe o Roxo, que tiña banquilla de zapateiro na Fonte Nova) que por que non me levaba a unha arrasadeira. No xeito con que me considerou, fitándome de enriba a abaixo, deprocateime que, anque me quería ben, non me vía moi cabal pró asunto.

—Non che convén. Vanche rifar na casa. Moitas veces esgázase o pantalón i esfólanse os zapatos ou pérdense as zapatillas.
—Boeno, anque me rifen; total, rífanme por todo.
—A máis deso, ten que ser de noite e ti non podes.
—Por eso cho digo; mañá van a un casamento e pódome escapar.
—Mellor é que nos agardes e dámosche de todo; eu, pola miña parte, xa sabes…
—Xa sei que me tedes de menos.
—Non home, non. Hai que estar afeito… A onde imos mañá, hai que avantar dous muros, que ímoslle ós figos ó Abade das vellas.
—E… avantaranse.
—¿Corres ben, sin que che deia o punto?
—Coido que si.
Quedou calado un anaco fitándome seguido.
—Ademais, non é dos que se andan con chiquitas… O abade férrache cada perdigonada de sal que si che colle 0 cu non te podes sentar en oito días, aparte as callenturas que veñen. E si che dá nos ollos, cégate.
—Boeno, entón non irei.
Voltoume a considerar outro pouco e véndome tan triste púxose a rir, logo botoume a mau polo ombreiro e díxome:
—Está ben, Tono ti verás…
—¿Logo lévasme?
—Eu non te levo, vas ti. (Isto gostoume moito). Pro ás figueiras non tes que subir, porque si non se sabe andar por elas ráchanse as ponlas e fan bruído.
—Entón non vale a pena.
—Cala home… Ti vas a par de min i apañas os figos embaixo, que tamen isto ten seu aquel, xa che direi como has facer. Xuntámonos mañá ás nove, na Alameda do Cruceiro, que a isa hora xa están ceando.

Cheguei cedo e non había aínda ningún. Os catro ou cinco que logo foron aparescendo, non me fixeron caso e puxéronse a falar entre iles. Logo chegou Pepe o Roxo e chamárono aparte e puxéronse a disputar. Eu dábame conta que era por min. Nunha desas, o Roxo pegoulle un arrempuxón ó Caparrás e sacudiulle unha lapada ó Peste, e todo se arranxou.

Veuse pra min, colleume polo ombreiro e botamos a andar pola congostra que arrodea a viña de dona Calrota. Os outros ían adiante, alobados sin falar nin rir, como quens están afeitos a tales adubíos. A min batíame o peito, pro eu sabía que non era de cagana sinón de ledicia.

Dempois fumos dando arrodeos até saír a un campón con choupeiras, onde algunhas vegadas nos sentabamos coa miña nai e meus irmaos a merendar.
De noite todo somellaba difrente porque eu non tiña andado de noite por ningures, non sendo polas rúas da vila, nin xiquer polos arredores. Si non foramos tantos e si o Roxo non me levase a par de si, poida que chegase a ter medo. Pro naquil intre, non o tiven.

Conque, a pouco máis andar, chegamos. O Caparrás adiantouse e subiu ó paredón agatuñando. Dende enriba fíxonos aceno, i os outros agatuñaron tamén e deixáronse caír pra adentro, que se sentían caír cun golpe focho.

Cando nos chegou a vece, o Roxo acrequeñouse i eu subín enriba dil pro non chegaba. A parede era de seixos e eu non podía agatuñar porque me doían os dedos.

—Súbete na testa.

Púxenlle un pé enriba da cabeza, pro como non me collía o outro, ou mellor dito, como me esvaraba ó ladeáreselle a gorra, afirmeime nos cóbados, din un brinco e quedei a cabalo do muro. Logo o Roxo agatuñou como si tal cousa, botouse da outra banda e chapoume cando me deixei caír.

Os outros xa ían diante, camiñando dapouco, encollidos. Baixaba o terreo, cuberto de cepas, até unha casa grande arrodeada de árbores. O Roxo deitoume á orella:
—As figueiras son esas.

Na casa víase unha luce de carburo e nela recortábanse os árbores. Un can botouse a ladrar con poucos folgos, i outros ladraron máis ó lonxe; algún ouveaba.

O Roxo fixo un asubío moi a modo, como de paxaro, e quedamos todos quedos. De alí a un pouquiño, calou aquel can e foron calando os outros. Logo xuntámonos, coas cabezas xuntas, e o Roxo besbesellounos:

—É o cadelo da vella, que o teñen atado. Non val nada, e si un se lle arrepón, fuxe. A máis deso non o deixan fóra cando se deitan. Hanse deitar aixiña; temos que agardar. Esparexédevos por eí, e coidado co pico.

Eu senteime con Pepe o Roxo (non me podía afastar dil). Tampouco podía deixar de erguer a testa e fitar prá luce da casa. Seguíame batendo o peito, e aínda que me sentía moi arrufado xa emprincipiaba a pensar que ogallá finase aquelo pronto.

Conque foi e apagouse a luce… Dempois de quedármonos quedos outro anaquiño, o Pepe asubió e fumos xuntos até dar con outra parede. Ista era moi baixa, coasi un valado, e podíase avantar por ela. Por enriba asomaban as figueiras iñormes. Cada un foi por onde o Roxo lle acenou; e, decontado, todos agatuñaron polos árbores e perdéronse na follax. O Roxo diume o fardel que trouxera, e dun chimpo xa estaba enriba.

Cando fiquei soio, coido que tiven medo; non por nada, senón porque me quedara soio e comenzaron a me renxer as tripas.

O Roxo guindou un figo de aviso e atal como me insinara, guieime por il, abrín a saqueta i escomenzaron a caír os figos.

Xa se ía enchendo, que ás vegadas botábame presas diles…

E foi eí cando esboiraron dous disparos arreo, tan perto de min que vin as chispas por enriba da testa e sentín o ar quente no carrolo. Os fogonazos alumaron como lóstregos as figueiras e caíronme follas enriba.

Aínda ouvín as zoupadas dos rapaces caíndo dos árbores e como se botaban a alandillar abourados polos berros dun home.

Eu tamén botei a correr sin saber pra onde; e cando xa tiña collido un bo pulo, dei coa cachola nas pedras do valado i enchéronseme os ollos de faíscas como si tivese diante a roda dun afiador.

Afroxáronme un istante as pernas e somelloume que caía, pro seguín correndo. Brinquei por enriba do valado sin o tocar, pasei por entre as cepas sin lles mover unha folla, vin o paredón grande pasar por embaixo de min… Non sabía como era quen pra correr e brincar de tal xeito, sin xiquer sentir a cacholada. Nun intre de nada, xa me vin beira do río, frente ó cachón da aceia vella, cos berros do home moi perto, coasi enriba de min. Peguei un chimpo e aparecín na outra banda, sin tempo a pensar como pudo ser aquelo. Pro os homes (que xa eran moitos) tamén brincaron e seguía a ouvilos berrar, e viñan os cas ladrando e ouveando, moitismos, todos os cas da bisbarra e de máis aló… Seguín a traveso dos castiñeiros de Peliquín, avantei por enriba de Oira, ó lonxe víase Cudeiro, que non sei como o podía ver na noite pecha… Xa non se ouvían os homes nin os cas, que ben se estaba… Somelloume estar deitado. Caíame o suor polas fazulas e pingábame do narís; un suor quente e mesto que se metía nos beizos e seguía correndo…

Escomencei a sentir que falaban; non que berraban, que falaban en voce máis ben baixa, homes e tamén mulleres.

Abrín os ollos e fireume niles a luce do carburo. Unha vella de cabelo branco, fardada de negro, tíñame a cabeza na aba e pasábame un pano mollado pola fronte que me doía moito, Había outra vella e dous homes, un diles coa luce do carburo; o outro estaba a par do valado fumando, ó lombo a escopeta de dous cañós; enriba de nós, as figueiras.

A vella de cabelo branco, estaba a decir:
—Non pode ser, home, non pode ser… Iste non pode andar nistas cousas. Iste é o máis novo de dona Felicitas a do Cobas, neto do Cuanda, o procurador.
—Tan bos son uns como os outros —dixo o home da carabiña, pegándolle unha chupada ó pito.

Aquelo de que eu era o mesmo que os outros, foi o que máis me gostou.





luns, 23 de maio de 2016

CINCO POEMAS DE Celso Emilio Ferreiro



Deitado frente ao mar
Lingoa proletaria do meu pobo, 
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos
non falo pra os finchados,
non falo pra os estúpidos,
non falo pra os valeiros,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas, 
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.

E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño..
.


Nunha foxa común

Aldraxados por séculos
mallados e feridos,
asoballados sempre,
decote desvividos,
pergunto qué fixeron,
contesto que fuxiron
da terra malpocada,
sin pelexar, vencidos,
abandonado o campo
á furia do nemigo.
Soio unhos cantos bravos
a proba resistiron.
Garda, matria, un loureiro
prá frente distes fillos.

Inverno

Chove, chove na casa do pobre
e no meu corazón tamén chove.

Dor da mau encallecida,
dor da xente aterecida
de frío polos camiños.
Dor dos vellos e meniños.
Dor dos homes desherdados
e dos que están aldraxados.

Mágoa da ferida allea.
Dor dos que están na cadea,
dos que sofren a inxustiza
e viven baixo a cobiza.

Mágoa e loito
por tanto pranto que escoito.
No meu peito, sulagado,
soturno, fondo, calado,
un río de amor se move.

Chove, chove na casa do pobre
e no meu corazón tamén chove.

Consellos

Si foses a xantar con poderosos
coida ben a carón de quén te sentas.
Pexa a túa gula e couta os teus degaros,
ponlle portas á fame si a tiveras,
pois é pan mintireiro o pan dos ricos,
dóce por fóra, por dentro amarguexa.
Afoga a túa cobiza,
non desacougues por xuntar facenda.
¿Non coidas que a riqueza non é nada,
que o vento a trai e o vento axiña a leva?
Non comas pan dun home deshonroso,
nin da fartura dil teñas envexa.
Dirache, come e bebe, meu amigo,
disfroita dos meus teres canto queiras;
mais o seu pensamento non concorda,
de boca afora serán as súas verbas,
pois o seu corazón, cativo e duro,
ten de cotío pechas
as fenestras do amor e da xusticia.
Non o esquezas.


A leución

Adeprender a vida é tan difícil
ou máis que resolver un crucigrama.
Tan difícil ou máis que unha pregunta
que houbera que facer na madrugada
cando tódolos arbres choran noite
i os galos cantan.

Adeprender a vida é moi difícil
i ademáis cansa.

Cando tes a leución medio sabida
non che sirve pra nada.

As cousas son así: imos e vimos,
sin enterarnos nunca do que pasa.
Pra saber a leución dámoslle voltas,
cando acaso mellor era non darllas.

Unha mazá, un verme,
unha chuvia caíndo, terca e mansa,
un discurso do alcalde,
unha vinganza,
unha muller parindo, unha bomba de nápalm.

Dámoslle voltas
sin enterarnos nunca do que pasa.