Amosando publicacións coa etiqueta vangardas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta vangardas. Amosar todas as publicacións

venres, 26 de febreiro de 2016

Sobre a morte do Bieito (Rafael Dieste)






 Pouco a pouco os clásicos contemporáneoa van converténdose en pequenas xoias do audiovisual galego. Rafael Dieste no seu libro Dos arquivos do trasno, leva toda a imaxinaría popular ao seu terreo para compór relatos curtos de autor onde poder exercitar as técnicas vangardistas da nova maneira de narrar. Tradición e contemporaneidade van da man neste autor aberto a todos os ventos, como case todos oa artistas da súa xeración.





  Sobre da morte de Bieito

Foi preto do camposanto cando eu sentín boligar dentro da caixa ó pobre Bieito. (Dos catro levadores do cadaleito eu era un). ¿Sentino ou foi aprensión miña? Entonces non  podería aseguralo. ¡Foi un rebulir tan maino!… Como a teimosa puvulla que rila, rila  na noite, rila de entón no meu maxín afervoado aquel mainiño rebulir.
Pero é que eu, meus amigos, non tiña seguranza, e polo tanto —comprendede, escoitade— polo tanto non podía, non debía dicir nada.
Imaxinade nun intre que eu dixese:
O Bieito vai vivo.
Tódalas testas dos velliños que portaban cirios ergueríanse nun babeco aglaio. Tódolos pícaros que viñan extendendo a palma da man baixo o pingotear da cera, virían en remuíño arredor meu. Apiñocaríanse as mulleres a carón do cadaleito. Escorregaría por tódolos beizos un marmular sobrecolleito, insólito:
¡O Bieito vai vivo, o Bieito vai vivo!…
Calaría o lamento da nai e das irmás, e axiña tamén, descompasándose, a gravedosa marcha que planxía nos bronces da charanga. E eu sería o gran revelador, o salvador, eixo de tódolos asombros e de tódalas gratitudes. E o sol na miña face cobraría unha importancia imprevista.
¡Ah! ¿E se entonces, ó ser aberto o cadaleito, a miña sospeita resultaba falsa? Todo aquel magno asombro viraríase inconmensurable e macabro ridículo. Toda a arelante gratitude da nai e das irmás, tornaríase despeito. O martelo espetando de novo a caixa tería un son sinistro e único na tarde estantía. ¿Comprendedes? Por iso non dixen nada.
Houbo un intre en que pola face dun dos compañeiros de fúnebre carga pasou a insinuación leviá dun sobresalto, coma se el estivese a sentir tamén o velaíño boligar. Mais non foi máis que un lampo. De seguida ficou sereno. E non dixen nada.
Houbo un intre en que case me decidín. Dirixinme ó da miña banda e, acobexando a pregunta nunha surrisa de retrouso, deslicei:
— ¿E se o Bieito fose vivo?
01_sobre_morte_bieito
O outro riu picaramente coma quen di: «Qué ocorrencias temos», e eu amplifiquei adrede a miña falsa surrisa de retrouso.
Tamén me vin a rentes de dicilo no camposanto, cando xa pousarámo-la caixa e o crego requeneaba.
«Cando o crego remate», pensei. Mais o crego acabou e a caixa deceu á cova sen que eu puidese dicir nada.
Cando o primeiro cadullo de terra, bicado por un neno, petou dentro da cova nas táboas do ataúde, rubíronme ata a gorxa as verbas salvadoras… Estiveron a punto de xurdiren. Mais entonces acudiu novamente ó meu maxín a case seguranza do arrepiante ridículo, da rabia da familia defraudada, se o Bieito se topaba morto e ben morto. Ademais o dicilo tan tarde acrecía o absurdo desorbitadamente. ¿Como xustificar non o ter dito antes? ¡Xa sei, xa sei, sempre se pode un explicar! ¡Si, si, si, todo o que queirades! Pois ben… ¿e se tivese morto despois, despois de o sentir eu remexerse, como quizais puidese adiviñarse por algún sinal? ¡Un crime, si, un crime o me ter calado! Oíde xa o rebumbio da xente…
— ¡Pediu auxilio e non llo deron, malpocado!…
— El sentía chorar, quíxose erguer, non puido…
— Morreu de espanto, saltoulle o corazón ó se sentir decer na cova…
— ¡Velaí o tendes, coa cara torta do esforzo!
— ¡E ese que o sabía, tan campante, aí a surrir coma un pallaso!
— ¿É parvo ou que?
Todo o día, meus amigos, andei tolo de remorsos. Vía ó pobre Bieito grafiñando as táboas nese espanto absoluto, máis alá de todo consolo e de toda conformidade, dos enterrados en vida. Chegoume a parecer que todos lían nos meus ollos adormiñados e longanos a obsesión do delito.
E alá pola alta noite —non o puiden evitar— funme camiño do camposanto, coa solapa subida, ó arrimo dos muros.
Cheguei. O cerco por unha banda era baixiño: unhas pedras mal postas, apreixadas por edras e silveiras. Paseino e fun dereito ó sitio… Deiteime no chan, apliquei a orella, e axiña o que oín xioume o sangue. No seo da terra unhas unllas desesperadas rabuñaban nas táboas. ¿Rabuñaban? Non sei, non sei. Alí preto había un sacho… Ía xa cara a el cando fiquei suspenso. Polo camiño que pasa a rentes do camposanto sentíanse pasadas e rumor de fala. Viña xente. Entonces si que sería absurda, tola, a miña presencia alí, daquelas horas e cun sacho na man.
¿Ía dicir que o deixara enterrar sabendo que estaba vivo?
E fuxín coa solapa subida, pegándome ós muros. A lúa era chea e os cans latricaban lonxe.
 
RAFAEL DIESTE: Dos arquivos do trasno, A 1º edición  de 1926 contiña só 8 relatos, a segunda, de 1961, xa contén os vinte relatos que hoxe coñecemos.


mércores, 24 de febreiro de 2016

MANOEL ANTONIO: Con anacos do meu interior (comentario)


CON ANACOS DO MEU INTERIOR

Con anacos do meu interior
fago xogos de mans
Sollar do sol encol
dos agros e o silenzo que alborexa
Con ancos de min
Xogador.
Un subtil son de lonxe
fío claro
A tristura dos eixos abate nos pinos
Na corredoira da fonte van pasos
Un paxaro que pasa cortando a fiestra
Con anacos de min
Non reparo.
Con anacos do meu interior
malabarescamente
enrabesadamente
auto-rompecabezador

Manoel Antonio: Con anacos do meu interior, publicado postumamente.

Resultado de imaxes para colaxes fotograficas


COMENTARIO

Neste poema publicado póstumamente polo vangardista Manoel Antonio o autor fala nun eu lírico que carece de receptor, facéndoo semellar un monólogo, pois o poeta parece falar consigo mesmo.


O poema comeza: "con anacos do meu interior", este primeiro verso anticípanos o tema que o autor vai tratar: o seu mundo interior. Para isto, Manoel Antonio non se apoia en elementos internos do seu ser, se non que nos oferta unha serie de imaxes e sóns do mundo exterior para deixar claro, que o que el é, o conforma en gran parte, o mundo no que vive, como tamén el é quen en gran parte modela o mundo exterior.

Así o autor dinos: "Sollar do sol encol, dos agros e o silenzo que alborexa" (referíndose o sol que quenta os campos recén saído) e segue percorrendo pedazos da súa vida con versos coma: "Un subtil son de lonxe" "fío claro" "A tristura dos eixos abate nos pinos" (Estes versos lembran o són do típico carro labrego que caracteria tanto o agro galego) "Na corredoira da fonte van pasos" (Aquí observamos, ou mais ben, escoitamos, a típica escena da xente dirixíndose cara a fonte tan necesaria para vivir nesa época) "Un paxaro que pasa cortando a fiestra" (Aquí faise unha referencia a un paxaro que pasa voando pero o que se nos oferta é unha impresión visual insólita e xoga coa imaxe do paxaro dicindo que está a cortar a fiestra cando en realidade non é así)

O autor, finalmente remata o poema describindo o modo en que ve a vida e plásmaa nas súas obras, para esto utiliza tres palabras (malabarescamente, enrabesadamente e auto-rompecabezador) das cales só unha é aceptada polo dicionario (enrabesadamente), sendo as dúas restantes colleita propia do autor. Neste poema podemos ver dúas grandes características da lírica vangardista, xa que  está carente de rima tradicional e en canto á métrica este é polisimétrico. Ou sexa, verso libre. Manoel Antonio recorre ós paralelismos e as anáforas (Versos 1 e 14 e 5 e 12) e utiliza sinestesias dotando de sensacións a cousas que realmente non as teñen.
Comentario aportado por......................LÚAR

Comentario realizado en abril do 2011 para tirarrollas  

 

luns, 9 de febreiro de 2015

VOCABULARIO DE De catro a catro



VOCABULARIO DE  De catro a catro

Aquí vai o vocabulario extraído do poemario de Manoel Antonio. Estes son os significados literais que podedes atopar en calquera dicionario da lingua un pouco groso. Agora hai que ver cales son os significados literarios que se activan no contexto en que aparecen.




A
A bandazos. A golpes de mar.
Aboiar. Ficar suspenso na auga ou no ar.
Abolir. Facer desaparecer.
Abuado. Silencioso, mudo
Acenar. Facer acenos ou xestos. Comunicarse xestualmente.
Acobadarse. Apoiar os cóbados.
Ademán. Xesto ou aceno.
Aferrar. Trincar, coller con forza.
Alén. Máis alá
Almanaque: Calendario
Alta-mar.  Mar de fóra, o océano.
Aludir. Facer alusión ou referirse a algo ou alguén.
Amortallar. Vestir o defunto para o enterro.
Amplexadora. Ampliadora, amplificadora.
Antípodas. O punto xeográfico máis distante do que se está.
Anverso. A cara do dereito do que ten dúas caras.
Aramio. Arame, fío metálico.
Arredar. Separar, afastar.
Arroaz. Mamífero mariño máis pequeno que o golfiño.
Arrumbar. Estibar, arrombar. Procurar un sitio para cada cousa.
Ás . Apéndices voadores das aves.
Augardentosa. Que presenta características da augardente.
Azos. Ánimos, folgos.

B
Babion. Babeca, baboso.
Badía. Baía, ría, brazo de mar que entra terra adentro.
Bágoa. Lágrima.
Baldeira. Sen nada dentro.
Balizada. Sistema de balizas ou boias.
Barlovento. Lado de onde vén o vento.
Beizos. Labios.
Bergantín. Barco de dous mastros e vela cadrada ou redonda.
Bicada. A parte máis alta, onde está o bico ou cume.
Bric-barcas. Xogo de palabras baseado na semellanza fonética entre elas.
Buguina. Corna de gran tamaño. Calquera aparello que amplifica o son.

C
Cabo de. Ao lado de, a carón de, á beira de, onda.
Cabotaxe. Navegación mercantil que une o tráfico de diferentes portos da costa.
Cachear. Rebuscar.
Cadaleito. Ataúde, féretro, caixa de morto.
Calabrote. Cabo groso de nove cordóns trenzados de tres en tres.
Calima. Neboeiro, brétema, mera.
Carrusel. Aparello mecánico que vira e vira.
Cartafol. Carpeta.
Castelo de proa. O lugar do barco onde se pode divisar o horizonte sen obstáculos, en dirección ao rumbo do barco.
Catalogada. Incluída nun catálogo.
Ceifar. Segar.
Chicote. Extremo dun cabo.
Chopar. Tirarse á auga.
Chuvasco. Chuvieira, ballón. Chuvia súbita.
Circunmeridiano. Círculos imaxinarios que pasan polos pólos.
Clandestinamente. Ilegalmente.
Cocktail. Mestura que se consegue batendo moi forte.
Colo. En xeral, pescozo. Levar no colo é entre os brazos.
Cronometrar. Contar o tempo con precisión.

D
Dársena: Parte máis abrigada do porto.
De vagar: A modo, lentamente.
Decote: Habitualmente, frecuentemente, a diario.
Defraudar: Truncar expectativas, desilusionar.
Degolado: Cortar pola iugular.
Derradeiro: O último de todo.
Desamarrar: Desatracar, quitar as amarras.
Desarborar: Deixar o barco sen mastros nin paus que termen das velas.
Desbicado: Encetado, empezado.
Desertar: Eludir as responsabilidades dunha disciplina.
Desfollar: Quitar as follas.
Desourentarse: Desorientarse, perder o norte.
Despectiva: Con despeito, con rexeitamento.
Despreguizar: Quitar a preguiza do corpo cando un leva moito tempo sen movelo.
Devalar: Baixar a marea
Diagrama: Figura gráfica que serve para resolver un problema, representar unha lei, a evolución ou variación dun fenómeno etc.
Disperso: Que se dispersa, que se separa o que estaba unido.
Doa: Cada unha das contas dun colar

E
Efémera: De pouca duración.
Efusivo: Que amosa efusión, emotividade.
Emproar : Coller rumbo, dirixir a proa do barco cara un punto.
Encrucillada: Encontro ou confluencia de camiños.
Endexamais: Nunca.
Engrenaxe: Conxunto de pezas dentadas dunha maquinaria que se axustan para crear movemento.
Enmallar: Apresar nunha rede ou malla
Enrolar: Envolver en forma de rolo. Entrar a formar parte da tripulación dun barco.
Ensumirse: Vir a menos, minguar. Abstraerse.
Envergada: Atada ás vergas como as velas.
Enxugar: Tirar a auga, secar.
Erecto: Teso. Dereito, vertical.
Esbardar: Falar cousas sen sentido, esbardallar.
Escamotear: Facer desaparecer algo enxeñosamente.
Escoar: Esvarar, deslizarse, escorrer.
Escota: Cabo unido á parte inferior das velas dun navío que serve para tensalas e orientalas con relación ao vento.
Escovar: Varrer, vasoirar.
Esculcar : Observar, enxergar, divisar.
Escuma: Burbullas que se forman na crista das ondas.
Escumallo: Restos de escuma.
Esmoer: Moer a modo, dixerir.
Espallar: Esparexer, ciscar, dispersar.
Esperanto: Idioma para uso planetario creado a partir de estruturas de diferentes linguas.
Esquecedizo: Con tendencia acusada a esquecer.
Esquecer: Non gardar memoria de algo.
Esquezo: Esquecemento, olvido.
Esquivar: Evitar algo ou alguén.
Estantía: Pensativa, taciturna.
Esvarar: Perder pé, escorregar, escorrer.
Evadirse: Fuxir.
Exhausto: Esgotado
Exhibir: Mostrar con orgullo.



F
Facerse á vela: Zarpar, desatracar.
Farrapos: Teas rotas.
Fasquía: Aspecto
Fenestra: Fiestra, ventá, xanela
Finar: Rematar, morrer.
Follear: Ollar as follas dun libro.
Foula: Auga pulverizada que sae do mar ao bater as ondas contra o barco ou as rochas. Po de fariña. Caspa.
Fría de vento: Unha racha de vento frío
Friorento: Cheo de frío
Frouxa: Folgada, solta.

G
Gaiola: Caixa con reixas para encerrar seres vivos.
Gavieiro: Mariñeiro encargado de divisar todo dende a gavia. A gavia é a vela máis alta do mastro.
Goleta: Embarcación lixeira a velas.

H
Halar: Tirar por un cabo ou corda.
Hostilidade: Animadversión, animosidade, xenreira.

I
Improvisar: Facer sen planificación previa.
Impune: Que goza de impunidade, sen consecuencias legais.
Incauto: Inxenuo, confiado.
Incógnito: Literalmente, de nome ou identidade descoñecido.
Indeleble: Que non acusa as desfeitas do paso do tempo.
Inédita: Descoñecidas, nunca editadas ou expostas ao público.
Infecundo: Que non ten continuidade nin capacidade para xerar algo novo.
Inmorredoiro: Inmortal, imperecedeiro.
Innumerado: Que carece de numeración.
Intacto: Indeleble, sen danos.
Intertroque: Intercambio.
Intre: Momento.
Intrusa: Entrometida
Inxenua: Incauta, pouco malévola.
Irredento: Que non se pode redimir, irrecuperable.

L
Largacía: Extensión.
Largacíos: Extensos.
Lecer: Ocio, tempo libre.
Leitmotiv: Tema recorrente.
Leme: Temón, instrumento que goberna a dirección do barco.
Leviá. Lixeira, que pesa pouco.
Loira: De cor clara, rubia, branca.
Luceiro: Corpo celeste que brilla no ceo nocturno.

M
Madrigal: Composición poética breve de carácter amoroso e idílico, formada por versos heptasílabos e hendecasílabos.
Malévolo: Con propensión á maldade.
Mareta: Abaneo continuo a que somete o mar o barco.
Marusía: Mar bravo, que pode facer perigar a estabilidade da embarcación.
Mastro: Pau maior do barco.Soporte vertical que sustenta calquera cousa.
Mecanógrafo: Que escribe a máquina.
Meridiano: Liñas circulares imaxinarias que atravesan os pólos.
Morna: Tépeda, nin quente nin fría.
Morse: Sistema telegráfico que utiliza un código no que a cada letra ou número lle corresponde unha combinación de puntos e liñas.
Murchar: Perder pouco a pouco a vida.

N
Neboeiro: Mera, calima, nube de néboa baixa e compacta.
Ningures: Ningún lado.
Noctámbula: Que fai vida pola noite.
Novelo: Bóla de lá.

O
Obseso: Teimudo nalgunha idea.
Ondaxe: Conxunto de ondas.
Orión: o cazador, é unha constelación prominente, quizais a máis coñecida do ceo. As súas estrelas brillantes e visibles dende ambos hemisferios en inverno fan que esta constelación sexa recoñecida universalmente.
Ortodrómica: A liña máis curta entre dous puntos da superficie terrestre.

P
Pailebote: Embarcación a vela, semellante á goleta.
Paquebote: Trasatlántico para o transporte de pasaxeiros e correo.
Parola: Palabra.
Peirao: Lugar onde atracan os barcos nun porto.
Pendurar: Suspender no ar cun cordel.
Penol: Extremo posterior da verga da vela dunha embarcación.
Percorrer: Facer un percorrido.
Permutar: Trocar, intercambiar.
Perversión: Degradación dunha actividade.
Pesadelo: Mal soño.
Peteirar: Bater as aves co peteiro.
Peteiro: Por onde comen as aves.
Políglota: Que sabe expresarse e entenderse en moitos idiomas.
Ponlas: Pólas, ramas.
Popa: Parte traseira do barco.
Póstumo: Dise do que a un lle sucede cando xa está morto.
Poutas: Gadoupas, poutadas. Extremos das patas dos felinos.
Prestidixitación: Ilusionismo, maxia baseada en efectos ópticos.
Proa: Parte dianteira do barco
Pulo: Arroutada, impulso, actuación súbita.

QU
Quitasol: Obxecto que se abre a modo de paraugas para guarecerse do sol.



R
Rachar: Esgazar unha tea.
Radiograma: Comunicado por radiotelefonía.
Ráfega: Racha de vento
Randeeira: Bambán, carriola. Táboa suspendida sobre dúas cordas para bambearse.
Raudo: Rápido, veloz.
Reeditar: Volver editar.
Reiterada: Repetida.
Relinga: Tralla ou corda grosa que vai a barlovento na vela para reforzala.
Remorso: Remordemento. Cargo de conciencia.
Repouso: Pouso, restos sólidos que quedan dun líquido unha vez que se bebeu.
Retraio: Restos.
Reverso: Polo lado do revés.
Roita: Ruta, camiño.
Ronsel: Rastro que deixa na auga o barco pola popa.
Rosa dos Ventos: Roseta, compás, agulla de marear.  Aparello consistente nunha superficie circular onde están representados os puntos cardinais, cunha agulla imantada que indica a dirección norte.
Roteiro:  Guía de ruta.

S
Saudade: Nostalxia, morriña, falta de algo.
Seixo: Croio, coio, pelouro, pedra de cuarzo.
Serán: Última hora da tarde.
Sextante: Instrumento óptico utilizado para medir a altura dos astros co fin de determinar a posición xeográfica dun barco ou dun avión.
Singlador: Singrador, que realiza unha singradura.
Singladura: Singradura:  Distancia que percorre o barco en 24 horas. Viaxe por mar. Rumbo, traxectoria.
Sino de proa: Sino = Campá.
Sofisma: Razoamento falso, aínda que con aparencia de verdadeiro.
Solpor: Atardecer, crepúsculo, entre lusco e fusco.
Sonámbulo : Que anda durmido.
Sonear: Botar unha soneca.
SOS: Sinal de socorro.
Sotavento: Lado da embarcación oposto a aquel do que sopra o vento.
Stock: Acumulación, reserva.

T
Tatexar: Falar entrecortadamente repetindo sílabas.
Tecolear: Teclear, premer cos papos dos dedos as teclas.
Teima: Obsesión, tema recorrente.
Tentar : Tratar de. Palpar.
Timoel : Quen leva o temón ou leme.O que goberna.
Transeúnte: Viandante, xente que pasa.
Transmigración: En xeral, cambiar de lugar. Traslado masivo dun pobo. Trasladarse a alma dun morto a alguén vivo.
Trasbordar: Facer transbordo, mudar de nave.
Trasmán: A trasmán, fóra do  percorrido.
Traspor: Mudar de lugar.
Tremelar: Tremer, ter tremores.
Trincar: Aferrar, coller con forza, capturar.
Trincar

U
Ubicua: Que posúe a habilidade de estar en todos lados.
Unánimes: Que opinan o mesmo, sen disidencias.
Urro: Berro longo.

V
Vagas: Pouco definidas. Como galicismo ten o mesmo significado que ondas
Velame: Conxunto de velas
Ventrílocua: Que parece que fala co estómago, sen mover os beizos.
Versificar: Facer versos regrados.
Vieiro: Camiño, sendeiro, congostra, corredoira.
Violedas: Violetas. Pequenas flores silvestres de cor morada.
Virar: Dar media volta. Dar voltas.
Viúva: Muller á que lle morreu o home.
Vogar: Mover unha embarcación a forza de remos.

X
Xerfa: Escuma do mar
Xiróvaga: Vagabunda, nómada
Xordina: Sordina. Dispositivo que amortigua ou anula a sonoridade de algo.

Z
Zarpar: Deixar porto, desamarrar, iniciar o barco unha viaxe.