Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Casares. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Casares. Amosar todas as publicacións

luns, 17 de xuño de 2013

CARLOS CASARES: "A rapaza do circo"



A rapaza do circo

El coñeceuna de casualidade. Unha tarde, a eso das seis, estaba sentado nun banco do xardín e advertiu que se lle achegaba unha rapaciña loura, de melenas longas, vestida cun pantalón short. Con acento francés preguntoulle ónde podería atopar un médico. Acompañouna. Polo camiño ela díxolle que era trapecista do circo e que seu pai -un antigo xendarme-, atopábase malo (pouca cousa: talvez unha mala dixestión), e que pedira que lle levaran un médico. El a penas falou. Ó chegar á clínica indicoulle: «Aquí». Ela deulle as gracias e invitouno a pasar pola taquilla, onde lle facilitaría un par de entradas prá función das oito.
Foi. Antes de subir ó trapecio, a rapaza, vestida de pescadora, cantou. Na metade da canción dirixiuse cara á butaca que ocupaba el e botoulle o sedal da cana, mentres lle dicía entre as risas de todos: «Pica, pica, pececito».
Volvéronse atopar ó día seguinte.Despois víronse tódolos días. Pasaban as tardes no río. Deitábanse na area. Enterrábanse. Nadaban. Ela faláballe de Marsella, da súa infancia. El pechaba os ollos e imaxinaba aquela rúa fronte ó porto, os barcos que Anne despedía cun pano branco dende a bufarda, a tía Françoise, Jules...
¿Como sería aquel Jules que lle dera o primeiro bico no portal?
-Era louro, coma min. E moi pencoso.
-¿Lémbraste del?
El tiña un sombreiro de palla sobre dos ollos pra tornar o sol. Volveulle preguntar:
-¿Lémbraste del?
Sentiu os labios dela que se po usaban nos seus. Foi coma un trallazo. Unha ledicia branca nacíalle dentro do corazón.
Despois bicáronse. Bicáronse moitas veces. E ela apoiou a súa cabeza no peito del.
Pronto correu a noticia de que se vían no río. Na casa rifáronlle. «¡O que me faltaba -dixera seu pai- un fillo titiriteiro».
Pero seguíanse vendo ás escondidas.
Hoxe os compañeiros de quinto desafiárono.
-A que non es home de subila pra aquí...
Non o dubidou. Asomouse á ventá e chamouna:
-¡Anne...!
Subiu. Recibiuna no hall e metéronse no laboratorio. Pecharon a porta por dentro e taponaron o buraco da pechadura cun cacho de papel. Os de quinto armaban barullo fóra. El ensinoulle as bolboretas, as pedras, os lagartos e as cobras metidos en formo!... Pediulle un alfinete e picouse nun dedo. Amosoulle o sangue a través do microscopio.
-¿Sabes unha cousa? -dixo da.
-¿Que?
-Que nos imos mañá.
Colleuná pola cintura e bicouna.E naquel intre chegou o director. 
Cando saia será xa de noite e terase que ir prá casa sen vela, sen lle explicar, sen lle dicir o que ocorreu. E despois de cear dirá: «Quero ir ó circo». E o seu pai responderá: «Non». Entón irase á cama. E pensará: «Os vellos non saben». E os vellos (non tan vellos), na súa habitación nin sequera se lembrarán del e da francesiña Anne. E el ha tardar en durmir, pero durmirá. ¿Durmirá?.
Mañá ó se erguer, sentirase triste. Máis triste que ninguén. ¿E que será de Anne? Non a volverá ver. ¿Nunca máis? Nunca. Ergueuse moi cedo. Marchou correndo ó campo da feira. No sitio do circo só quedaba un redondel.

in Vento ferido, 1967



Mina de ouro a céo aberto, resultado final




domingo, 9 de xuño de 2013

CARLOS CASARES: "O xogo da guerra"





O XOGO DA GUERRA por anxo_xinzo


Lemos en 4º varios relatos que incorporan á literatura galega as técnicas do que se deu en chamar a Nova Narrativa, etiqueta tirada da expresión francesa Nouveau Roman. Do precursor, Rafael Dieste, paramos no "Neno suicida". De Ferrín lemos o relato labiríntico "Medias azuis". E de Carlos Casares centramos a nosa atención no relato "O xogo da guerra", incluído na colección Vento ferido. 

O que máis nos chamou a atención deste monólogo en 1ª persoa  foi o tratamento do tempo, pois aparece o pasado (para reconstruír a historia),  o presente (hostil) e o futuro (vinganza con asasinato), e tamén a crueldade con que ás veces xogan os rapaces a ser adultos ( teñen abondo en que inspirarse).

Buscando na rede o texto para incluír no blog dei con esta adaptación audiovisual, realizada por alumnos do instituto de Xinzo. E xa non é a primeira vez que topamos pequenas pezas da literatura contemporánea galega adaptadas ao cinema por alumnado de secundaria, sorpréndenos o ben que o fan e como resolven o desafío técnico que iso supón. Parabéns ao equipo que realizou este traballo.

O vídeo creo que dá para moitos comentarios. Pero é mellor que os fagades vós, que este curso o blog parece que se transformou nunha especie de monólogo sincopado en fa menor.

Saúdos e a disfrutalo!