Amosando publicacións coa etiqueta cinema galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cinema galego. Amosar todas as publicacións

domingo, 11 de febreiro de 2018

Cousas da periferia


Periféricos, el documental.[2006][VHSrip][Español] from Il Canalla Rubens on Vimeo.


Neste documental aparecen algúns dos protagonistas da movida viguesa dos oitenta tal e como son na actualidade, trinta anos máis tarde. Botan con humor unha ollada retrospectiva  sobre a cidade nos inicios da democracia, moi pouco que ver co Vigo tecno dos centros comerciais de hoxendía.



Imaxe extraída dun dos nímeros da revista Tintimán, buque insignia do grafismo dos oitenta.


luns, 13 de xuño de 2016

Un Tesouro baseado no texto de ANXEL FOLE

http://www.crtvg.es/cultural/especiais/o-tesouro

Ficha técnica:
  • Dirección e realización: Xaime Fandiño
  • Director artístico: Suso Montero
  • Produción: Hilario Pino
  • Intérpretes: Maxo Barjas, Evaristo Calvo, César Cambeiro, Xan Cejudo, Manuel Manquiña, Marcos Orsi, Pepe Penabade, Luís Tosar e Luís Zahera
  • Sinopse: O mundo do fantástico e do descoñecido da man de Ánxel Fole. Adaptación televisiva do conto de Anxel Fole, en formato 16:9 e gravado en vídeo dixital. O Castelo de Soutomaior, en Pontevedra, o pazo e a igrexa de San Lourenzo e o Hostal dos Reis Católicos, en Santiago foron as localizacións elixidas para a gravación.


Resultado de imaxes para anxel fole O tesouro


venres, 26 de febreiro de 2016

Sobre a morte do Bieito (Rafael Dieste)






 Pouco a pouco os clásicos contemporáneoa van converténdose en pequenas xoias do audiovisual galego. Rafael Dieste no seu libro Dos arquivos do trasno, leva toda a imaxinaría popular ao seu terreo para compór relatos curtos de autor onde poder exercitar as técnicas vangardistas da nova maneira de narrar. Tradición e contemporaneidade van da man neste autor aberto a todos os ventos, como case todos oa artistas da súa xeración.





  Sobre da morte de Bieito

Foi preto do camposanto cando eu sentín boligar dentro da caixa ó pobre Bieito. (Dos catro levadores do cadaleito eu era un). ¿Sentino ou foi aprensión miña? Entonces non  podería aseguralo. ¡Foi un rebulir tan maino!… Como a teimosa puvulla que rila, rila  na noite, rila de entón no meu maxín afervoado aquel mainiño rebulir.
Pero é que eu, meus amigos, non tiña seguranza, e polo tanto —comprendede, escoitade— polo tanto non podía, non debía dicir nada.
Imaxinade nun intre que eu dixese:
O Bieito vai vivo.
Tódalas testas dos velliños que portaban cirios ergueríanse nun babeco aglaio. Tódolos pícaros que viñan extendendo a palma da man baixo o pingotear da cera, virían en remuíño arredor meu. Apiñocaríanse as mulleres a carón do cadaleito. Escorregaría por tódolos beizos un marmular sobrecolleito, insólito:
¡O Bieito vai vivo, o Bieito vai vivo!…
Calaría o lamento da nai e das irmás, e axiña tamén, descompasándose, a gravedosa marcha que planxía nos bronces da charanga. E eu sería o gran revelador, o salvador, eixo de tódolos asombros e de tódalas gratitudes. E o sol na miña face cobraría unha importancia imprevista.
¡Ah! ¿E se entonces, ó ser aberto o cadaleito, a miña sospeita resultaba falsa? Todo aquel magno asombro viraríase inconmensurable e macabro ridículo. Toda a arelante gratitude da nai e das irmás, tornaríase despeito. O martelo espetando de novo a caixa tería un son sinistro e único na tarde estantía. ¿Comprendedes? Por iso non dixen nada.
Houbo un intre en que pola face dun dos compañeiros de fúnebre carga pasou a insinuación leviá dun sobresalto, coma se el estivese a sentir tamén o velaíño boligar. Mais non foi máis que un lampo. De seguida ficou sereno. E non dixen nada.
Houbo un intre en que case me decidín. Dirixinme ó da miña banda e, acobexando a pregunta nunha surrisa de retrouso, deslicei:
— ¿E se o Bieito fose vivo?
01_sobre_morte_bieito
O outro riu picaramente coma quen di: «Qué ocorrencias temos», e eu amplifiquei adrede a miña falsa surrisa de retrouso.
Tamén me vin a rentes de dicilo no camposanto, cando xa pousarámo-la caixa e o crego requeneaba.
«Cando o crego remate», pensei. Mais o crego acabou e a caixa deceu á cova sen que eu puidese dicir nada.
Cando o primeiro cadullo de terra, bicado por un neno, petou dentro da cova nas táboas do ataúde, rubíronme ata a gorxa as verbas salvadoras… Estiveron a punto de xurdiren. Mais entonces acudiu novamente ó meu maxín a case seguranza do arrepiante ridículo, da rabia da familia defraudada, se o Bieito se topaba morto e ben morto. Ademais o dicilo tan tarde acrecía o absurdo desorbitadamente. ¿Como xustificar non o ter dito antes? ¡Xa sei, xa sei, sempre se pode un explicar! ¡Si, si, si, todo o que queirades! Pois ben… ¿e se tivese morto despois, despois de o sentir eu remexerse, como quizais puidese adiviñarse por algún sinal? ¡Un crime, si, un crime o me ter calado! Oíde xa o rebumbio da xente…
— ¡Pediu auxilio e non llo deron, malpocado!…
— El sentía chorar, quíxose erguer, non puido…
— Morreu de espanto, saltoulle o corazón ó se sentir decer na cova…
— ¡Velaí o tendes, coa cara torta do esforzo!
— ¡E ese que o sabía, tan campante, aí a surrir coma un pallaso!
— ¿É parvo ou que?
Todo o día, meus amigos, andei tolo de remorsos. Vía ó pobre Bieito grafiñando as táboas nese espanto absoluto, máis alá de todo consolo e de toda conformidade, dos enterrados en vida. Chegoume a parecer que todos lían nos meus ollos adormiñados e longanos a obsesión do delito.
E alá pola alta noite —non o puiden evitar— funme camiño do camposanto, coa solapa subida, ó arrimo dos muros.
Cheguei. O cerco por unha banda era baixiño: unhas pedras mal postas, apreixadas por edras e silveiras. Paseino e fun dereito ó sitio… Deiteime no chan, apliquei a orella, e axiña o que oín xioume o sangue. No seo da terra unhas unllas desesperadas rabuñaban nas táboas. ¿Rabuñaban? Non sei, non sei. Alí preto había un sacho… Ía xa cara a el cando fiquei suspenso. Polo camiño que pasa a rentes do camposanto sentíanse pasadas e rumor de fala. Viña xente. Entonces si que sería absurda, tola, a miña presencia alí, daquelas horas e cun sacho na man.
¿Ía dicir que o deixara enterrar sabendo que estaba vivo?
E fuxín coa solapa subida, pegándome ós muros. A lúa era chea e os cans latricaban lonxe.
 
RAFAEL DIESTE: Dos arquivos do trasno, A 1º edición  de 1926 contiña só 8 relatos, a segunda, de 1961, xa contén os vinte relatos que hoxe coñecemos.


xoves, 20 de novembro de 2014

Conexión Vía Láctea









                     








                                    



Onte, 19 de novembro, os alumnos de cuarto da ESO participaron na videoconferencia realizada para toda a galaxia galáctica sobre a novela A esmorga de Blanco Amor . Falouse do gran reto de levala ás pantallas respectando o idioma, a sensibilidade e o ambiente galaico da novela . Os nosos alumnos tiveron oportunidade de falar en directo co director da película, Ignacio Vilar, e cos actores Miguel de Lira, Morris e Karra Elejalde. Este último respostou con moito pormenor á pregunta de como conseguiron rodar a escena do pazo ardendo sen que ardese ningún edificio emblemático do noso patrimonio histórico. Tamén lle preguntamos a Miguel de Lira sobre a complexidade de asumir con naturalidade o galego do interior que aparece recollido na novela; Miguel fixo unha brincadeira contestándonos en uruguaio e salientou, xa en galego, a complexidade idiomática da literatura de Blanco amor, que foi un dos primeiros escritores contemporáneos en utilizar un idioma pangalaico que tiña trazos de moitas variantes dialectais. Preguntamos sobre os orzamentos para a realización da película e moitas cousas máis.
Queremos agradecer a Vía Láctea Filmes a invitación a participar neste evento. Tamén a todo o alumnado que se presentou voluntario para realizar as preguntas e conversar co director e os actores. Ao profesor de TIC, Osvaldo, por axudarnos a establecer a conexión e a todos os que puxeron ao noso dispór todos os medios para levar adiante esta iniciativa: Departamento de dinamización do galego, equipo directivo, etc.

Por último, lembrar que mañá é a estrea da película en todas as salas comerciais das cidades galegas; por primeira vez na historia do cinema galego un produto audiovisual noso ten a consideración e proxección mediática que merece. Parabéns a todos os que o facedes posible!








Enlace permanente de imagen incrustada





domingo, 9 de xuño de 2013

CARLOS CASARES: "O xogo da guerra"





O XOGO DA GUERRA por anxo_xinzo


Lemos en 4º varios relatos que incorporan á literatura galega as técnicas do que se deu en chamar a Nova Narrativa, etiqueta tirada da expresión francesa Nouveau Roman. Do precursor, Rafael Dieste, paramos no "Neno suicida". De Ferrín lemos o relato labiríntico "Medias azuis". E de Carlos Casares centramos a nosa atención no relato "O xogo da guerra", incluído na colección Vento ferido. 

O que máis nos chamou a atención deste monólogo en 1ª persoa  foi o tratamento do tempo, pois aparece o pasado (para reconstruír a historia),  o presente (hostil) e o futuro (vinganza con asasinato), e tamén a crueldade con que ás veces xogan os rapaces a ser adultos ( teñen abondo en que inspirarse).

Buscando na rede o texto para incluír no blog dei con esta adaptación audiovisual, realizada por alumnos do instituto de Xinzo. E xa non é a primeira vez que topamos pequenas pezas da literatura contemporánea galega adaptadas ao cinema por alumnado de secundaria, sorpréndenos o ben que o fan e como resolven o desafío técnico que iso supón. Parabéns ao equipo que realizou este traballo.

O vídeo creo que dá para moitos comentarios. Pero é mellor que os fagades vós, que este curso o blog parece que se transformou nunha especie de monólogo sincopado en fa menor.

Saúdos e a disfrutalo!




luns, 29 de abril de 2013

O incerto señor Cunqueiro







Dende o seu primeiro poemario Mar ao norde (1932) ata a súa morte no 1981, o documental de Reixa fai un percorrido pola traxectoria literaria e vital de Cunqueiro a través das voces de varias xeracións. A Cunqueiro cómpre lelo con calma. Se a lectura dos seus textos nos deixa canto menos sorprendidos, non é menos grato escoitar da súa propia voz o que pensaba sobre a súa escritura e sobre o difícil tempo que lle tocou vivir. Aínda está por realizarse un traballo que relacione adecuadamente a escrita de Cunqueiro coas vangardas, co realismo máxico e coa antropoloxía de Galicia. Sexa como for, estamos diante dun habitante da linguaxe que sempre se moveu nas cartografías da imaxinación. Longa vida ao creador do Simbad galego , do Merlín de andar pola casa e do gatipedro.

Ligazón a unha pequena antoloxía poética de Cunqueiro






venres, 13 de abril de 2012

facendo os soños realidade






Hoxe tivemos o inmenso pracer de facer unha multisesión adicada ao audiovisual galego no Uruguai. Improvisamos un patio de butacas na biblioteca e alá fomos cos de 1º e 3º  falar e ver en pantalla grande como pouco a pouco vai callando un audiovisual galaico no que, sen dúbida, todos temos un pequeno gran de area que aportar. 

Os nosos invitados foron nada máis e nada menos que o director e os actores e actriz principal do último traballo cinematográfico estreado na nosa terra: Vilamor. Neste filme recréase a apaixoante historia duns mozos e mozas que decidiron alá polo principio dos oitenta montar unha comuna nunha aldea abandonada do Caurel. O filme estreouse con éxito onte en Vigo e xa se pode ver en tres salas da cidade. Hai que ir alá. Estreas en galego son unha auténtica rareza que non imos desaproveitar. Ademais,  quedamos todos invitados a participar nun concurso de vídeo que fomente o noso cinema.

Como nos deu tempo, os pequenos amosaron aos de 3º os seus traballos lexicográficos en vídeo e os de 3º amosaron aos pequenos os seus. Foi moi divertido escoitar as peticións de revisionado de vídeos e os aplausos entusiastas do público. A temperatura na biblioteca subiu considerablemente cando demos cun vídeoclip de Toñito de Poi na nova páxina web do audivisual en Galiza que tenta tapar o gran furado que deixou Flocostv. 

Boa fin de semana a toda a comunidade educativa do Uruguai e que sigan agromando ideas gloriosas para que todos os nosos soños callen en fermosas realidades.

Algúns enlaces sobre a película:

1. Páxina web de Vilamor. Material fotográfico, tráilers, equipo, etc.
2. Blog de Vilamor onde aparecen as bases do concurso de vídeo e todo tipo de información sobre a súa estrea.
3. Críticas na prensa