Amosando publicacións coa etiqueta illas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta illas. Amosar todas as publicacións

mércores, 11 de novembro de 2015

O CASTRO DE DONÓN. Inicio de curso 2015-16


O pasado venres, 6 de novembro, Antía, Domingo e Rosa Martínez acompañaron o alumnado de 3º e 4º da ESO ao monte do Facho para darlles a coñecer un dos lugares máis emblemáticos da península do Morrazo. Alí hai unha mestura de restos arqueolóxicos que dan conta do interese que tiñan no mundo antigo estas atalaias naturais. Puidemos ver as Cíes case a tiro de pedra, a illa de Ons perfectamente recortada no medio do Atlántico, na bocana da ría de Pontevedra e moito máis alá, envolveita en neboeiro, a punta de Corrubedo onde se asenta a única duna móbil de Europa. Este país está cheo de lugares impresionantes e estes son só algúns deles. 






Construcións circulares no castro galaico de Donón no monte do Facho


Vello templo romano


A illa de Ons, e ao fondo a punta de Corrubedo. Fisterra, estás aí?


A coroa do castro, lugar estratéxico dende onde se pode divisar, en días claros que peta o vento do Norte, dende Baiona ata Fisterra.


As Cíes e o corredor de Cabo Home

Os de 4º e os de 3º




As profas tentando guarecerse da chuvia arrimadas aos pedróns labrados con inscricións romanas



Moito nos gusta subir aos penedos!


Máis imaxes no galeguai



sábado, 23 de xuño de 2012

Un día nas felices Illas Cíes






O pasado 21 de xuño pasamos o día nas Cíes algúns profos e profas co alumnado da Eso. Despois dunha semana de chuvia e frío os deuses da climatoloxía quixeron beneficiarnos cun día espléndido e temos que dicir que topamos todo marabillosamente lavadiño e limpo. Tan ben se estaba na praia que o que máis e o que menos collemos un certo ton acamaronado. Os que vos puxestes moi encarnados deixade curar a pel antes de expoñervos de novo ao sol!
Nunca deixará de asombrarnos a beleza paradisíaca das illas, a brancura da súa area, a variedade de herbiñas e flores das dunas, a transparencia cristalina das súas augas e a frescura do monte despois da chuvia. Subimos a un dos promontorios que dan aos cantís e vimos gaivotas aniñando e vixiando os niños. Este ano non topamos ovos eclosionando porque parece que ese proceso está un pouco demorado, posiblemente como consecuencia dos desaxustes climáticos. 
O vídeo que colgamos dá boa conta do que dicimos. Se alguén de vós quere as fotos, deixamos no  ordenador do Departamento de Galego un cartafol para que as copiedes cunha boa resolución.
Que pasedes un bo verán!



mércores, 25 de xaneiro de 2012

Unha viaxe á Illa dos Mortos




Por incrible que pareza, o mar e os temporais descobren periodicamente tesouros agochados dende tempo inmemorial. Neste vídeo podedes ver monumentos megalíticos nunha pequena illa da Ría de Arousa descubertos tras os últimos temporais. Fixádevos nas pequenas dimensións da illa, na acumulación de areas que quedaron fixadas pola vexetación e no que se agocha entre os penedos o medio sepultado pola area que vai e vén coas mareas. O vídeo foi atopado de maneira fortuita en Youtube cando estaba recén baixado e xa ten un lote de comentarios. Vexamos o que se vos ocorre a vós.