Amosando publicacións coa etiqueta Celso Emilio Ferreiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Celso Emilio Ferreiro. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de abril de 2018

O can danado


O CAN DANADO

Igoal que un can danado nos camiños
o terror anda solto polo mundo.
Semella un vento negro que pousase
súas azas de corvo
sobre a frente dos homes temerosos.
Un xelo de invernía en descampado
paraliza os relós, perfora as gorxas
e pon veos de anguria nas palabras.
Un grande telescopio nos vixía
coma un ollo de Cíclopeque sigue os nosos pasos
e fita sin acougo o noso rumbo,
dende tódalas fiestras,
dende tódalas torres,
dende tódalas voces que nos falan.
A noite é un micrófono impasível
que escoita o latexar do noso peito,
coma un escuro espía que espreitase
os nosos pensamentos máis segredos.
Todo se troca en cousa inconfesável;
detrás de cada esquina unha sospeita,
unha duda detrás de cada sombra,
e medo, medo, medo,
un pozo profundísimo de medo,
espello de auga fría
no que o terror se mira eternamente.

Celso Emilio Ferreiro en Longa noite de pedra


SOLDADO

  Xorxe, meu vello amigo,
                          ¿cómo fuches parar á tropa?
                                             W. H. Auden

                     1
Tiña os ollos azules poboados de preguntas
sobre o tempo i as colleitas. Seu pensamento estaba
cos segadores cantando na serán, ao comenzo
do solpor, cando a noite empeza a ser mociña.
Non comprendía os termos honoráveles,
nin as palabras encheitas de solemne soberbia,
nin aos homes aquelados de estúpida suficiencia
que se coidaban importantes
porque os seus devanceiros chegaron a señores
a forza de prostituirse, axionllarse e podrecerse.
Ouvía falar dos deberes co estado soberano,
das sacras instituciós, do orde, da groria
e lembrábase axiña do carballo que había
na porta do seu casal, alá na outa montaña,
perto do río que fungaba un laio monocorde
de escumas entre as pedras; lembrábase asimesmo
do traxe esfarrapado do escolante loiro
que un día fora á guerra e non voltara;
e aínda se lembraba das maletas dos emigrantes
e das anduriñas que pasaban voando cara o sul.
Tiña o corazón cheo de verbas pequeniñas
como cativas patrias ou pulsos latexantes.
Iletrado e sinxelo, gardaba a sabencia dos bosques
e interpretaba o profundo vento que xeme na noite.
Decía con dozura as súas verbas antigas
e dempóis calaba pra escoitar o silencio
do mundo, dilatado e inmenso como unha chaira.
Abría as maus labregas,
que agora empuñaban un fusil,
e púñase a miralas con atención lenta e teimosa.

                   2
De súpeto, nos límites lonxanos do horizonte
fitóu o resprandor dunha cidá en chamas
semellante a un remoto mencer amarelo.
De enriba baixóu un rumor de treboada,
un xordo bruido de río enrabexado,
coma un rouco balbordo cubrindo a paisaxe.
Oubeóu un can nos arrabaldos,
e comenzaron os lóstregos.
O fume,
coma unha palmeira xigantesca
abríu os seus brazos ardentes
i esparexéu pola bóveda celeste
un escuro anuncio de morte.
Asubíos e lóstregos.
Os paxaros da tarde
caíron mortos cal follas de outono.
A sireia da fábrica erguéu o seu chifro
fendendo en dous anacos o día tépedo,
o día húmido e íntimo con sbor de beixo.
Lóstregos

                    (Alcendéuse a bombilla)

Unhas maus deformes afirmaron os cotobelos
no aire estremecido
e un retablo de caras esmaceladas,
mirando para o cumio, increparon aos dioses.
Queimada carne, pernas, pés, ferraduras...
Un touro axexante, coma un Minotauro perdido
nun laberinto de brazos, rostros, pernas, seos tumefactos,
muxía longamente.

                    (Apagóuse a bombilla)

Un cincel roto
procramóu a súa protesta.
Un cabalo
dislocado, desbocado, agallopóu frenético
sobre cascos de pedra e  nitroglicerina.
Lóstregos.
Fedía a cortello misturado con cloaca e azofre.

                    (Alcendéuse, apagóuse a bombilla.)

Viuse e non se viu unha paisaxe
de brazos, rostros, pernas, dedos,
tellas, seos, portas, aramios...
Lóstregos e os derradeiros estoupidos.
Dempóis, nada. Silencio. Un mesto silencio
de noite nevada ou de terra erma.
Xorxe, meu vello amigo:
Ti que estás cos que sofren a historia
i en contra dos que a escriben,
¿cómo fuches parar á tropa?

                    3
Chegaron ás aforas de cidade
cubertos de borralla e de cansancio.
O teniente berróu, "alto, quén vive";
na inmensa soedá nasceron nardos.
O silencio da noite estrelecida
era un longuísimo camiño branco.
As cartucheiras ían tintintín,
decían tintintín, marcando o paso.
Un bisoño de cúbito supino
miraba para o ceo despiadado,
o fusil nunha mau,
na outra mau un saco.
O fillo da súa nai estaba morto,
groriosamente morto sobre un charco.
Tiña nos ollos vento. Preguntaba
cunha ollada azul de animal manso.
Xorxe, meu vello, meu eterno amigo,
dime no que estás pensando.

Celso Emilio Ferreiro en Longa noite de pedra
                       




luns, 23 de maio de 2016

CINCO POEMAS DE Celso Emilio Ferreiro



Deitado frente ao mar
Lingoa proletaria do meu pobo, 
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos
non falo pra os finchados,
non falo pra os estúpidos,
non falo pra os valeiros,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas, 
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.

E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño..
.


Nunha foxa común

Aldraxados por séculos
mallados e feridos,
asoballados sempre,
decote desvividos,
pergunto qué fixeron,
contesto que fuxiron
da terra malpocada,
sin pelexar, vencidos,
abandonado o campo
á furia do nemigo.
Soio unhos cantos bravos
a proba resistiron.
Garda, matria, un loureiro
prá frente distes fillos.

Inverno

Chove, chove na casa do pobre
e no meu corazón tamén chove.

Dor da mau encallecida,
dor da xente aterecida
de frío polos camiños.
Dor dos vellos e meniños.
Dor dos homes desherdados
e dos que están aldraxados.

Mágoa da ferida allea.
Dor dos que están na cadea,
dos que sofren a inxustiza
e viven baixo a cobiza.

Mágoa e loito
por tanto pranto que escoito.
No meu peito, sulagado,
soturno, fondo, calado,
un río de amor se move.

Chove, chove na casa do pobre
e no meu corazón tamén chove.

Consellos

Si foses a xantar con poderosos
coida ben a carón de quén te sentas.
Pexa a túa gula e couta os teus degaros,
ponlle portas á fame si a tiveras,
pois é pan mintireiro o pan dos ricos,
dóce por fóra, por dentro amarguexa.
Afoga a túa cobiza,
non desacougues por xuntar facenda.
¿Non coidas que a riqueza non é nada,
que o vento a trai e o vento axiña a leva?
Non comas pan dun home deshonroso,
nin da fartura dil teñas envexa.
Dirache, come e bebe, meu amigo,
disfroita dos meus teres canto queiras;
mais o seu pensamento non concorda,
de boca afora serán as súas verbas,
pois o seu corazón, cativo e duro,
ten de cotío pechas
as fenestras do amor e da xusticia.
Non o esquezas.


A leución

Adeprender a vida é tan difícil
ou máis que resolver un crucigrama.
Tan difícil ou máis que unha pregunta
que houbera que facer na madrugada
cando tódolos arbres choran noite
i os galos cantan.

Adeprender a vida é moi difícil
i ademáis cansa.

Cando tes a leución medio sabida
non che sirve pra nada.

As cousas son así: imos e vimos,
sin enterarnos nunca do que pasa.
Pra saber a leución dámoslle voltas,
cando acaso mellor era non darllas.

Unha mazá, un verme,
unha chuvia caíndo, terca e mansa,
un discurso do alcalde,
unha vinganza,
unha muller parindo, unha bomba de nápalm.

Dámoslle voltas
sin enterarnos nunca do que pasa.



 

xoves, 18 de xuño de 2015

Lendo Celso Emilio, ese camiño...






Fragmento do documental emitido pola TVG o 12 do 12 do 2012, que xa ten o seu aquel.
O documental enteiro aínda se pode ver nesta ligazón http://www.crtvg.es/tvg/programas/100-cef-celso-emilio-ferreiro#
 Outra ligazón de interese para os que teñades que ler Cemiterio privado
Aínda hai máis sitios de interese na rede sobre Celso Emilio, por exemplo unha web exclusivamente adicada a el onde poderedes escoitar a voz do poeta en entrevistas e tamén recitando os sus poemas.
BO VERÁN!