Amosando publicacións coa etiqueta celebracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta celebracións. Amosar todas as publicacións

xoves, 20 de novembro de 2014

Conexión Vía Láctea









                     








                                    



Onte, 19 de novembro, os alumnos de cuarto da ESO participaron na videoconferencia realizada para toda a galaxia galáctica sobre a novela A esmorga de Blanco Amor . Falouse do gran reto de levala ás pantallas respectando o idioma, a sensibilidade e o ambiente galaico da novela . Os nosos alumnos tiveron oportunidade de falar en directo co director da película, Ignacio Vilar, e cos actores Miguel de Lira, Morris e Karra Elejalde. Este último respostou con moito pormenor á pregunta de como conseguiron rodar a escena do pazo ardendo sen que ardese ningún edificio emblemático do noso patrimonio histórico. Tamén lle preguntamos a Miguel de Lira sobre a complexidade de asumir con naturalidade o galego do interior que aparece recollido na novela; Miguel fixo unha brincadeira contestándonos en uruguaio e salientou, xa en galego, a complexidade idiomática da literatura de Blanco amor, que foi un dos primeiros escritores contemporáneos en utilizar un idioma pangalaico que tiña trazos de moitas variantes dialectais. Preguntamos sobre os orzamentos para a realización da película e moitas cousas máis.
Queremos agradecer a Vía Láctea Filmes a invitación a participar neste evento. Tamén a todo o alumnado que se presentou voluntario para realizar as preguntas e conversar co director e os actores. Ao profesor de TIC, Osvaldo, por axudarnos a establecer a conexión e a todos os que puxeron ao noso dispór todos os medios para levar adiante esta iniciativa: Departamento de dinamización do galego, equipo directivo, etc.

Por último, lembrar que mañá é a estrea da película en todas as salas comerciais das cidades galegas; por primeira vez na historia do cinema galego un produto audiovisual noso ten a consideración e proxección mediática que merece. Parabéns a todos os que o facedes posible!








Enlace permanente de imagen incrustada





sábado, 23 de xuño de 2012

Un día nas felices Illas Cíes






O pasado 21 de xuño pasamos o día nas Cíes algúns profos e profas co alumnado da Eso. Despois dunha semana de chuvia e frío os deuses da climatoloxía quixeron beneficiarnos cun día espléndido e temos que dicir que topamos todo marabillosamente lavadiño e limpo. Tan ben se estaba na praia que o que máis e o que menos collemos un certo ton acamaronado. Os que vos puxestes moi encarnados deixade curar a pel antes de expoñervos de novo ao sol!
Nunca deixará de asombrarnos a beleza paradisíaca das illas, a brancura da súa area, a variedade de herbiñas e flores das dunas, a transparencia cristalina das súas augas e a frescura do monte despois da chuvia. Subimos a un dos promontorios que dan aos cantís e vimos gaivotas aniñando e vixiando os niños. Este ano non topamos ovos eclosionando porque parece que ese proceso está un pouco demorado, posiblemente como consecuencia dos desaxustes climáticos. 
O vídeo que colgamos dá boa conta do que dicimos. Se alguén de vós quere as fotos, deixamos no  ordenador do Departamento de Galego un cartafol para que as copiedes cunha boa resolución.
Que pasedes un bo verán!



venres, 13 de abril de 2012

facendo os soños realidade






Hoxe tivemos o inmenso pracer de facer unha multisesión adicada ao audiovisual galego no Uruguai. Improvisamos un patio de butacas na biblioteca e alá fomos cos de 1º e 3º  falar e ver en pantalla grande como pouco a pouco vai callando un audiovisual galaico no que, sen dúbida, todos temos un pequeno gran de area que aportar. 

Os nosos invitados foron nada máis e nada menos que o director e os actores e actriz principal do último traballo cinematográfico estreado na nosa terra: Vilamor. Neste filme recréase a apaixoante historia duns mozos e mozas que decidiron alá polo principio dos oitenta montar unha comuna nunha aldea abandonada do Caurel. O filme estreouse con éxito onte en Vigo e xa se pode ver en tres salas da cidade. Hai que ir alá. Estreas en galego son unha auténtica rareza que non imos desaproveitar. Ademais,  quedamos todos invitados a participar nun concurso de vídeo que fomente o noso cinema.

Como nos deu tempo, os pequenos amosaron aos de 3º os seus traballos lexicográficos en vídeo e os de 3º amosaron aos pequenos os seus. Foi moi divertido escoitar as peticións de revisionado de vídeos e os aplausos entusiastas do público. A temperatura na biblioteca subiu considerablemente cando demos cun vídeoclip de Toñito de Poi na nova páxina web do audivisual en Galiza que tenta tapar o gran furado que deixou Flocostv. 

Boa fin de semana a toda a comunidade educativa do Uruguai e que sigan agromando ideas gloriosas para que todos os nosos soños callen en fermosas realidades.

Algúns enlaces sobre a película:

1. Páxina web de Vilamor. Material fotográfico, tráilers, equipo, etc.
2. Blog de Vilamor onde aparecen as bases do concurso de vídeo e todo tipo de información sobre a súa estrea.
3. Críticas na prensa





xoves, 19 de maio de 2011

BICENTENARIO DA BATALLA DAS PEDRAS 18-05-1811



Onte, 18 de maio, ao día seguinte da conmemoración do día das letras galegas máis galáctico que poderemos lembrar en moito tempo, adicado ao xenial Lois Pereiro, o instituto de secundaria ROU tivo o pracer de celebrar o bicentenario da independencia do Uruguai. Para tal evento recibimos unha misión diplomática encabezada pola consulesa xeral do Uruguai . Amenizaron o acto dúas voces ceibes privilexiadas: Wálter César e Ramona Báez, residentes en Vigo. No vídeo queda constancia do longo camiño que tivo que percorrer o pobo uruguayo para a súa liberación da coroa española. A vida no ROU cada vez cobra tintes máis festeiros e aínda quedan por celebrar moitos días memorables máis.

O ano pasado, lembrades?, plantamos un ceibo


mércores, 16 de xuño de 2010