martes, 18 de outubro de 2011

as linguas de españa




LÉXICO DE SUSTRATO




VOCABULARIO PREINDOEUROPEO: Gabanceira, mata, queiroga (var. quiroga, queiruga, queiroa), carrasca, carqueixa, carroucha, coto, sobaco, morango (var morodo, amorodo, merodo, morogo, amorote, morote), touza, morea, petouto, barro, lastra, cádavo, esquerdo, cama, balsa, sarrio, veiga. 


VOCABULARIO INDOEUROPEO: pala 'cova', cabana, cabaz, cabazo, cabaceira, páramo (PRECELTA)  carro, camiño, cervexa, bragas, camisa, bidueiro, lamagueiro, ameneiro, colmo, embelga, gancho, cheda, camba, rodaballo, careixa, beizo, lama, lousa, laxe, burato, callau, braña, seara, senra, billa, berce, tona, broa, terco, estancar, virar (CELTA)


TOPONIMIA: son prelatinos todos os nomes de lugares con elementos USC e ASC: Beasque, Viascón, Ledusco, Tarascón,; OBRE: Barallobre, Callobre; CAR, COR, CA: Cangas, Carnota, Coruña, Cambre, Corme, Cornido, Corcubión.
HIDRONIMIA: Deva, Limia, Sar, Teis, Tambre.




Hai moito que facer con este vocabulario: procurar o significado de todas as palabras, tentar agrupalas por campos semánticos, xogar a compoñer con elas. Tamén faremos unha incursión nos mapas para identificar topónimos con raíz prelatina. Boa viaxe polas fontes léxicas do noso idioma!








TEXTO 1


Como cada luns, para chegar antes a casa, vou polo camiño vello cheo de breixos, xestas e brancos croios ata chegar ao camiño que dá aos carballos. Un día viña eu tranquilamente de volta a casa cando batín cun seixo e caín ao chan. Ao caer fun dar cun carreiro de cunchas de vieira e de espiñas de xouba que remataba nun berce de cádavos cubertos de tona. Asustada, marchei correndo. Conteille todo ao meu pai e tranquilizoume dicíndome que debía ser dalgún cazador toleirón que quixo gastar unha broma macabra. E deixei de preocuparme, pero por se acaso por alí non volvo.


berce futurista de vimbio




TEXTO 2


Un día calquera, estaba eu na casa un pouco agobiado. Entón saín por aí dar unha volta. Levei comigo unha empanada de xoubas, unhas vieiras, un rodaballo e un refresco para facer unha merendola na praia que hai por debaixo da touza. De camiño ía tan despistado que batín cun croio e doeume tanto que emepecei a dar chimpos ata que acabei estampado nun carballo. Despois dese terrible incidente, como puiden cheguei á praia. Sentei na area e comín para recuperarme. Obsevei que tiña diante miña unha laxe que me pareceu moi bonita pero non quixo vir comigo para casa. Cando regresei, sen querer espertei o meu irmán pequeno que durmía no berce. Acabei o día vendo un documental sobre o hábitat das carrascas e dos carballos. 


petroglifo de Portela das Laxes, en Viascón


TEXTO 3

Os homes comeron xoubas e vieiras. Os nenos rodaballo e coruxo. Ao remataren os nenos foron xogar á beira do río, e un deles bateu cun pelouro e foi caer nun breixo. Había un carballo para apoiarse nel. Foron correndo ata as cabaceiras, onda os pais; alí estaban deitando o bebé no berce e unha vez xuntos, sentaron a merendar amorodos. CLONU




TEXTO 4


A semana pasada fun á praza mercar unhas cousas que me mandara a miña nai. Como chegaba tarde e empezaba a chover, fun collendo un atallo. Coas présas non miraba o chan e batín cun croio chantado no medio do camiño e caín enriba dun breixo. Para erguerme suxeiteime á póla baixa dun carballo e saín pitando cara a praza. Ao chegar, merquei o que me encargaran: unhas vieiras e un rodaballo, un quilo de xoubas e dous coruxos. NUCLO





sábado, 8 de outubro de 2011

los suaves




SE EU FOSE DEUS.............
Hai máis ou menos un ano que demos pistoletazo de saída a unha nova singradura deste caderno coa letra desta canción mítica de Los Suaves, supersuaves de Ourense con vocación universal. A letra é tan suxerente que os de 4º A do curso pasado elaboraron todas e todos unha microtese sobre as súas intencións no caso de seren divinos.  Tanto a letra da canción ( versión galaica) como as ideas que desencadeou poderás atopalas AQUÍ. Este ano voltaremos meditar que fariamos nós co mundo no caso de vérmonos na situación de poder cambialo. Vaia se podemos!

Dámos a benvida no comité de redacción ao alumnado de 3º da ESO, que xa nos demostrou nalgunha ocasión que son quen de apuntarse ata a un bombardeo. Temos grandes regueifeiros no grupo, amantes do teatro e da poesía e algún que outro ciberespontáneo. Todo estará permitido excepto o aburrimento. Tentaremos capturar as ansias creativas do alumnado de Diversificación e canalizaremos todo traballo orixinal que se nos poña diante de calquera espontáneo estea ou non correctamente matriculado. Un saúdo a todo o alumnado do IES ROU e a todos os rapeiros, repentistas e másters da rima libre de Teis e do resto dos barrios da Ría de Vigo.





venres, 17 de xuño de 2011

FALEMOS DE PORTONOVO

Dende que eu teño memoria, o pobo por parte do meu pai, Portonovo, pasou por moitos cambios, pero o principal foi iso que damos en chamar humanización: onde antes había prados e monte con moita variedade de árbores, agora hai urbanizacións con edificios, estradas, parques infantís, etc.

O meu pai contoume que cando el era novo, de rapaces, ían ao monte e facían cabanas de madeira enriba das árbores que talaron para urbanizar. As novas vivendas ocúpanse só no verán con turismo case sempre familiar. Pouco a pouco as fincas son vendidas para rendibilizalas en forma de cemento e ladrillo. É unha pena que o noso pobo sexa famoso só por iso.

Cando eu era pequeno, todo o mundo tiña galiñas e pitos e os vellos pasaban o día nas hortas, ás veces xa con tractor, a coidar dos animais e cultivar o necesario para ter o básico para todo o ano.

A pesar de todo, a xente segue conservado os vellos costumes e adaptándoos ás novas circunstancias.

Rewind aportado por.....................PIMPÍN

xoves, 16 de xuño de 2011

O CAPITÁN

O turbio capitán, alto e sinistro
cunha cara proterva de ministro
nacera, ben se sabe, alá en Chandrexa,
e todos os seus homes
tíñanlle moita envexa
e apoñíanlle nomes
mentres arriaban xuntos a cangrexa.

Chegara a capitán, pobre infeliz
con ningún dente san e un aro no nariz.
Gustaba de xantar en cada porto
sentado no peirao vendo a baía
poucos froitos de mar, ningún do horto
non sendo unhas rebandas de sandía.
Moita carne de año, xato e porco

moita caza de pluma e máis de pelo
moitos doces, xaropes e marmelo
e chulas e filloas, coma un orco.
Non limpaba os dentes e fedía
o seu alento a carromeiro podre
e asustando aos serventes, cada día
bebía canto ron cabe nun odre

XOSÉ MIRANDA: Piratas polo Miño







CONTRA MAR

Caeu
sentiu a friaxe
logo
o paso rectilíneo
da onda metálica

soubo
doutro mundo
alleo
enxertado
na esfera do mundo

imaxinou
a ferida lacerante
asombrouse
ao sentir o corpo
docemente lene

pasmado
deixouse envolver
decidiu
non forcexar
diluírse

XESÚS FRANCO: Contra Mar, edit. Galaxia, 1995



martes, 14 de xuño de 2011

EVOLUCIÓN DO BERBÉS



Co paso do tempo o Berbés cambiou moito:
onde antes había praia para bañarse e andar ao sol
agora eu agardo o bus todas as mañás,
por onde navegaban barcos de pesca,
chalanas, botes e gamelas
agora circulan coches, camións, autobuses;
fóiselle comendo espacio  ao mar.

Hoxe en día, moitos dos lugares onde a xente traballaba
fabricando cestos, amañando redes,
reparando barquiños
están abandonados.

Recuperouse o espazo da vella Casamar
para facer o Palacio de Congresos.
Onde estaba o servizo de emigración
e a cruz vermella
hoxe hai un macro centro comercial.

Tapiáronnos o mar


O Berbés é o nome do porto pesqueiro da cidade de Vigo. Os cambios urbanísticos nesta zona da cidade foron tan dramáticos nos últimos 50 anos que o lugar é case irrecoñecible. Os soportais das casas de pedra, que eran a primitiva fachada mariñeira, están hoxe en estado ruinoso; o mar queda cada vez máis lonxe e o porto pesqueiro entrou de cheo na dinámica do xigantismo. Todo o litoral está sacrificado, dende Bouzas ata Teis.