mércores, 24 de febreiro de 2016

MANOEL ANTONIO: Con anacos do meu interior (comentario)


CON ANACOS DO MEU INTERIOR

Con anacos do meu interior
fago xogos de mans
Sollar do sol encol
dos agros e o silenzo que alborexa
Con ancos de min
Xogador.
Un subtil son de lonxe
fío claro
A tristura dos eixos abate nos pinos
Na corredoira da fonte van pasos
Un paxaro que pasa cortando a fiestra
Con anacos de min
Non reparo.
Con anacos do meu interior
malabarescamente
enrabesadamente
auto-rompecabezador

Manoel Antonio: Con anacos do meu interior, publicado postumamente.

Resultado de imaxes para colaxes fotograficas


COMENTARIO

Neste poema publicado póstumamente polo vangardista Manoel Antonio o autor fala nun eu lírico que carece de receptor, facéndoo semellar un monólogo, pois o poeta parece falar consigo mesmo.


O poema comeza: "con anacos do meu interior", este primeiro verso anticípanos o tema que o autor vai tratar: o seu mundo interior. Para isto, Manoel Antonio non se apoia en elementos internos do seu ser, se non que nos oferta unha serie de imaxes e sóns do mundo exterior para deixar claro, que o que el é, o conforma en gran parte, o mundo no que vive, como tamén el é quen en gran parte modela o mundo exterior.

Así o autor dinos: "Sollar do sol encol, dos agros e o silenzo que alborexa" (referíndose o sol que quenta os campos recén saído) e segue percorrendo pedazos da súa vida con versos coma: "Un subtil son de lonxe" "fío claro" "A tristura dos eixos abate nos pinos" (Estes versos lembran o són do típico carro labrego que caracteria tanto o agro galego) "Na corredoira da fonte van pasos" (Aquí observamos, ou mais ben, escoitamos, a típica escena da xente dirixíndose cara a fonte tan necesaria para vivir nesa época) "Un paxaro que pasa cortando a fiestra" (Aquí faise unha referencia a un paxaro que pasa voando pero o que se nos oferta é unha impresión visual insólita e xoga coa imaxe do paxaro dicindo que está a cortar a fiestra cando en realidade non é así)

O autor, finalmente remata o poema describindo o modo en que ve a vida e plásmaa nas súas obras, para esto utiliza tres palabras (malabarescamente, enrabesadamente e auto-rompecabezador) das cales só unha é aceptada polo dicionario (enrabesadamente), sendo as dúas restantes colleita propia do autor. Neste poema podemos ver dúas grandes características da lírica vangardista, xa que  está carente de rima tradicional e en canto á métrica este é polisimétrico. Ou sexa, verso libre. Manoel Antonio recorre ós paralelismos e as anáforas (Versos 1 e 14 e 5 e 12) e utiliza sinestesias dotando de sensacións a cousas que realmente non as teñen.
Comentario aportado por......................LÚAR

Comentario realizado en abril do 2011 para tirarrollas  

 

mércores, 11 de novembro de 2015

O CASTRO DE DONÓN. Inicio de curso 2015-16


O pasado venres, 6 de novembro, Antía, Domingo e Rosa Martínez acompañaron o alumnado de 3º e 4º da ESO ao monte do Facho para darlles a coñecer un dos lugares máis emblemáticos da península do Morrazo. Alí hai unha mestura de restos arqueolóxicos que dan conta do interese que tiñan no mundo antigo estas atalaias naturais. Puidemos ver as Cíes case a tiro de pedra, a illa de Ons perfectamente recortada no medio do Atlántico, na bocana da ría de Pontevedra e moito máis alá, envolveita en neboeiro, a punta de Corrubedo onde se asenta a única duna móbil de Europa. Este país está cheo de lugares impresionantes e estes son só algúns deles. 






Construcións circulares no castro galaico de Donón no monte do Facho


Vello templo romano


A illa de Ons, e ao fondo a punta de Corrubedo. Fisterra, estás aí?


A coroa do castro, lugar estratéxico dende onde se pode divisar, en días claros que peta o vento do Norte, dende Baiona ata Fisterra.


As Cíes e o corredor de Cabo Home

Os de 4º e os de 3º




As profas tentando guarecerse da chuvia arrimadas aos pedróns labrados con inscricións romanas



Moito nos gusta subir aos penedos!


Máis imaxes no galeguai



xoves, 18 de xuño de 2015

Lendo Celso Emilio, ese camiño...






Fragmento do documental emitido pola TVG o 12 do 12 do 2012, que xa ten o seu aquel.
O documental enteiro aínda se pode ver nesta ligazón http://www.crtvg.es/tvg/programas/100-cef-celso-emilio-ferreiro#
 Outra ligazón de interese para os que teñades que ler Cemiterio privado
Aínda hai máis sitios de interese na rede sobre Celso Emilio, por exemplo unha web exclusivamente adicada a el onde poderedes escoitar a voz do poeta en entrevistas e tamén recitando os sus poemas.
BO VERÁN!   

martes, 9 de xuño de 2015

Doce poemas apócrifos de ALVARO CUNQUEIRO


Texto extraídos de poemas y fragmentos



1. Cando se fina un home                


Cando se fina un home, morre unha cidade.
Vaise il, pro non soio.
Leva soños, verbas, desexos que foron, bicos,
tristuras, amistades, grandes risadas. Todo isto
no fardelo que lle foi dado.
Pro tamén leva dos outros:
o aroma de aquel recuncho, aquela hora
de sol de inverno na praza, a fonte
sob os plátanos, o cheiro de mel da confiteiría, uns
¡bos días, señora Pepa!, i-ela sorrindo, gorda;
a discusión no Comité: ¡eu estou pola
mellora do gado mouro! Non sabía por que.
Il amaba unha certa paisaxe, unha certa
forma das estrelas, i-as herbas, i-o canto do galo,
unha certa voz nos homes, i-unha color nas vacas.
I-a cidade —o mundo— decía: Mijail estame vendo tamén.
E seguía, seguían as horas, as estaciós, os séculos.
O mundo, porque alguén o miraba, seguía indo.
Pro un día calisquer cen Mijail morren
i-o mundo acaba, perdido, soio, sin que ninguén o olle
amorosamente, como é debido.





2. Erikson vólvese pra escoitar a súa mocidade

E cando se decatou, quitou a pucha
pra enchela coas froles do prado.
—Pro as froles están somentes
nun soño, abaneadas por un ventiño morno,
que tamén era soño, soño, soño.
Tivera os anos coma trigo dourado
nas mans, no corazón, nas verbas.
—Nos ollos tamén si, cos que medía
o van da moza e a carreira das estrelas.
Pro non o soupo daquela.
Agora que por vez derradeira soña
que escoita o cuco no alcipreste,
coa pucha parda na man, e os ósos
somentes quentados polos recordos,
—ouh fondo pozo mouro, vida esgotada,
cas ceibados do corazón, violín sen cordas!—
vólvese: a perdida mocidade debe de estar cantando
máis aló dos outeiros, do mare, dos outeiros,
do mare. Aínda cantando.






3. Eu quixera ter as voces
Eu quixera ter tódalas voces,
as que sirven pra decir amor.
A voz da nai que dende a fiestra
adeus di ó fillo que vai pró mar.
—I-a voz da nai, que dende a porta,
¡benvido sexas! di ó fillo que ven do mar.
E tamén ó home, ou ó amante.
Pra decir amor ten que haber voces como de bosque
ou de río en fervenza, e deloutras
soaves coma unha pel soave.
A voz de Francisco pra decir amor a toda cousa
e voces de amor carnal, cáseque salaios.
I-a final, cando tivera tódalas voces,
—adeus, namorada miña, que vas a mondar
arroz nas lagoas, adeus, dama de Duino
que choras bágoas de ouro i-encaixe de Venecia! 
á final, digo, ser dono disa voz segreda
que somentes un ouvido escoite,
que ven coma ven a noite,
sin saber de onde,
vestíndose a sua chambra de estrelas.





4. O vagabundo

Metín tódolos meus días nun fardelo mendado
e boteime a andar.
Eu mesmo faguía os camiños que me levaban
lonxe, mais aló dos bosques,
pola beira do mar, polo mar mesmo.
E no fardelo, a carón dos días meus,
—infancia, mocidade, madureza, vellice—
iba metendo o pan das esmolas.
Algunha vez o pan aínda estaba quente i ó tocalo
resucitaba un día de meu no que, mociño,
ollei unha dona fermosa que collía frores no xardín.
No sur, agasallábanme con vasos de viño.
Pro, xa é tempo de volver. Canso, e xa non sei soñar.
Coma un trobo rachado por un raio,
ya non enxamian as abellas no verán
drento de min. Soños non hai nin inquedanzas.
Na vella casa farei lume, e contareille ás chamas
como é que morre un vagabundo.






5. Xa foi a terra

Xa foi a terra, xa non é.
Ou mellor dito, foise a terra,
quizaves polo áer, quizaves pola mar.
—Nuben e illa deberían ter
a mesma definición nas xeografías.

Xa foi a terra. Dende onde vivo prisoeiro
non podo dar testimoño de que haxa
arbres, pasteiros, ríos, montes,
o deserto de Arabia, i aquela chaira
lamagosa, onde nun outeiro estaba o pobo en que nascín,
e de onde ollaba coma o Adigio iba pro mar.

Cemento e cemento, ferro e ferro. Soio.
Pro, e cando voa unha anduriña i eu sei que é abril,
ou cando chove, ou cando neva,
podería eu decir que non hai terra, que xa foi,
que é cousa de historia, dende a fiteira
da celda de cemento na que vivo?





6. Aínda non sei para que…

Ten de haber por ahí xente
á que lle sobre un pouco de tempo da súa vida,
e podería darmo a min, que esgoto o meu
deitado na miña sede, a carón da area quente
e do esquelete do cervo que coidaba
que ao norde había fontes de auga fresca.
Os meus ollos xa non saben distinguir un arbre no outono
dunha muller que se ergue do chan
despoixas de ter parido un neno louro
e o levanta sober da súa cabeza.
Non diferencio as falas nin os ventos
e teño xa esquencido o colo da miña nai
e a Katty, á que biquei nunha orella e chorou.
Morrendo, pido unha esmola de tempo
aínda que non sei para que…





7. O tempo dos probes

Os probes teñen muito máis tempo que os ricos
—e tamén máis frío, máis fame, máis soedade,
máis choiva, máis sol, máis lúa, máis vento.
Coñécense entre eles, e teñen unha fala propia
feita de medo e de raiba, humildosa na coda
e por dedentro chea de dentes afiados.
Entre os probes da miña illa adeprendín
que cando morre un neno, a xente esquece a fala,
e soio ao día seguinte volven adeprender a falar,
pirmeiro os outros nenos, logo a nai, logo os cas.





8. A nao de Sigvar Sigvarson

Imos, falcón da ribeira, do mar maior!
Pintei unha serpe de ouro na miña vela
e no meu peito tatuáronme o nome do meu can,
Sok, o meu can de pastor, o que garda o meu rebaño.
Quero, cando eu vaia polo gran mar
e non vexa terra ao leste,
que os meus guerreiros lean no meu peito
o nome do meu can, eu tumbado nun leito de coiros,
botando unha soneta, pro ouvindo decir ¡Sok!
e soñando cos pasteiros de Bjora, onde o meu can
axunta o rebaño á noitiña, e ladra contando
as pardas ovellas entrando no cortello,
namentras manseliño folerpa.
E a miña nave navegando por ribeiras
de sol, limoeiros, viñas e oliveiras.





9. Tantos camiños busquei

Non pra volver á miña casa
senón a aquela vila refranada no vello libro,
deitada na chaira poeirenta, arredor dunha torre,
muitos camiños busquei, entrei e saín por laberintos
e na boca da cova saudei á Polar.
En lixeiros veleiros pasei o mar con ela.
E sempre eu, libre e virxe, entre as rapazas núas
sob as pontes de ríos sin nome,
ou ás portas dun burdel, co meu gorro roxo,
por curiosidade de ver mulleres tan usadas.
Eu soñaba aquela vila do vello libro
en días de vendima, cando entran nela
os burros negros con canastros cheos de asios.
Xa somentes con pasare dúas follas máis no libro,
eu atopábame na adega catando viño roxo.
Un solene calor enchíame i eu chegaba
a sere un rei acolá embaixo,
agallopando á sombra das abidueiras.
Pro, verdadeiramente, soñaba con aquela vila
porque nóna había,
i eu vivía nunha illa chamada Tulé,
de oficio remendador de redes, vinte anos, coxo e solteiro.
O libro chegara a Tulé polo mar, nunha botella.
Cousas que lle acontecen aos soñadores.



10. Aqueles outros ríos

Nado nunha illa pequena, penascosa,
eu nunca ollado tiña un río, pro soñei un cento.
No mapa da escola eran veas azúes.
E cando por primeira vez un río,
correr a iauga escura por entre salgueiros, vin,
e pasar sob unha ponte de oito arcos, chorei,
namentras o chamaba polo seu nome,
doce coma un nome de muller.
E do río xurdíu aquela do loiro cabelo,
e pondo un dedo sober dos seus beizos
díxome: Cala, e nóno despertes,
vaite axiña, non te bañes nas súas augas,
que che xantará o mirar.
Que nada hai que lle goste tanto a un río
coma un mozo estranxeiro cos ollos virxes
de ollar ríos!
E a fermosa aloumiñaba o lombo do río
coma si se tratase dun boi ben cebado.
Coma miña nai o lombo dun boi na eira da casa
denantes de que os criados saísen con íl pra feira das quendas de maio.
Aqueles outros ríos azúes dos soños e do mapa
ónde estaban, ónde están, fermosa do loiro cabelo,
Lorelei, Lorelei, que me salvache a vida?





11. Os tres reises

Melchor estaba agardando
a Gaspar e Baltasar.
Fixeron lume nun alto
y amecéronlle pedras preciosas.
—Sete verbas de ouro dixo un,
sete de incenso dixo outro,
sete de mirra dixo o mouro,
i os tres a un tempo outra segreda,
que así se fai, cun lume aceso,
unha estrela.
—De que parte cae o mundo?
Preguntábanse os tres.
A estrela alumeaba no ceo.
—Ai!, de que parte caerá Belem?
E un rapaz que collía molime
escoitounos e riuse e berroulles:
—Mira que tres sabios de Oriente,
mira que tres Magos de pimpirimpel:
déixense guiar pola estrela,
e xa chegarán a Belem.
E o rapaz deixou o molime
e brincando botouse a andar,
e chegou a Belem denantes
que Melchor, Gaspar e Baltasar.





12. Dende aquelas fiestras

Si aquela muller, naquela fiestra,
fose unha muller nova e fermosa,
e tivese unha vista tal que poidese
contemplar o meu rostro, e decatarse
de canta fame de amor teño!
Xúrovos que non poido vivir sin muller!
O mesmo can meu, que me lambe os pés, o sabe.
Pro, por que iba a ter ela esa diviña ollada,
que deixa ver de fiestra a fiestra,
a traveso da ancha praza, i ela non ten amor,
i eu, en troques, que teño todo o amor do mundo,
non poido ver xiquer, sober dos castiñeiros de Indias,
si ela é nova, si é fermosa?
E si chora cando eu choro, corazón, corazón valeiro.
Por qué non haberá, ouh Deus!, isas miradas?



xoves, 4 de xuño de 2015

O INCERTO SEÑOR CUNQUEIRO


 


  •  Ligazón a unha web onde se reproducen traballos de CUNQUEIRO como TRADUTOR
  • DOCUMENTAL sobre o autor emitido por TV2 no 2011





sábado, 23 de maio de 2015

ERAN UNHA VEZ ......... UN FELIZ MUNDO NOVO E UN PORCO A DÚAS PATAS



Entrevista a Aldous Huxley: A DICTADURA CIENTÍFICA







PARTE 1 da serie TV baseada na novela de Huxley Un feliz mundo novo (1931) Está dispoñible a serie completa en youtube.




DOCUMENTAL sobre Aldous Huxley

GRANDES ESCRITORES: Aldous Huxley


Deixamos todas estas ligazóns para quen queira ilustrarse sobre a novela que lemos en 4º neste 3º trimestre. Huxley foi quen de botar unha ollada profética sobre o futuro inmediato das sociedades humanas e amosarnos unha vista panorámica desoladora. Algo parecido fixo Vicente Risco con O porco de pé pero uns anos antes (1928) e coa óptica da sátira escarnecedora.

Xa me tardaba a min a hora de emparellar estas dúas noveliñas neste caderno!



        




martes, 19 de maio de 2015

VIDEOTEATRO 2015


O Atraco IES ROU from matesrou on Vimeo.


A actividade teatral en galego centrouse este curso na representación dunha pequena peza teatral traducida para tal ocasión. A historia é moi sinxela e no diálogo hai unha certa dose de absurdo e humor.