venres, 13 de abril de 2012

facendo os soños realidade






Hoxe tivemos o inmenso pracer de facer unha multisesión adicada ao audiovisual galego no Uruguai. Improvisamos un patio de butacas na biblioteca e alá fomos cos de 1º e 3º  falar e ver en pantalla grande como pouco a pouco vai callando un audiovisual galaico no que, sen dúbida, todos temos un pequeno gran de area que aportar. 

Os nosos invitados foron nada máis e nada menos que o director e os actores e actriz principal do último traballo cinematográfico estreado na nosa terra: Vilamor. Neste filme recréase a apaixoante historia duns mozos e mozas que decidiron alá polo principio dos oitenta montar unha comuna nunha aldea abandonada do Caurel. O filme estreouse con éxito onte en Vigo e xa se pode ver en tres salas da cidade. Hai que ir alá. Estreas en galego son unha auténtica rareza que non imos desaproveitar. Ademais,  quedamos todos invitados a participar nun concurso de vídeo que fomente o noso cinema.

Como nos deu tempo, os pequenos amosaron aos de 3º os seus traballos lexicográficos en vídeo e os de 3º amosaron aos pequenos os seus. Foi moi divertido escoitar as peticións de revisionado de vídeos e os aplausos entusiastas do público. A temperatura na biblioteca subiu considerablemente cando demos cun vídeoclip de Toñito de Poi na nova páxina web do audivisual en Galiza que tenta tapar o gran furado que deixou Flocostv. 

Boa fin de semana a toda a comunidade educativa do Uruguai e que sigan agromando ideas gloriosas para que todos os nosos soños callen en fermosas realidades.

Algúns enlaces sobre a película:

1. Páxina web de Vilamor. Material fotográfico, tráilers, equipo, etc.
2. Blog de Vilamor onde aparecen as bases do concurso de vídeo e todo tipo de información sobre a súa estrea.
3. Críticas na prensa





xoves, 12 de abril de 2012

Mago de oz - Hasta que el cuerpo aguante





ATA QUE O CORPO TIRE


Podes arrincarme o corazón do peito
e converter en marmurio lene a miña voz
reducir toda unha vida só a un renglón


Podes sobre min dar opinión sesgada
criticarme o oficio que non é porvir
que alimento a fogueira da imaxinación


Pode que a chuvia caia sobre o céo
que o mar perdido vaia a un río morrer
que a noite cante ao galo na mañá
que coas ánimas foi pasalo ben


Vivo coa paixón a flor de pel
entre estrofas darás co meu fogar
ela agarda a que retorne
e mentres eu gardo os seus bicos e a súa voz
no corazón


Busco no camiño todas as respostas
e doume conta de que están en min
comunicador de soños quero ser


Músico son, músico serei
condutor de sensacións á túa pel
fabrico lembranzas, cantas con saudade a miña canción


Xamais poderei deixala
a vida é unha canción
son escultor da alma
son músico e amo en clave de sol
ata que me aguante a voz


bis


Estamos loucos de atar
somos trovadores na túa cidade
damos pinceladas de cor á túa gris realidade
somos medio cabaleiros, medio bohemios e troleiros
non somos o que un pai quere para a filliña bebé


Ata que o corpo tire
ata que morra a miña voz
ata que o corpo tire
seguirei vivindo como son


ata,ata,ata,ata.......


MAGO DE OZ


Versioneada ao galego por............................MARÍA







mércores, 21 de marzo de 2012

FAUSTINO SANTALICES & coplas de cego




Coincidindo co certame de regueifas aí tendes un exemplo de cantares de cego, o Romance de don Gaiferos , interpretado maxistralmente por Faustino Santalices, acompañado da zanfona. A zanfona é unha orquestra completa. Xa investigaremos máis nela. Disfruádeo, destas cousas xa non quedan.

mércores, 25 de xaneiro de 2012

Unha viaxe á Illa dos Mortos




Por incrible que pareza, o mar e os temporais descobren periodicamente tesouros agochados dende tempo inmemorial. Neste vídeo podedes ver monumentos megalíticos nunha pequena illa da Ría de Arousa descubertos tras os últimos temporais. Fixádevos nas pequenas dimensións da illa, na acumulación de areas que quedaron fixadas pola vexetación e no que se agocha entre os penedos o medio sepultado pola area que vai e vén coas mareas. O vídeo foi atopado de maneira fortuita en Youtube cando estaba recén baixado e xa ten un lote de comentarios. Vexamos o que se vos ocorre a vós.

domingo, 8 de xaneiro de 2012

Memoria histórica de Isaac Díaz Pardo






Esta é unha das pinturas favoritas do autor, titúlase A nave espacial, 1964. Realizouna pouco antes de abandonar a pintura convencional para adicarse a outras actividades, entre elas a recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos. Un repaso autobiográfico é o que podedes ver neste enlace , un documental de menos dunha hora en que o autor fala de si mesmo e dos acontecementos que lle tocou vivir.