sábado, 8 de outubro de 2011

los suaves




SE EU FOSE DEUS.............
Hai máis ou menos un ano que demos pistoletazo de saída a unha nova singradura deste caderno coa letra desta canción mítica de Los Suaves, supersuaves de Ourense con vocación universal. A letra é tan suxerente que os de 4º A do curso pasado elaboraron todas e todos unha microtese sobre as súas intencións no caso de seren divinos.  Tanto a letra da canción ( versión galaica) como as ideas que desencadeou poderás atopalas AQUÍ. Este ano voltaremos meditar que fariamos nós co mundo no caso de vérmonos na situación de poder cambialo. Vaia se podemos!

Dámos a benvida no comité de redacción ao alumnado de 3º da ESO, que xa nos demostrou nalgunha ocasión que son quen de apuntarse ata a un bombardeo. Temos grandes regueifeiros no grupo, amantes do teatro e da poesía e algún que outro ciberespontáneo. Todo estará permitido excepto o aburrimento. Tentaremos capturar as ansias creativas do alumnado de Diversificación e canalizaremos todo traballo orixinal que se nos poña diante de calquera espontáneo estea ou non correctamente matriculado. Un saúdo a todo o alumnado do IES ROU e a todos os rapeiros, repentistas e másters da rima libre de Teis e do resto dos barrios da Ría de Vigo.





venres, 17 de xuño de 2011

FALEMOS DE PORTONOVO

Dende que eu teño memoria, o pobo por parte do meu pai, Portonovo, pasou por moitos cambios, pero o principal foi iso que damos en chamar humanización: onde antes había prados e monte con moita variedade de árbores, agora hai urbanizacións con edificios, estradas, parques infantís, etc.

O meu pai contoume que cando el era novo, de rapaces, ían ao monte e facían cabanas de madeira enriba das árbores que talaron para urbanizar. As novas vivendas ocúpanse só no verán con turismo case sempre familiar. Pouco a pouco as fincas son vendidas para rendibilizalas en forma de cemento e ladrillo. É unha pena que o noso pobo sexa famoso só por iso.

Cando eu era pequeno, todo o mundo tiña galiñas e pitos e os vellos pasaban o día nas hortas, ás veces xa con tractor, a coidar dos animais e cultivar o necesario para ter o básico para todo o ano.

A pesar de todo, a xente segue conservado os vellos costumes e adaptándoos ás novas circunstancias.

Rewind aportado por.....................PIMPÍN

xoves, 16 de xuño de 2011

O CAPITÁN

O turbio capitán, alto e sinistro
cunha cara proterva de ministro
nacera, ben se sabe, alá en Chandrexa,
e todos os seus homes
tíñanlle moita envexa
e apoñíanlle nomes
mentres arriaban xuntos a cangrexa.

Chegara a capitán, pobre infeliz
con ningún dente san e un aro no nariz.
Gustaba de xantar en cada porto
sentado no peirao vendo a baía
poucos froitos de mar, ningún do horto
non sendo unhas rebandas de sandía.
Moita carne de año, xato e porco

moita caza de pluma e máis de pelo
moitos doces, xaropes e marmelo
e chulas e filloas, coma un orco.
Non limpaba os dentes e fedía
o seu alento a carromeiro podre
e asustando aos serventes, cada día
bebía canto ron cabe nun odre

XOSÉ MIRANDA: Piratas polo Miño







CONTRA MAR

Caeu
sentiu a friaxe
logo
o paso rectilíneo
da onda metálica

soubo
doutro mundo
alleo
enxertado
na esfera do mundo

imaxinou
a ferida lacerante
asombrouse
ao sentir o corpo
docemente lene

pasmado
deixouse envolver
decidiu
non forcexar
diluírse

XESÚS FRANCO: Contra Mar, edit. Galaxia, 1995



martes, 14 de xuño de 2011

EVOLUCIÓN DO BERBÉS



Co paso do tempo o Berbés cambiou moito:
onde antes había praia para bañarse e andar ao sol
agora eu agardo o bus todas as mañás,
por onde navegaban barcos de pesca,
chalanas, botes e gamelas
agora circulan coches, camións, autobuses;
fóiselle comendo espacio  ao mar.

Hoxe en día, moitos dos lugares onde a xente traballaba
fabricando cestos, amañando redes,
reparando barquiños
están abandonados.

Recuperouse o espazo da vella Casamar
para facer o Palacio de Congresos.
Onde estaba o servizo de emigración
e a cruz vermella
hoxe hai un macro centro comercial.

Tapiáronnos o mar


O Berbés é o nome do porto pesqueiro da cidade de Vigo. Os cambios urbanísticos nesta zona da cidade foron tan dramáticos nos últimos 50 anos que o lugar é case irrecoñecible. Os soportais das casas de pedra, que eran a primitiva fachada mariñeira, están hoxe en estado ruinoso; o mar queda cada vez máis lonxe e o porto pesqueiro entrou de cheo na dinámica do xigantismo. Todo o litoral está sacrificado, dende Bouzas ata Teis. 

martes, 7 de xuño de 2011

Vigo anos 60




Vigo antes e despois: neste enlace podedes dar con dous vídeos que amosan a evolución urbanística da Ría de Vigo, se vos fixades ben nas imaxes tamén se aprezan cambios notables na Península do Morrazo.