venres, 4 de febreiro de 2011

SOÑO ESCULTÓRICO


Onte tiven un soño. Un soño bo, un soño san.
Ía eu pola praia de Rodas nun día soleado e cunha brisiña refrescante.
Sen decatarme derrubei un dos castelos que construíran os nenos.
Tranquiliceinos poñéndome a facer con eles unha gran barca na area.
Puxémoslle asentos, un motor na popa, unha boa quilla, etc
Cando estabamos rematando os últimos detalles, veu un vello e, despois de admirar a obra, asegurou que era a cousa máis fermosa que vira en moitos anos.
Ofertoume traballar no seu obradoiro.
Na seguinte imaxe do meu soño eu esculpía un hotel de xeo.
Terei dotes de escultor?
Texto aportado por...DCC

xoves, 27 de xaneiro de 2011

MANÍA PERSECUTORIA

Ía eu andando pola estrada cando me decatei de que alguén me seguía todo o tempo, tamén me decatei de que se acercaba cada vez máis e levaba algo na man; por precaución botei a correr, pero o meu perseguidor botou tamén a correr. Como puiden, cheguei á miña aldea en Ourense. Mirei cara atrás e a persecución continuou ata que cheguei a casa dos meus avós e deixei de notar alguén detrás miña. Cando me quixen dar conta, tiña o meu perseguidor diante miña e a única maneira que se me ocorreu para desfacerme del foi saltar polo balcón. Pero el tamén saltou e cando pensaba que xa non había fuxida, decateime que era o meu curmán que me traía algo que esquecera na súa casa. (O último recibo da lus?)
Texto aportado por......FELPS

SOÑO ESPECTRAL


Saio da miña casa, collo o corredor e diríxome cara as escaleiras. Cando estou baixando vexo algo que me sobresalta e me acelera o corazón, é un espectro escuro, alto e estrañamente definido; semella un lobo parado nas patas traseiras e cuns ollos verdes penetrantes; non era medo o que sentía naquel intre senón incertidume ao non saber por que vía aquela imaxe e por que me seguía. Saín do edificio; ao baixar as escaleiras suponse que me tiña que atopar nunha esplanada chea doutros edificios e casas, sen embargo atopábame, de súpeto, e sen saber por que nun bosque; aquilo resultoume moi estraño; ollaba ao meu redor tentando distinguir aquel lugar pero non me parecía telo visto antes, nin ter estado antes alí. De súpeto mirei a un lado e volvín ver a mesma imaxe, desprazábame e ela seguíame a todas partes, cando ollaba para seguila coa vista, desaparecía rápida e misteriosamente; miraba para outro lado e volvía aparecer, era como se se movese a velocidade da luz.

Comezo a inquietarme, o espectro aparece diante miña sen previo aviso, estamos cara a cara. Na súa forma indefinida concrétanse nitidamente un par de ollos de todas as cores, abalánzase sobre min e...esperto.


Texto aportado por........SABOROSO

luns, 24 de xaneiro de 2011

CINSENTA



Era unha vez unha rapaza chamada Cinsenta que vivía coa súa madrasta, unha muller malvada que tiña como único interese o diñeiro do difunto pai da nena; tamén vivía coas súas medio irmás, que eran réplica exacta da súa nai.

Trataban a Cinsenta como unha escrava, obrigándoa a facer todas as faenas da casa e Cinsenta, que era tan boa que chegaba a ser parva, facíaas.

Un día o rei organizou unha festa na discoteca do pobo para dar cunha noiva axeitada para o seu fillo, o príncipe. Todas as rapazas da vila debían asistir coas súas mellores galas. Cinsenta pediu permiso á madrasta para ir ela tamén, pero a mala pécora non a deixou e obrigouna a limpar toda a casa esa mesma noite. Así que as tres bruxas marcharon Cinsenta botouse a chorar. Entón apareceu un pequeno elfo que, chiscando os dedos díxolle: "espabila, nena, non pode ser que sigas sendo tan parva!" e desapareceu.

De repente, Cinsenta deixou de chorar, foi ao cuarto das súas medio irmás e colleu un dos seus horribles vestidos. Despois de utilizar o seu enxeño en costura, quedoulle un vestidiño ben xeitoso. Colleu a moto da madrasta e foi á festa principesca.

Ao chegar alí, cando o príncipe a viu, quedou pampo e namorou perdidamente. Foi un frechazo. Acercándose a ela moi a modiño díxolle: "gastas pista?" e ela díxolle: " pois claro!". Despois de botaren uns bailes, o DJ anunciou que eran as 12 da noite. Entón Cinsenta tivo o presentimento de que tiña que estar de volta na casa antes que a súa madrasta e as lerchas das súas medio irmás. Botou a correr cara a moto como unha bala pero polo camiño perdeu o seu coleteiro no que quedara enganchado un pelo da súa longa e metálica cabeleira. O príncipe, desconcertado, saiu detrás dela, pero o único que atopou foi o coleteiro.

Mandouse o único pelo a un laboratorio para que se lle fixesen as probas do ADN e saber de que zona era a propietaria. Estreitando o cerco da investigación chegou de novo estar fronte a Cinsenta. A rapaza marchou co príncipe, non deberon casar porque na tele non dixeron nada, nin saíron fotos nas revistas. O que si se sabe é que as tres bruxas quedaron mortas de envexa na casa facendo as súas propias faenas, porque ninguén lles quixo ir de criada.

MINISOÑO


Érgome pola mañá para ir ao instituto. Almorzo na cociña e despois vou ao cuarto para me vestir. Logo vou ao baño e lavo os dentes. Cando termino vou de novo ao cuarto de durmir, poño a cazadora, dispóñome a saír pola porta, ábroa e xa estou entrando polo insti. Soa o espertador da realidade e acaba o soño.

IMAXES ONÍRICAS


Saio da casa, decátome que me quedaron as chaves atrás. Subo as escaleiras e cando chego arriba e vou entrar na casa, meto a man no peto e alí están as chaves. Que raro! se é o primeiro sitio que vin antes de subir! Vou cara á escola, no medio do camiño decátome que xa estou sentado no meu pupitre, non dou creto. O resto da mañá transcorre con aparente normalidade, ah! esquecín dicir que pisei unha poza sen que o meu pé chegase a entrar en contacto coa auga, aguantouse no exterior como se de cemento se tratase. Ao rematarmos as clases Santi e Jabi dixéronme de ir pegarlle uns tiros ao balón. Todo vai normal ata que un dos meus disparos ao largueiro dereito é interceptado pola man de Santi que, situado no largueiro esquerdo da portaría, alonga milagrosamente o seu brazo como se estivese feito de plastilina ata acadar a longura necesaria. O peor é que eu semello ser o único escandalizado co acontecemento, os demais semellan observar o cucedido coa máxima normalidade. Ao voltar a casa, indo pola beirarrúa, un coche avalánzase sobre min pero unha chamarada intensa que sae das miñas mans consegue pulverizar o coche un pouco antes do impacto. Vou dereito para casa desexando que isto acabe. Nada máis chegar, vou dereito para cama e, no mesmo intre que apoio a cabeza na almofada, esperto. Era un soño.
O soñador é.....BOB

venres, 21 de xaneiro de 2011

PINOCHIO RECONVERTIDO


Hai moito tempo, un neno de madeira, feito con moito amor por un vello carpinteiro, chegou a presidente; é unha longa historia, así que só vou contala por riba.


Gipini, o carpinteiro, levaba toda a súa vida só, nunca tivo moita sorte, nin coas amizades nin coas mulleres, pero era un bo carpinteiro, o máis recoñecido de Marín de Arriba.


Un día, farto de tanta soidade, comezou a fabricar un robot, pero non era experto en modelaxe de metal, así que optou por facelo de madeira; os primeiros prototipos arderon e había perigo de que matasen alguén, pero uns anos despois conseguiuno, e púxolle Penico.


Anos máis tarde, Penico xa ía ao colexio, estudaba moito e tiña moitos amigos. Pronto pasaron a infancia e a adolescencia e non tardou en facerse adulto. Penico descubriu que canto máis mentía, mellor o facía. Fixádevos que conseguiu enganar a xente toda e por votación popular chegou un bo día a facerse presidente...


Agora é un dictador severo e inflexible.
Versioneado por.....CENTOLOMAN